04/03/2009

FOLGA NO TEUCRO

Un dos clubes míticos do deporte galego, a Sociedade Deportiva Teucro de Pontevedra, fundada en 1945 e referente histórico do balonmán galego, vive esta semana unha situación crítica, acuciado polas débedas e cos xogadores en folga, cabreados polo incumprimento por parte do club das promesas para o pagamento de varias nóminas atrasadas a plantel e corpo técnico. O sábado hai partido contra o Arrate e os xogadores que levan dende o luns sen adestrar, están dispostos a plantar o partido se para o daquela non hai unha solución satisfactoria ás súas reivindicacións. O presidente interino da entidade, Evaristo Estévez, amosa a súa "desilusión" pola medida acordada polos xogadores e inda que ve improbable a desaparición do club pois dispón "dun bo traballo de canteira", é pesimista ao respecto da permanencia do Teucro na Asobal. De feito, o equipo xa ocupa postos de descenso cun punto con respecto do equipo que marca a salvación, o Alcobendas. Non quero entrar a valorar os feitos duns e doutros pois non dispoño da información abonda, mais tamén considero lexítimo o dereito duns traballadores a cobrar o seu xornal- hai que ter en conta que os profesionais do balonmán tampouco teñen soldos escandalosos senón que están máis perto dos do común dos traballadores-. Mais si que quero mandar unha voz de alerta para que a sociedade se interese pola situación dun club histórico ao que non se debe deixar desaparecer. Clubes como o Teucro son pezas fundamentais no tecido deportivo e social dun país, mais só reparamos para eles cando conseguen algún suceso. Despois viven eclipsados polos clubes de elite, e non sempre sequera polos galegos. Responsabilidade especial debera ter a Televisión de Galicia que nos últimos tempos descoidou notablemente o interese polos equipos pequenos e por todos aqueles deportes que non fosen fútbol, cando o seu papel é fundamental para crear e conservar afición.

Nenhum comentário:

Postar um comentário