11/03/2009

DALLAS AFUNDE OS SUNS

Phoenix Suns afúndese na lameira. Despois da chegada de Alvin Gentry parecía que os Suns recuperaban os mellores sinais de identidade do seu xogo cunha xeira de seis vitorias e dúas derrotas. Mais nos últimos cinco partidos, ante equipos punteiros, afloraron de vez todos os problemas dun equipo murcho, sen ningunha profundidade no banco: apenas Barbosa, e con Stoudemire mancado polo que resta de temporada. Onte a puntilla dérona os Mavericks no US Airways Center de Phoenix. O partido era unha auténtica final por canto Dallas marcaba a referencia dos playoffs. Perder supuña para os Suns renunciar, practicamente, a calquera posibilidade de entrar entre os oito primeiros do Oeste, e perderon (120-117) ante un equipo texano liderado maxistralmente por Dirk Nowitzki, que anotou 34 puntos e apañou 13 rebotes. A inferioridade dos Suns, precisamente, nesta faceta do xogo: o rebote (46-36) foi o factor decisivo nun partido vibrante e igualado ata o final. Mentres que no Leste mantense o incertidume por que equipos entraran no play off, no Oeste parece que os oito postos están decididos. Só falta saber o posto definitivo na Liga Regular. Os Jazz, por exemplo, conseguiron onte a súa duodécima vitoria consecutiva, desta volta na cancha dos Pacers (112-100). Os Spurs cortaron (86-100) a fantástica xeira de seis vitorias consecutivas dos Bobcats, que se perfilan como aspirantes a entrar nos play offs do leste. Pola súa banda, Lebron asinou un novo triple doble (32 puntos, 13 rebotes, 11 asistencias) na vitoria de Cleveland (87-83) na cancha dos Clippers. (Foto de mwinog2777)

Nenhum comentário:

Postar um comentário