28/03/2009

ONCE XORNADAS SEN GAÑAR

Empate (0-0). Once semanas sen gañar. O técnico do Albacete Juan Ignacio Martínez gañoulle a batalla táctica a Eusebio na primeira parte do partido. O Albacete saíu coa defensa bastante adiantada e con superioridade numérica no medio campo, polo que o Celta hoxe nin sequera dominou a bola como acostumaba nos últimos partidos en Balaídos. Non hai mellor xeito de facerlle dano ao Celta que forzarlle perdas de balóns no centro do campo. Kitoko e Verza, os mediocentros manchegos afogaban seguido ao céltico que procurase sacar o balón. E así chegaron mesmo dúas contras de moito perigo que a piques estiveron de converterse en gol e adiantar os albaceteños, que non tiñan problema pra gañarlles as costas os centrais ou laterais do Celta nun dos males endémicos dos vigueses esta temporada. O Alba se de algo pecou foi de falta de ambición no primeiro tempo para marcar un goliño que fixese xustiza ao que se estaba a ver no campo. No segundo todo mudou radicalmente. Trashorras ofreceuse moito máis e comezou a facer correr o balón con moita velocidade e profundidade. David Rodríguez daba seguido sensación de perigo cando recibía perto da área e o Albacete puña a defensa moi atrás e renunciaba por completo ao ataque. O Celta procurou insistentemente o gol e púxoselle o partido de cara ao expulsar o árbitro a Kitoko por segunda amarela no min.58. Balaídos animouse e o gol rondou a porta de Cabrero en varias ocasións. Dinei , porén, demostrou que o seu enfado co gol é verdadeiramente preocupante. David Rodríguez, o mellor hoxe con Trashorras, tamén fallou algún gol claro. Á falta de acerto dos dianteiros xuntouse a mala sorte. A falta de cinco minutos Trashorras enviou un magnífico disparo de falta directa ao pao. O rexeite encanonouno Michu contra o traveseiro. Foi a mellor ocasión. Logo o albacete quedou con dous homes menos por expulsión primeiro de Trotta e logo de Alberto. Pero o Celta foi incapaz de marcar con tres homes máis pois o albacete procurou demorar o xogo o máis que puido. O Celta non acaba de atopar o camiño cara a tranquilidade. No segundo tempo de hoxe amosou boas trazas, no primeiro deu pena. Suma xa once partidos sen gañar, catro con Eusebio, e o descenso segue axexando. (Foto da web oficial do Celta)

2 comentários:

  1. Coincido contigo e que é bastante doado xogarlle ao Celta, basta con presionar o medio do campo, presionar a Trashorras para que a ansiedade que ten este home faga o resto, estar ordeados defensivamentee aproveitar unha contra, unha xogada a balón parado ou un dos infinitos erros da zaga celeste.
    De tódolos xeitos a actitude da primeira parte é para que o analicen con moito coidadiña durante a semana. Xogaban a dous por hora, a balonazo limpo en plan ligas comarcais, cos xogadores de medio campa cara arriba estáticos, Borja Oubiña e Renan sen saber moi ben onde poñerse, Edu Moya ao que lava facendo toda a tempada, David perdido na banda, öscar Díaz entre anárquico e despreocupado... un escándalo.
    Na segunda parte, Eusebio decatouse de que a alma, a orde e o traballo deste equipo reside en Rosada e entre a aportación do "Bombón" e. supoño, un "toque" dado nos vestiarios o equipo cambiou radicalmente, pero como falta claridade, un chisco -bastante- de calidade, confianza e están terriblemente nervosos, se a pelota non entra, non entra.
    Así pois, conformarnos porque Alavés e Eibar son peores que nós. As Palmas e Albacete non semellan mellores e Murcia e Elxe empérranse en agardar por nós e dar gracias a que Toché debe ter o pé pequeno porque sempre lle faltaba un anaco para chegar ao balón.

    Primeiros erros de Eusebio: a suplencia de Rosada, imperdonabel cando é o único que mantén o nivel. Non poñer a David de dianteiro centro, como referencia, é un xogador que precisa confianza e cando volva enchufar outro vaina coller. Non convocar a xogadores de ataque do filial, ben sexa de segunda liña -Iago Aspas que esta en moi boa forma- ben sexa dianteiros.
    O derradeiro erro é que o estilo que quixo impoñer de tocar o balón desapareceu por completo, entendo que se no medio do campo Oubiña e Renan non se ofrecen... e Rubén, ademais, ten tendencia natural ao patadón...

    ResponderExcluir
  2. Que non puxera de inicio a Rosada si que foi incomprensible, sobre todo porque nunca mellor Rosada se viu no Celta que co novo sistema que propuña Eusebio. Parecía un dos pucos méritos do novo adestrador.

    O de Rubén é de traca! Mesmo intentou un recorte na frontal da área contraria que case supón un contrataque perigoso!

    Boa razón tes ao dicir que a sorte do Celta ten que ver con que o Alavés e o Eibar son peores, pois ata empatar é un triunfo visto o visto. En fin, ánimo e non decaiades os que aínda ides por Balaídos.

    ResponderExcluir