30/04/2009

SEN NOTICIAS DO ARSENAL

O Arsenal pódese dar cun canto nos dentes de non ter saído goleado de Old Trafford. O Manchester United foi moi superior a un Arsenal pobre, pequeno e incapaz. Almunia foi, con diferencia, o mellor do seu equipo e grazas a algunhas intervencións realmente destacadas, evitou unha goleada que tería sentenciado a eliminatoria. O United, que tampouco é que estivera moi brillante nas últimas semanas, despistado atrás e afortunado diante, onte recuperou a súa mellor imaxe, dominando de inicio o partido cun xogo rápido, dinámico, vistoso e vibrante. O bo xogo dos de Ferguson non depende tanto do talento de Ronaldo, como da calidade combinada cunha constante loita e sacrificio de Wayne Rooney e Carlos Tévez. Estes dous móvense sen cesar por todo o campo, procurándolles apoio aos seus compañeiros, ou desmarques por detrás da defensa, ou espectaculares cambios de orientación, ou aparicións no lugar preciso para o remate... un auténtico espectáculo, en definitiva. Rooney apareceu xa de inicio, cando apenas se cumprira un minuto, para rematar un centro de Ronaldo. Almunia fixo un auténtico paradón. Logo Tévez buscou unha parede con John O´Shea e o remate evitouno outravolta o gardarredes navarro. O gol, non obstante, marcouno o xogador menos glamuroso do United, O´Shea, aparecendo intelixentemente no segundo pao para rematar unha bola solta na área. O Arsenal apenas saía do seu campo, e o seu sistema defensivo logo se desfacía por culpa da mobilidade dos dianteiros do contrario. Cesc Fábregas, con Carrick seguido na caluga, non entraba en xogo como nel é costume, e se Cesc non participa o xogo do Arsenal baixa moitísimos enteiros. A presenza de Walcott e Samir Nasri no partido foi máis ben testimonial. Adebayor era un náufrago, só e abandonado entre a defensa contraria. O guión do partido apenas mudou no segundo tempo. O Manchester seguía chegando con inusitada facilidade á porta de Almunia, que inda tivo tempo de facer máis intervencións meritorias. Ferguson deulle merecido descanso a Tévez e meteu no campo ao galés Ryan Giggs, que cumpriu nada menos que 800 partidos coa camisola do United. Ronaldo, cuxo talento aparecía por contagotas, a piques estivo de superar o seu gol no Porto cun espléndido trallazo que sacou o pó do traveseiro da porta londinense. Do Arsenal seguía sen haber demasiadas noticas, apenas que a medida que se achegaba o final do partido, o resultado, curto de máis vistos os méritos duns e doutros, dáballe azos para procurar un golpe de sorte que puxera a eliminatoria do seu lado. Non foi tal porque desta volta a defensa do United, nas poucas ocasións que tivo que intervir estivo perfecta e non concedeu a máis mínima oportunidade de gol. O 1-0 ao remate do partido é a mellor nova que pode extraer Wenger do visto en Old Trafford. O United foi moi superior e o plantel actual dos londinenses pareceu insuficiente para lle poder plantar algo de cara. Con todo, xa sabemos da paixón do fútbol inglés, polo que no Emirates, e cunha final en xogo, o partido pode deixarse ir polo lado da emoción e coller o camiño máis inesperado. O Manchester, non obstante, é a estas alturas o maior favorito para estar na Final. (Foto collida na web da UEFA)

29/04/2009

DALLAS CONSUMA O ADEUS DOS SPURS

Dallas elimina a San Antonio. Dende o ano 2000 que os Spurs non eran eliminados na primeira rolda dos playoffs. Dallas, pola contra, non gañaba unha serie dende facía tres anos. Para o equipo de Rick Carlisle foi máis fácil do agardado. Aflorou por fin (106-93) a calidade do conxunto, que apenas aparecera na Liga Regular e foi suficiente para superar uns Spurs que acabaron depedendo en exceso de Parker e Duncan, e botando moitísimo de menos o carácter gañador do Manu Ginóbili. Por vez primeira na serie, o alemán Dirk Nowitzki asumiu o liderado en anotación dos Mavs (31 puntos). Nas semifinais de Conferencia agardan, posiblemente, os Nuggets, no que promete ser unha serie apaixonante para dirimir ao máis que probable rival dos Lakers na Final de Conferencia. Os Spurs levan un duro golpe que esixirá unha renovación do equipo de cara ao futuro. (Xogador do partido: (Dirk Nowitzki)
Os Lakers xa están nas semifinais da Conferencia despois de lle gañar (96-107) aos Jazz no cuarto partido, na volta ao Staples Center. Unha vez máis foi manifesta a superioridade do equipo de Phil Jackson sobre os Jazz, nos que nin Boozer nin Williams estiveron nos seus números. O equipo de Jerry Sloan dá por concluída unha das súas temporadas máis discretas dos últimos anos. No debe dos Lakers, outra vez, a súa relaxación no treito final do partido que permitiu unha recuperación do rival que, con todo, nunca chegou ameazar verdadeiramente o resultado. Gasol (17 puntos e 11 rebotes), Odom (26 puntos e 15 rebotes) e Kobe (31 puntos), foron novamente os mellores do seu equipo. (Xogador do partido: Lamar Odom)
Os Sixers perden en Orlando despois dunha pésima arbitraxe: Orlando gañou (91-78) o partido pero afrontará o sexto sen a súa grande estrela. Dwight Howard foi suspendido cun partido de sanción despois do cobadazo que lle arreou a Samuel Dalembert na loita por un rebote. Os árbitros do partido vírono pero no canto de expulsalo pitáronlle apenas unha técnica. No mellor blog sobre os sixers contan perfectamente como Howard, que fixo 24 puntos e 24 rebotes, cometeu unha chea de infraccións: pasos, dobles, faltas... ante a connivencia arbitral. Iso non quita que os Sixers, independentemente do seu incontestable espírito de loita, volveran caer nos mesmos erros que lle están a impedir gañar partidos ante un equipo que non é moi superior. Érranse demasiados tiros fáciles e cométense unha chea de imprecisións en contras aparentemente sinxelas. Andre Miller non tivo o seu mellor partido e Lou Williams segue sen ser o revulsivo anotador da Liga Regular. Tampouco Young está a gusto e Speights, o prometedor rookie de DiLeo volveu ver todo o partido dende o banco. Iguodala, porén, está a cumprir co seu papel de líder (26 puntos), malia que segue errando demasiados tiros libres, e Willie Green e Dalembert está facendo partidos máis que aceptables. Os Magic, desta volta, afinaron a puntería dende a liña de 3, especialmente un gran Rashad Lewis, e Alston anotou canastras decisivas. Vexamos que acontece esta madrugada sen Howard na cancha, e sen Courtney Lee, que abandonou a cancha lesionado e é baixa. (Xogador do partido: Dwight Howard)
Os Celtics gañan tras unha nova prórroga (104-106): Esta serie vai pasar á Historia. Será lembrada por moito tempo pase o que teña que pasar ao final. Pero Bulls e Celtics están a ofrecer un espectáculo extraordinario. Hoxe, nun partido de máxima emoción e igualdade, o equipo de 'Doc Rivers' impúxose despois dunha prórroga e de que Brad Miller errase dous tiros libres a falta de dous segundos que poderían ter forzado outros cinco minutos máis de xogo. Nos Bulls, Salmons e Ben Gordon anotaron sempre nos momentos decisivos e Derrick Rose tampouco se agochou, se ben cometeu algún erro froito da precipitación. Noah estivo espectacular no rebote apañando 17. Nos Celtics Ray Allen acabou desquiciado e eliminado por faltas pouco antes do remate do tempo regulamentrio, pero eríxironse tres grandes protagonistas: Rajon Rondo, que está a completar unha serie incrible e quedou a só dous rebotes do seu terceiro triple doble en cinco partidos (28-8-11), Paul Pierce, irregular durante o partido pero que procurou sempre a responsabilidade nos momentos decisivos sen que se lle encollese o pulso, e Kendrick Perkins, o center, que fixo 16 puntos e 19 rebotes. Ao final do partido, sobran os comentarios sobre o mal gañar de Kevin Garnett. (Xogador do partido: Kendrick Perkins)
Os Blazers salvan o primeiro match-ball. Estaban obrigados a gañar no Rose Garden para evitar unha eliminación que tería sido un auténtico xerro de auga fría despois das boas sensacións da Liga Regular. E facíano con Brandon Roy con molestias gripais e Lamarcus Aldridge con problemas nun ombreiro. Mais os dous foron, ao final, os principais artífices (con cadanseus 25 puntos) da vitoria dos de Oregon sobre os Rockets, que completaron o seu peor partido na serie, con 3-2 a favor dos texanos. (Xogador do partido: Brandon Roy)
Nuggets- Mavericks, primeiras semifinais confirmadas. Os Denver Nuggets certificaron (86-107) na súa cancha a súa brillante clasificación para as semifinais da Conferncia Oeste. É a primeira vez que o conseguen dende 1997. Agora crúzanse nunha serie que se promete apaixonante cos Dallas Mavericks, que veñen de eliminar aos Spurs. Onte volveron impoñerlle un avultado marcador aos Hornets que, con todo, inda mantivern o tipo máis da metade do partido. Finalmente, nunha enxurrada de acertos, os de George Karl marcaron un parcial de 24-4 e romperon definitivamente o partido. Carmelo Anthony, nado en Denver, foi o mellor do seu equipo con 34 puntos. (Xogador do partido: Carmelo Anthony)
Os Hawks sentenciaron no primeiro tempo. Está a ser esta unha eliminatoria ben igualada marcada, en boa medida, pola irregularidade dos dous equipos. O que pase poucas opcións parece ter para lle complicar as semifinais aos Cavaliers. Desta volta os Hawks fulminaron (91-106) aos Heat despois dun primeiro tempo no que o equipo de Spoelstra non soubo manter a calma nun segundo cuarto marcado pola extrema dureza e os piques entre varios xogadores. O caso é que ao descanso o parcial era de 40-63 e os de Miami decidiron deixar as cousas para o sexto partido na súa cancha. Josh Smith intentou un mate de concurso, pasando a bola por debaixo das pernas, que suscitou a indignación da prensa de Miami e aventura máis piques de cara ao seguinte partido. (Xogador do partido: Ronald Murray)
(Foto da web da NBA)

O CHELSEA SAE ILESO DO CAMP NOU

O Chelsea de Guus Hiddink foi un dos mellores equipos que pasou esta temporada polo Camp Nou. Non pecou de temerario e estudou polo miúdo todo o potencial ofensivo do rival para armar unha arañeira defensiva que apenas deixou resquicio ningún. O ex xogador do Porto, Bosingwa, ocupou o lateral esquerdo co único fin de utilizar a súa velocidade para frear a Leo Messi, mentres que no mediocampo, Xavi tiña sempre un can de présa, Mikel, que lle impedía darse a volta e impór o seu criterio no xogo. O Chelsea xogou con dúas liñas moi xuntas, que mantiñan sempre unha distancia prudencial coa súa propia portería e nas que as axudas eran constantes para evitar o xogo combinativo dos cataláns. Así que o Barça, malia intentalo, foi vendo devagar como se lle pechaba calquera acceso á porta de Cech. Só Henry, pola banda esquerda, era capaz de gañar a liña de fondo no desborde de Ivanovic. Iniesta, moi activo, procuraba seguido socios nas inmediacións da área pero sen sorte. Así, na primeira metade, o equipo de Guardiola apenas orixinou verdadeiro perigo. Aventurábase unha eliminatoria realmente complicada. En fronte había un equipo fisica e tácticamente perfecto. Ademais, como avanzado, tiñan a Drogba, un completísimo dianteiro capaz el so de amargarlle o día a calquera defensa, dada a súa potencia e calidade. O marfileño, de feito, dispuxo da ocasión máis clara de todo o primeiro tempo. Aproveitou unha pésima cesión de Márquez a Valdés para encarar so ao porteiro catalán. Por fortuna para a torcida culé, o de Hospitalet estivo xenial evitando o gol por dúas veces. Foi unha xogada decisiva que podía ter determinado a eliminatoria. Tras o descanso, O Barça confiaba en que a fatiga fose mermando o orde dos londinenses, que apenas dispuxeron da pelota en todo o partido. Pero o equipo de Hiddink está conformado por auténticos portentos físicos. Non decaeu o seu esforzo defensivo para desesperación dos blaugranas. Apenas Eto´o nunha arrancada de orgullo, foi quen de traspasar o muro e encarar a Cech nun un contra un, mais sen fortuna. A medida que o partido avanzaba cara o seu final, o Barça foi renunciando cada vez máis o seu estilo polo que un gol parecía máis difícil. O partido rematou, efectivamente sen goles, polo que o equipo de Hiddink cumpriu á perfección co seu cometido. A eliminatoria non está, en absoluto decidida. O Chelsea terá que mudar en parte o seu estilo en Stanford Bridge para procurar cunha pouca máis de ansia a porta contraria. Con todo, é un equipo que alén da súa disciplina defensiva e táctica, está sobrado de xogadores de ataque de inmenso talento e pegada. O Barça, pola súa parte, verase máis apurado atrás inda que disporá de máis espazos na parte de arriba. As grandes estrelas ás que tanto se lles chufou esta temporada: Messi, Xavi, Iniesta, Eto´o, Henry e compañía, están obrigadas a dar a súa mellor versión nese partido se pretende, efectivamente, consagrarse como tales. En definitiva, será unha volta apaixonante na que comprobaremos se o gran Guus Hiddink será capaz de gañarlle a partida ao debutante Guardiola que en apenas catro días, Bernabeu e Stanford Bridge, xogarase o éxito ou fracaso dunha temporada que se prometía gloriosa. (Foto da web da UEFA)

27/04/2009

O PORTO NON CEDE

Non son moito de apostar, pero non tería moito medo en apostar unha parte moi prezada do meu corpo a que o Porto vai gañar a Liga Portuguesa. O Sporting segue a catro puntos, é certo, e non decae na persecución, pero é tal a superioridade que transmite o equipo do Jesualdo Ferreira que parece imposible pensar nun desenlace inesperado do campionato. Onte, o Porto xogaba na casa ante o Vitória de Setúbal sabedor de que o Sporting non errara no seu partido ante o Estrela de Amadora. Ferreira tiña dúas baixas importantes: o Lucho González e o Hulk, pero supliunas con dous homes que están a cumprir sobradamente: Mariano González e Farías. O adestrador sadino, Carlos Cardoso, foi descaradamente polo empate. Puxo dúas liñas de cinco a protexer a área e achicar canto balón se achegase pola porta de Kieszek. Así que o guión foi o esperado. No principio do partido, atacou o campión con certa soltura. O balón chegaba ás bandas, Mariano pola dereita e o incansable Cissokho, que por certo debutara en Portugal co Vitória, pola esquerda, pero a defensa verde rexeitaba con máis ou menos problemas os centros á área. E os portistas comezaron a cansar de bater contra un muro, polo que en determinados momentos entraron nunha certa inoperancia no seu xogo que desesperou ao público do Dragão. Nos momentos de maior aborrecemento, mesmo o Vitória de Setúbal organizou unha expedición á área contraria que a piques estivo de darlle un disgusto a Helton. Bruno Gama aproveitou a empanada de Tomás Costa no lateral dereito, e quixo sorprender cunha vaselina ao gardarredes, que despexou a córner. No segundo tempo, Carlos Cardoso blindou aínda máis o autobús. Retirou a Bruno Gama e Leandro Lima, os seus dous mellores xogadores do ataque (por certo, ambos os dous cedidos polo Porto) e meteu outros dous homes defensivos. Mal lle saíu a xogada porque ao pouco Lisandro López desfacía nunha xogada de gran sutileza, a mesta arañeira do Vitória. O arxentino, moi romo esta temporada, recupera as sensacións da pasada. Conseguido o máis difícil, o resto do partido foi moito máis agradecido. O propio Lisandro marcou o segundo e ‘Cebolla Rodríguez’ case mete o terceiro nunha excelente xogada que rematou cun disparo ao pao. Nos últimos dez minutos, Jesualdo Ferreira deulle a oportunidade a xogadores que están a contar con poucos minutos: Guarín, Tarik e Rabiola. O Sporting, como dixemos, non tropezou en Alvalade ante o Estrela de Amadora, que viña de gañarlle na Taça ao Porto. Como a pasada semana Liedson marcou o gol da vitoria, no minuto 10 do segundo tempo. Helder Postiga adiantara aos franxiverdes aos 19 minutos mentres que Goianira empataba pouco antes do descanso. Outra loita interesante é a do cuarto posto. Nacional de Madeira non cede.Gañoulle 1-2 en Lisboa aos Belenenses. Desta vez non marcou Nenê. O Sporting Braga segue a un punto grazas a un gol no último minuto do ex do Porto Alan ante o Trofense. (Foto da web do Porto)

O BARÇA CEDE EN MESTALLA

Estaba claro que de non pasar nada este fin de semana, de quedar todo como estaba, a Liga quedaría practicamente senteciada pese ao partido do vindeiro sábado no Bernabeu. Era unha xornada no que tanto o brillante Barça como o imparable Madrid defrontaban saídas realmente complicadas que medían a súa verdadeira dimensión competitiva. O Barcelona chegaba a Mestalla co compromiso de mañán contra Chelsea á espera. Guardiola non escatimou e foi a pola vitoria, pero o Valencia, moi recuperado despois da crise deportiva e institucional de fai mes e medio, non parecía disposto a poñerllo fácil. Nos primeiros minutos do partido, o equipo azulgrana procurou atopar axiña os seus sinais de identidade. Xavi e Iniesta son, polo xeral, os xogadores que teñen que marcar o ritmo do partido para que se cumpra o plan agardado. Ademais de Messi, claro está, e a súa capacidade de desbordar en calquera momento. Emery puxo un central, Alexis, sobre o arxentino, e cumpriu bastante ben co seu cometido. Pero o Barça, devagariño íase facendo c control do partido e na primeira ocasión na que se atoparon Iniesta e Messi na frontal da área naceu a primeira oportunidade do xogo e, en consecuencia, o primeiro gol: unha mágnífica combinación entre o manchego e o arxentino que aproveitou para adiantar o seu equipo. Pero foi co marcador en contra que apareceu o mellor Valencia. Pouco a pouco foi buscando os espazos por detrás da defensa blaugrana, con balóns a Villa, Mata ou Silva, polo xeral, sempre no límite do fóra de xogo. O equipo de Guardiola comezou a verse un pouco apurado e Baraja e Marchena mandaban máis no centro do campo. O empate, porén, chegou nunha xogada a balón parado, cuxa defensa é unha das grandes eivas esta temporada do equipo catalán. Maduro apareceu no medio do barullo e empuxou un centro para conseguir o 1-1. Case sen tempo para encaixar o contratempo, apareceu Pablo Hernández, un xogador moi interesante que ten a ousadía, a calidade e a técnica para intentar o que lle pasa pola cabeza e fabricou un gol extraordinario pouco antes do descanso. Superou polo medio, cun toque sutil, aos dous centrais do Barça e definiu con mestría ante a saída de Valdés. A Liga púñase quente. Na reanudación o Barça non mellorou en exceso. Custoulle facer o seu fútbol ante un rival hipermotivado que, ademais, enxerga a posibilidade de acadar a terceira praza, obxectivo imposible fai un mes. Guardiola deulle entrada a Henry e o francés foi o máis lúcido dos atacantes barcelonistas. Nada máis aparecer no campo tivo dous disparos perigosos e intencionados que puxeron a César sobre aviso. O gol non foi tan brillante. Foi apenas un rebote que lle caeu ao propio Henry para empurrala e marcar o empate. O Barça, a verdade, non mereceu moito máis, nun partido que mostrou as limitacións do plantel culé ante un equipo competitivo a estas alturas avanzadas do campionato. Con todo, quedáballes agardar porque o Sevilla sacase un resultado positivo ante o Real Madrid. O equipo de Jiménez, que parecía navegar pola Liga sen obxectivos por diante nin ameazas por detrás, está agora ameazado por Valencia e Vilarreal, polo que mesmo podería perigar a súa clasificación para Champions. Por iso, ademais de polo propio morbo dun partido contra o Real Madrid, o Pizjuán era unha caldeira. O equipo branco chegaba sen Pepe, obviamente, nin Robben, cun ataque mermado no que Guti e Marcelo acompañaban a Raúl e Higuaín. E despois duns minutos máis intensos que brillantes, o Sevilla marcaba na única vez que Lassana Diarrá chegaba tarde á acuda no lateral de Sergio Ramos. Foi así que Pierotti puido preparar o centro que rematou brillantemente Renato. Tocáballes aos brancos remar outravolta contracorrente, pero é algo o que están máis afeitos. Melloraron moito cando Higuaín abandonou a banda e explotou cada fenda na defensa sevillista. O empate, con todo, chegou por medio dun rebote que lle chegou a Metzelder, que volvía dunha xogada a balón parado, en banda dereita e este comportouse como un verdadeiro extremo para lle enviar un gran pase a Raúl que marcaba no primeiro pao. Á volta do descanso O Madrid saíu a completar unha nova heroicidade e favoreceulle o baixo estado de ánimo dun dos peores Sevillas do último lustro. Raúl, por dúas veces, tirou de pillería na área e puxo o 1-3 que parecía confirmar a decimosétima vitoria dos brancos en 18 partidos (levan 52 dos últimos 54 puntos en xogo). Parecía que o Sevilla podía reaxir despois de que Capel aproveitase un erro de Sergio Ramos na marca tras un centro de Navas, pero aos andaluces faltoulles a ambición e a calidade suficientes paa poñer en problemas a un Madrid que xoga co coitelo nos dentes. Marcelo, no desconto, puxo o 2-4 e o medo no corpo do barcelonismo que está obrigado cando menos a empatar o sábado no Bernabeu. Outro resultado sería realmente temerario visto como anda este Madrid guerrilleiro que non dá un partido por perdido. Nin sequera por empatado. (Foto da web da UEFA)

TENDENZAS AUTODESTRUTIVAS

No Faro de Vigo defíneno ben: tendenza autodestrutiva. O Celta é exactamente iso, un equipo que independentemente do día, do xogo, do resultado, das sensacións, do esquema táctico, do rival, acaba complicándose a vida de mala maneira. E todo por un problema de coco. Tampouco é que se poida dicir que o Celta sexa un equipo sobrado para a Segunda División, máis ben ao contrario, pero xa son demasiadas veces que acaba batendo coa mesma pedra. O de onte, segundo contan as crónicas –non puiden ver o partido- é o enésimo exemplo disto que estamos a falar. Eusebio procurou unha pequena revolución táctica. Do mesmo xeito que Lotina apelara aos cinco centrais no sseu momento máis crítico na Coruña, o de La Seca, decidiu poboar a defensa e darlle maior liberdade aos carrileiros para se incorporar ao ataque, non en balde un home de ataque como Óscar Díaz ocupaba un dos carriles. E a cousa parece que non saíu ml de inicio. O Celta dominou con relativa comodidade ante un rival ao que, honestamente, non lle vai demasiado no que queda de aquí ao remate do campionato. Óscar Díaz marcou o primeiro rematando unha xogada a balón parado e pouco despois Ghilas, o atacante máis entoado nas últimas semanas, marcaba o segundo. Con 2-0 ao descanso quedaba por ver aínda se o Celta sería capaz de facer o que temía a meirande parte dos poucos seareiros que foron a Balaídos. E foi capaz. E desta volta non se pode falar tampouco de erros defensivos puntuais, nin apuntar a Falcón, que volveu á titularidade despois dos catro de Vallecas. Foi máis ben unha cuestión de coco, é de supoñer, ou a certeza por parte dos propios xogadores de que se as cousas poden saír mal logo sairán moito peor. O Levante empatou en dúas accións illadas de Pedro Vega, e o Celta xa ten o descenso a cinco puntos a falta de oito partidos aínda. Eusebio mudou o sistema e, por momentos, non lle foi para mal, pero, é que pode sacar algunha conclusión consistente? Iso da autoaxuda... funcionará? O que está claro é que deberá que procurar solucións alternativas.
(Foto da web do Celta)

PONTEVEDRA DESPÍDESE DO ASCENSO

As poucas esperanzas de ascenso que lle quedaban ao Pontevedra esvaéronse na Malata no derbi ante o Racing de Ferrol que, a estas alturas, ocupa a cuarta praza e é, dos galegos, o que máis opcións ten de disputar a promoción. O equipo de José Aurelio Gay consumou o seu pésimo treito final de campionato despois de que a esperanza retornara a Pasarón coa chegada ao banco do técnico maño, que conseguira unha espectacular xeira de seis vitorias consecutivas. O Racing gañou grazas a un gol co calcaño de Nano, aquel rapaz coruñés que chegara a debutar en primeira co Barcelona, onde algúns querían ver ao sucesor de Rivaldo. Un ano máis á torcida do Pontevedra danlle cun canto nos dentes, ao ver como un plantel favorito sempre ao comezo da época, acaba rendendo por debaixo das súas posibilidades. O de Ferrol era o último madeiro ao que agarrarse, pero o equipo volveu dar unha pobre imaxe en canto xogo e actitude. O Racing, pola súa banda, malia un fútbol irregular e pouco brillante, está a xestionar con solvencia os últimos partidos e parece en condicións de instalarse entre os catro primeiros ao remate da temporada. O Celta B empatou en Zamora con gol de Oriol...Zamora. Para o equipo castelán marcou un ex do Fabril, Senel. Precisamente o filial do Dépor empatou en Santiago co Ciudad e practicamente certifica o seu descenso a terceira. O Lugo, pola súa parte, mantén aínda opcións, inda que moi complicadas, de meterse entre os catro primeiros, despois de golear no Anxo Carro ao Racing B por 4-0. (Foto da web do correo)

26/04/2009

HUMILLACIÓN HISTÓRICA

Incrible!. Os New Orleans Hornets sufriron unha humillación para a historia na súa propia cancha. Perderon de nada menos que de... 58 PUNTOS!!! (121-63) ante uns despiadados Denver Nuggets, que en ningún momento pararon o seu baloncesto desbordante. Foi un partido dos que marcan unha franquía. Os Hornets, que xa deran sinais preocupantes na segunda parte da Liga Regular e no inicio desta serie de playoffs, xa non pode agochar que son un equipo ben cativo, ermo de talento alén de Chris Paul e David West. Foi un partido que pode marcar tamén, a carreira de Chris Paul. Con ChaunceyBillups en frente, fixo o peor partido da súa vida. Apenas anotou 4 puntos e deu 6 asistencias en 36 minutos que permaneceu na cancha. O público abandonara en masa o New Orleans Arena xa o remate do terceiro cuarto, perplexo ante o que estaba a presenciar. Denver, pola súa banda, relambeuse como unha hiena ante unha vítima tan inocente. Xa sentenciara no primeiro cuarto (36-15), pero en ningún momento se apiadou do rival. Seguiron xogando como se lles fora a vida en cada bola. George Karl está encantado do xogo do seu equipo. O grupo de díscolos e talñentosos xogadores dos que dispón, mais Chauncey Billups, están entregados e non se poñen ningún límite de cara ao futuro. Augúranse unhas fascinantes semifinais de conferencia ante os Dallas Mavericks, inda que antes os Nuggets non deberan esquecer que malia a humillación histórica que lles infrinxiron aos Horntes, inda queda por gañar un partido. Haberá que ver se aos Hornets inda lles queda un mínimo orgullo para reparar a súa maltreita imaxe no Pepsi Center da cidade de Colorado. (Xogador do partido: Carmelo Anthony)
Os Mavs a un paso das semifinais de Conferencia. Os Dallas Mavericks gañaron (90-99) por segunda vez na súa cancha e están a piques de consumar a primeira sorpresa- se é que así se lle pode chamar- da primeira rolda dos play offs. Ao contrario que nas anteriores vitorias nesta serie, os Mavericks non tiveron necesidade de parar a Tony Parker. O francés estivo xenial. Fixo nada menos que 43 puntos, (31 no primeiro tempo, no que é un record da franquía en playoffs), pero non foi suficiente, nin sequera coa axuda de Tim Duncan, que estivo moi ben e anotou 25 puntos e 10 rebotes. O xogo dos Spurs dependeu tanto das súas dúas estrelas que se fixo previsible. Entre Parker e Duncan anotaron 68 dos 90 puntos do seu equipo. Dallas, en cambio, foi un equipo. Destacou especialmente Jason Kidd, que no play off non se reserva como noutros partidos da Liga Regular. Fixo 17 puntos, 7 rebotes e 7 asistencias. Xenial estivo tamén Josh Howard, máximo anotador do seu equipo con 28 puntos, a maioría deles no segundo tempo do partido. Nowitzki non foi o home decisivo pero soubo facer un traballo suxo a favor do equipo (12 puntos e 13 rebotes). Barea, Terry, Wright e Dampier completaron tamén unha boa actuación e destacou o excelente traballo defensivo de Ryan Hollins, que acabou xogando 20 minutos e por momentos foi quen de pararlle os pés a tim Duncan. A serie volve ao AT&T Center de Santo Antonio e haberá que ver como responden os Spurs a esta situación límite. (Xogador do partido: Jason Kidd)
Os Lakers afastaron calquera dúbida que puidera aparecer tras o terceiro partido cunha vitoria contundente (108-94). Kobe Bryant estivo xenial e foise ata os 38 puntos cun excelente 16 de 24 en tiros de campo. O de Pennsylvania foi o líder dos Lakers nun segundo cuarto no que marcaron un parcial de 40-28. A incapacidade defensiva para parar a máquina de baloncesto de Phil Jackson acabou coas aspiracións dos Utah Jazz, cada vez máis dependentes de dous homes: Deron Williams (23 puntos e 13 asistencias) e Carlos Boozer (23 puntos e 16 rebotes). Nos Lakers, pola contra, ademais de Bryant apareceron os secundarios de luxo (Gasol e Odom), e sobre todo os reservas, como Walton, Vujacic ou Shannon Brown achegaron o suficiente para marcar a diferencia entre os dous equipos. De volta ao Staples, a serie parece máis que decidida. (Xogador do partido: Kobe Bryant)
Os Bulls gañan (118-121) despois de dúas prórrogas. Está a ser, sen dúbida a grande serie destes playoffs. Un equipo novo e alegre contra uns Celtics maduros de máis. Ademais, ofrece un espectacular duelo entre bases de gran futuro: o mellor rookie do ano, Derrick Rose e Rajon Rondo, que asinou o seu segundo triple doble consecutivo (25-11-11). Rose quedou a unha asistencia de conseguilo (23-11-9). No seu debe sete bolas perdidas mais no seu favor cómpre dicir que anotou 13 dos seus 23 puntos no último cuarto. (Xogador do partido: Derrick Rose)
Os Cavs, primeiros en pasar a semifinais de Conferencia (99-78). Era visto. Os Pistons non foron rival en ningún momento da serie para os Cavs e rematan unha das máis tristes campañas da súa historia recente. Rasheed e Iverson probablemente abandonen o equipo polo que é o momento de pensar seriamente na renovación dun plantel glorioso noutros tempos. Mais estes tempos son para os Cavs, que teñen en Lebron un líder famento de gloria. Onte fixo 36 puntos, 13 rebotes e 8 asistencias ademais de un notable 16 de 17 nun dos peros do seu xogo: os tiros libres. Lebron, ademais, non está so. Ilgauskas, Williams, West e compañía completan un plantel que é gran favorito para o título. Polo momento, foron os máis aplicados e contarán, xa que logo, con máis días de descanso. (Xogador do partido: Lebron James)
Turkoglu dalle a vitoria a Orlando cun triple no último segundo (84-81). Xa van máis de media ducia de partidos que os Sixers perden este ano cunha canastra no último segundo. Onte tocoulle a Turkoglu acabar coa esperanza de Philadelphia de forzar a prórroga. O turco, con esta canastra importantísima, resárcese dos seus pésimos tres primeiros partidos. Dwight Howard con 18 puntos e 18 rebotes dominou o xogo interior. Nos Sixers, Iguodala deu a cara en todo momento (13 puntos, 7 rebotes e 11 asistencias) e liderou un novo intento de remontada do seu equipo (como é habitual tivo que remar contra o marcador a maior parte do tempo), pero Miller non tivo o seu día máis afortunado e precipitouse en moitos momentos do xogo. A súa porcentaxe de acertos e tiros de campo estivo acorde coa pésima porcentaxe do equipo (38,8). A serie volve a Florida con vantaxe para os Magic, que seguen sendo os favoritos, se ben os Sixers xa demostraron que teñen calidade abonda para lles dar moita guerra. (Xogador do partido: Hedo Turkoglu)
Os Rockets a un paso das semifinais. Houston venceu (88-89) por segunda vez consecutiva. Outra vez cun marcador axustado mais demostrando maior calidade e veteranía nos momentos decisivos. A estas alturas, o equipo de Nick Adelman parece o único capaz de poñerlle as cousas algo difíciles aos Lakers no Oeste. Yao Ming (21 puntos e 12 rebotes) e Luis Scola (19-10) foron os máis destacados dos Rockets, onde tamén destacou Battier con 4 triples de 6 intentos. Peor estivo Artest, que tirou todo canto lle caía na man e fixo un pobre 5 de 20 en tiros de campo. Brandon Roy foi o mellor anotador do seu equipo con 31 puntos. A diferencia do terceiro partido, a participación dun anotador como Rudy Fernández foi máis ben testimonial con cinco tristes puntos. A serie volve a Texas e todo parece que está pronta a resolverse. (Xogador do partido: Yao Ming)
Os Hawks recuperan o factor cancha. Outra eliminatoria que denota a igualdade na Conferencia Leste, salvando a superioridade manifesta dos Cavaliers. O equipo de Atlanta recuperou o factor cancha ante Miami Heat tras vencer (81-71) con relativa comodidade no cuarto partido. O equipo de Mike Woodson soubo conter a Dwyane Wade, que quedou por debaixo dos seus números habituais (22 puntos, 6 rebotes e 7 asistencias). En Miami, ademais de Wade, só dous xogadores alcanzaron os dobles díxitos de anotación: O´Neal e Jones. Nos Hawks, pola contra, fixérono seis xogadores, destacando o partido do xeorxiano Zaza Pachulia, con 12 puntos e 18 rebotes. (Xogador do partido: Zaza Pachulia)
(Foto da web da NBA)

25/04/2009

PUIDO SER PIOR. MERECEU SER MELLOR

No partido máis importante dos que nos quedan ata o final da temporada o Dépor deu unha imaxe excelente, foi con determinación a polo partido, xogou moito mellor co contrario, remontou un gol en contra e superou unha arbitraxe nefasta. Por iso é unha magoa o empate, porque é un resultado inxusto despois de ver o que aconteceu na Rosaleda. O Málaga deu unha imaxe moi pobre, sendo como é o equipo revelación. Dende o inicio o Dépor meteuno na súa área. Lolo e Apoño, dous bos xogadores que están a ser unha das chaves do Málaga esta temporada polo seu traballo no centro do campo, apenas apareceron. O Dépor presionaba arriba e seguido recuperaba o balón para crear perigo. Lotina probou despois de moito tempo con dous dianteiros. Bodipo acompañaba a Lassad polo que o marsellés podía xogar máis tranquilo lonxe da área, de costas á porta, demostrando o seu gran talento técnico e táctico. A súa achega foi espectacular sobre todo no primeiro tempo e permitiu que lle chegasen moitos balóns a Pablo Álvarez e Guardado, que onte foron incisivos nas bandas, inda que non sempre tomasen a mellor decisión no último pase. A de Lassad é unha alternativa interesante a Verdú, demasiado irregular no seu xogo. O Málaga, que polo xeral procura o mesmo estilo de xogo que propón o Deportivo, non cheirou o balón na primeira media hora do partido. A primeira vez que o fixo foi porque o convidou o colexiado, que quixo ver unha infracción onde a ninguén lle tería acordado pitar o que pitou. Aranzubia vai sacar en longo, xusto nese momento tropeza con Salva polo que lle cae o balón das mans. Recólleo de novo. O árbitro, ante a sorpresa xeral, para o xogo. Indica libre indirecto. Non ten en conideración o empurrón, voluntario ou non, de Salva Ballesta. O Málaga non desaproveitou o agasallo e marcou, por medio dun ex-deportivista, Luque, cun furolo raso polo medio da portería que se comeu Aranzubia. Era un xerro de auga fría pois se alguén debía estar por diante no marcador era o Dépor. Con todo, os de Lotina non se viñeron abaixo e seguírono intentando coa mesma intensidade que na primeira media hora. Especial decisión demostrou o Dépor á volta do descanso. Dispuxo de varias ocasións claras ata que por fin, no seis, marcou o empate nunha xogada na que apareceu o Sergio de fai varios anos, espectacular no corte, no pase rápido cara unha banda, a de Guardado, e na aparición na área para rematar con decisión e calidade coa testa o centro de mexicano e acadar o 1-1.  Co empate restablecíase a xustiza e abríase a esperanza de acadar os tres puntos que catapultarían o equipo nos postos europeos. Pero o certo é que pouco a pouco os folgos foron minguando. Malia manter o dominio do xogo, o Dépor chegaba menos e con menor lucidez, mentres que o Málaga, moi de cando en vez, ameazaba á contra. Luque, sen dúbida o mellor do seu equipo onte, moi motivado ante os seus ex-compañeiros, tivo a máis clara ao mandar un trallazo ao traveseiro despois dun magnífico pase de Apoño e unha cantada de Manuel Pablo. Logo puido marcar outro pretendido de Lendoiro, Eliseu. Mais o Dépor tiña máis ganas e recuperou forzas tras os trocos. Entrou Riki por Bodipo e o madrileño deulle ao equipo algo máis de vivacidade arriba e mesmo podería terlle dado a vitoria de non ser porque o árbitro, o ínclito Álvarez Izquierdo, anulou o seu gol de cabeza tras un córner despois de apreciar unha máis que discutible falta de Lassad sobre o porteiro malagueño.  O escándalo arbitral aínda non chegara ao seu momento culminante. Este foi a falta de tres minutos para o final cando apreciou un penalti por unha falta de Manuel Pablo a Luque a tres metros da área. Lembrou aquel que apreciara en Riazor Diaz Vega sobre Alvelo nun derbi de fai moitos anos. MAlia as protestas dos xogadores coruñeses, o árbitrou non pestanexou. Apoño foi o encargado de tiralo. Levaba 7 de 7 no que vai de Liga. Por fortuna, apareceu o xenial Aranzubia para facer unha gran parada e evitar unha derrota que tería sido moi dolorosa despois dos méritos feitos na Rosaleda. Ao final 1-1. O resultado deixa un regusto amargo porque realmente merecimos a vitoria pero, cando menos, queda o consolo de pensar que podería ter sido peor de consumarse o maligno plan do árbitro do partido. Agora, como sempre, cómpre agardar que a boa imaxe de hoxe se confirme a vindeira semana contra o Valladolid. (Foto da web do Málaga)

WEBB E ROONEY FORON OS REVULSIVOS

O Manchester United volveu salvar in extremis unha situación complicada na súa loita co Liverpool polo título de Liga. Se Federico Macheda fora o gran revulsivo de Ferguson nos últimos partidos, onte preferiu apostar por Wayne Rooney para darlle a vulta a un partido que se lle puxera francamente complicado. O Tottenham Hotspur de Hary Redknapp, que avanza pola clasificación sen grandes esperanzas pero tamén sen grandes agobios, pasou por Old Trafford tranquilo, con ganas de amargarlle a festa a un grande, e no primeiro tempo abofé que o conseguiu. Defendeu perfectamente os inofensivos achegamentos do United á súa portería e, á contra, acabouse aproveitando dos erros infantís da zaga red. Nun centro de Corluka, aparentemente inofensivo, Bent gañoule a partida a Ferdinand e marcou sen piedade ante a saída de Van der Sar. Nunha xogada moi parecida, poucos minutos despois, Modric recibía só no segundo pao un centro de Aaron Lennon e marcaba o segundo. Complicábanselles moito as cousas aos de Ferguson, que sabían perfectamente que o Liverpool vencera na súa visita a Hull.  Había que queimar naves de cara a remontada e Ferguson, antes de ollar cara Macheda, preferiu tirar de veteranos e meteu no campo a Rooney por un inoperante Nani e a Scholes na medular por Darren Fletcher. O United, obviamente, mellorou, tamén porque os londinenses foron recuando de vagar cara a súa portería, pero o gol non foi produto tanto do talento dos xogadores do United, como da ousadía do árbitro Howard Webb ao pitar penalti nunha dubidosa entrada de Heurelho Gomes a Michael Carrick. A xogada é ben discutible e unha cousa está clara e é que Gomes dalle de sobra ao balón. O Manchester, en todo caso, non lle deu moitas voltas ao asunto. Ronaldo tirou e marcou - xa é pichichi-. A partir de aí comezou a exhibición do Manchester, desbordante no xogo ofensvio e cun Wayne Rooney xenial, aparecendo sempre polo sitio máis inesperado.  No 67 marcaba o empate despois dunha magnífica xogada, un minuto despois asistía a Cristiano para qiue marcase o terceiro, e pouco despois volvía marcar nunha xogada dubidosa pois non se aprecia de todo ben se o balón rebasa ou non na súa totalidade a liña de gol. Co partido roto, o United completou a manciña cun gol dun ex do Tottenham: Berbatov. O United recupera o liderato con tres puntos de vantaxe sobre o Liverpool e un partido pendente aínda ante o Portsmouth. Os de Benítez venceron no seu complicado compromiso no K. C. Stadium de Hull. Non fixeron un gran partido e por momentos foron desbordados pola intensidade do equipo de Phil Brown que, con todo, é un equipo demasiado inofensivo arriba, con dianteiros de moi pouca pólvora. No primeiro tempo, o Liverpool apenas tivo perigo na área contraria pero acabou marcando nunha xogada afortunada. Xabi Alonso aproveitou un rexeite da barreira nunha falta que el mesmo lanzara e marcou ante a sorpresa das bancadas. No segundo tempo, co marcador a favor, os reds administraron moito mellor a situación e fixeron dano á contra en varias ocasións, ata que acabou marcando o segundo Dirk Kuyt. Phil Brown puxo no campo todo canto ataque tiña no banco e a xogada deulle resultado pois nunha boa combinación etre Mendy , Cousin e Geovanni chegaba o 2-1, que marcaba o brasileiro. Pero o Liverpool non sufriu máis e no último suspiro sentenciou novamente por medio de Kuyt. O Chelsea, pola súa parte, gañou tamén o seu partido ante o West Ham, por 0-1, con gol de Salomon Kalou. Guus Hiddink, que xa non pensa na Liga, reservou a maioría dos seus titulares para o partido de semifinais da Champions do vindeiro martes. (Foto da web do manutd)

AFERRÁNDOSE Á MIRAGRE

O Rosalía, malia ter certificado matematicamente o seu descenso, aférrase aínda á esperanza da penúltima praza, que lle permitiría agardar polo miragre de conservar a categoría se algúns dos que acadan o ascenso dende a LEB Prata renuncia á súa praza por problemas económicos. É unha opción posible pero moi improbable que en todo caso esixía gañarlle no Sar ao Illescas, equipo co que compite por eludir a última praza. Conseguiuse (65-64) nun partido de infarto, grazas a unha canastra a falta de cinco segundos do grego Pavlidis coa buguina a piques de soar por fin de posesión. O curioso é que a canastra foi a única que anotou Pavlidis, xogaor máis determinate do Beirasar nas últimas semanas, en todo o partido. Os dous puntos son unha pequena alegría para os de César Iglesias, que viran como nos dous últimos cuartos os manchegos se lles subiran ás barbas, pero non agocha a decepción de non terlle dado á volta ao basket average, que esixía gañar por máis de oito puntos, polo que os santiagueses continúan sendo pechacancelas, coas mesmas vitorias co Illescas, a falta de cinco partidos para o remate da competición. Taylor foi o mellor do equipo con 21 puntos, ben secundado polo esloveno Cebular con 18 e unha moi boa selección de tiro. Pavlidis, malia os seus dous escasos puntos, contribuíu á vitoria con 11 rebotes. A nota negativa foi a lesión de Jordi Vallmajó, que precisou da axuda dos seus compañeiros para retirarse da cancha. O Breogán, pola súa banda, acadou a súa terceira vitoria consecutiva, desta vez ante Los Barrios,  e aséntase no cuarto posto da clasificación. Hoxe no Universitario tivo que remontar un marcador de 10 en contra no descanso. No segundo tempo aflorou a calidade dos lugueses e mesmo gañaron con comodidade (80-73). Volveu destacar, como a pasada semana, Dani López, con 13 puntos e 8 rebotes. Tamén destacou, como é normal, Brian Cusworth con 19 puntos e 6 rebotes. O ferrolán Lucho Fernández anotou 18 puntos. Unha boa nova foi a volta de Pecile despois da lesión. Por certo, curiosa reportaxe na web do Breo pescudando sobre os gustos literarios do plantel. Elmore Leonard, Murakami, Suso de Toro, Tolkien, Pérez Reverte, Antonio Gala, Oscar Wilde... (Foto de elcorreogallego)

24/04/2009

BAREA: O PROTAGONISTA INESPERADO

Barea volveu secar a Parker. As carencias de San Antonio Spurs volveron relucir no terceiro partido ante Dallas Mavericks, no que conseguiron a anotación máis baixa da súa historia en play offs (67-88). Como no primeiro partido, J.J. Barea foi fundamental para parar a Tony Parker (máximo anotador do seu equipo con apenas 12 puntos) e está a ser o home da serie. Dirk Nowitzki quedou en 20 puntos, outra vez por debaixo dos seus promedios da Liga Regular, pero afinou notablemente a puntería cun 8 de 12 en tiros de campo. Popovich, que gabou a defensa de Barea sobre o seu xogador estrela, administrou ao máximo os esforzos do seu plantel: utilizou 12 xogadores (ningún xogou máis de 25 minutos u menos de 15) pero non poderá escatimar demasiado no vindeiro partido pois unha nova derrota sería unha ameaza realmente seria para un equipo para o que sería un fracaso quedar eliminado tan cedo. (Xogador do partido: Jose Juán Barea).
Clara vitoria dos Celtics (107-86).Despois do sufrimento acumulado nos dous primeiros partidos da serie disputados en Boston, os Celtics chegaron ao United Center de Chicago dispostos a impór a súa xerarquía. Os Chicago Bulls son un equipo talentoso que pode amargarlle un partido a calquera, pero as súas estrelas son aínda demasiado novas e non teñen a regularidade suficiente para competir ante un grande como Boston. Paul Pierce foi o máximo anotador con 24 puntos pero un partido máis erixiuse como xogador determinante dos de Massachusets o base Rajon Rondo (20 puntos, 11 rebotes e máximo reboteador do equipo e 6 asistencias ademais dunha gran defensa sobre Derrick Rose). Boston pode sentenciar a serie se volve demostrar a mesma superioridade no vindeiro partido, tamén na cancha dos Bulls. (Xogador do partido: Rajon Rondo)
Os Jazz aproveitan a relaxación dos Lakers. Os Lakers perderon (86-88) un partido que dominaban con relativa comodidade no terceiro cuarto, cunha vantaxe de 13 puntos.Como como xa é habitual, relaxáronse en exceso e acabáronlle concedendo opcións de vitoria a un rival que desta volta non as desaproveitou ante a intensidade e paixón do seu público. Os Jazz acabaron impoñéndose grazas a unha canastra a falta de dous segundos de Deron Williams, nun partido no que demostraron unha gran superioridade no rebote (55 por 40 dos Lakers).Espectacular nesta faceta estivo Carlos Boozer, que colleu 22, ademais de anotar 23 puntos, o que delata un pobre partido en defensa de Pau Gasol. Nos Lakers, moi desacertados no tiro, destacou Lamar Odom con 21 puntos e 14 rebotes. Malia todas as facilidades que hoxe concederon os Lakers, aos Jazz custoulles unha barbaridade gañar o partido, polo que pensar nunha sorpresa ao remate da serie é realmente unha quimera. (Xogador do partido: Carlos Boozer)
Os Cavs superiores tamén en Detroit. Ata agora o equipo que demostrou maior superioridade na súa serie con respecto ao seu rival fora Cleveland ante os Pistons. Quedaba por ver que acontecía lonxe de The Q, mais no Auburn a historia non mudou en exceso (79-68). Lebron James demostrouse abondo para marcar a diferencia con respecto a un equipo triste, apático e decadente. Se os de Michael Curry, ben en defensa, foron capaces de manterse no partido durante tres cuartos, no último a grande estrela da Liga tomou o mando e anotou 11 puntos decisivos no parcial de 18-2 que decidiu o partido. Os números de James, coma sempre, rozaron o triple doble (25 puntos, 11 rebotes e 9 asistencias). Onte secundouno ben Joe Smith con 19 puntos e 10 rebotes. (Xogador do partido: Lebron James)
Importantísima vitoria dos Sixers no Wachovia Center. Unha canastra a falta de dous segundos de Thaddeus Young deulle a vitoria (94-96) aos Sixers no primeiro partido da serie en Philadelphia. O equipo de DiLeo ponse por diante na eliminatoria e demostra unha vez máis que ten equipo abondo para lle plantar cara a uns Orlando Magic demasiado irregulares. Por vez primeira na serie destacou Dwight Howard, que estivo nos seus números: 36 puntos e 11 rebotes. Mais o resto do equipo de Florida tivo moitos problemas para superar a intensa defensa dos Sixers ao longo do partido. Apenas Rafer Alston parecía ter capacidade para facerse sitio na mesta arañeira preparada por Di Leo. No equipo de Philadelphia, como sempre, os máis destacados foron Miller e Iguodala, que enn ningún momento lle perderon a cara o partido. O base fixo24 puntos, 9 rebotes e 7 asistencias. O escolta 27 puntos, 7 rebotes e 4 asistencias. Iggy anotou en momentos decisivos, pero como no primeiro partido a piques estivo de estragra a súa boa actuación despois de errar dous tiros libres nun momento crucial. Por fortuna, apareceu na última xogada do partido Thaddeus Young, que estivera especialmente discreto (anotou apenas seis puntos), para selar a vitoria. Orlando está agora coa corda no pescozo. No caso de perder o segundo partido en Philadelphia chegaría cunha presión insoportable ao Amway Arena. (Xogador do partido: Andre Iguodala)
Os Rockets gañaron (83-86) o primeiro partido no Toyota Center polo que manteñen vantaxe na serie. Como era de prever, non foi sen traballo malia que fosen un chisco superiores aos Blazers ao longo do partido. Os texanos dominaron o marcador dende o inicio grazas, sobre todo, ao acerto atacante de Scola e Carl Landry, que machacaron a un fraco Lamarcus Aldridge en defensa. O propio Aldridge tampouco andaba demasiado  fino na canastra contraria, ao igual que o resto dos seus compañeiros, especialmente Brandon Roy, cunhas porcentaxes de acerto realmente baixas por mor de forzar en exceso ante a dura defensa que lle preparou Adelman. Apenas Rudy Fernández dende a liña de tres impediu que o seu equipo perdese opcións no partido no primeiro tempo. Pola contra, os Blazers defenderon moi ben a Yao Ming. No segundo tempo, os Rockets tiveron máis dificultades en ataque, con Scola con problemas de faltas. Portland reaxiu de vagar, Roy afinou a puntería e Fernández seguía aparecendo nos momentos decisivos, mais contra o final, valeu a experiencia dos Rockets para gañar por tres escasos puntos. Destacou o partido de Luis Scola con 19 puntos e 9 rebotes. (Xogador do partido: Luis Scola
New Orleans Hornets respira. Despois de saír escaldado dos dous partidos en Denver, o equipo de Byron Scott recuperouse na súa cancha cunha vitoria agónica (93-95) despois dun partido moi disputado, mesmo violento por momentos. Da batalla saíu vitorioso Chris Paul, que asinou 32 puntos e 12 asistencias. Tamén foi importante a achega de David West (19 puntos e 9 rebotes) e, sobre todo, de Rasual Butler (17 puntos e 3 de 4 dende a liña de 3). Nos Nuggets, Carmelo foi o maximo anotador con 25 puntos, mentres que Chauncey Billups estivo por debaixo dos números dos dous primeiros partidos. Os Nuggets tentarán no cuarto volver a Colorado con, cando menos unha vitoria en cancha allea (Xogador do partido: Chris Paul)
Os Heat póñense moi rufos. Despois do pésimo partido dos Heat o primeiro día, poucos pensaban que, habida conta a inexperiencia da meirande parte do seu plantel, se recuperarían tan axiña e tan ben. Pero despois da contundente vitoria (78-107) de hoxe en Miami ante os Hawks, que pon a serie a favor do equipo de Spoelstra por 2-1, as principais dúbidas enxergan cara Atlanta, que hoxe regalou o partido cunha pésima serie de 17 de 19 de tiros de campo no inicio do mesmo e que permitiu un 29-50 ao descanso que logo foi insuperable para os de Mike Woodson. Dwyane Wade foi o mellor de Miami con 29 puntos, 8 asistencias e 7 rebotes.  Outro veterano, Jermaine O´Neal achegou 22 puntos e 10 rebotes. En Atlanta, apenas se pode destacar algunha actuación individual. (Xogador do partido: Dwyane Wade)
(Foto da web da NBA)

23/04/2009

SEMANA COPEIRA EN EUROPA

Esta semana clarificáronse varias das finais de Copa do fútbol europeu.
Portugal: O Porto procurará revalidar o seu título ante o Paços de Ferreira, que chega por primeira vez na súa historia ao último partido da competición. Os ‘castores’, como son alcumados os xogadores deste clube, deron a sorpresa ao superar ao Nacional de Madeira no Estádio da Choupana por 2 goles a 3 despois de ter empatado a dous goles en Paços de Ferreira –vila moi cercana a Porto coñecida pola súa industria do moble-. O Porto, pola súa banda caeu en Amadora ante o Estrela por 2-1 mais fixo valer a vantaxe no Dragao (2-0). Porén, para Jesualdo Ferreira, o partido foi nefasto por canto Hulk lesionouse dun nocello e pode perder o que resta de temporada. A final disputarase como é tradición no Estadio Nacional do Jamor, en Oeiras (periferia lisboeta), o vindeiro 31 de maio.
Francia: Final inédita en Francia. As semifinais depararon un derbi bretón entre o Rennes, que superou ao Grenoble (0-1) e o Guingamp, equipo da Ligue 2, que deu a sorpresa ao vencer (1-2) no estadio do Touluse, da máxima categoría. É a segunda vez que o Guingamp dá a sorpresa chantándose nunha final copeira. Xa o fixo en 1997, cando perdeu o título ante o Niza. O Rennes, que adestra o mítico goleador dos 80 Guy Lacombe, aspira ao terceiro título da súa historia. A final será o 9 de maio no Stade de France.
Alemaña: O Werder Bremen será o rival do Bayer Leverkusen despois de gañar unhas igualadas semifinais ao Hamburgo. Os de Bremen gañáron após dunha tanda de penaltis (chegouse 1-1 ao final) na que Tim Wiese foi o gran protagonista ao parar tres lanzamentos dos hamburgueses. O Bayer Leverkusen eliminaran o día anterior ao Mainz non sen problemas (3-1) pois tiveron que chegar á prórroga.
Italia: O Lazio deu a sorpresa ao bater á Juve en Delle Alpi co mesmo resultado da ida (2-1). O seu rival será a Sampdoria, que eliminou ao Inter de Mourinho grazas ao 3-0 da ida. Na volta, disputada onte en Milan, o Inter apenas gañou por 1-o. A final disputarase o 13 de maio no Olímpico de Roma.
(A foto dos xogadores do Paços de Ferreira celebrando o seu histórico pase á final en abola)

MORREU UN MITO DO DÉPOR

Aos 50 anos, despois dunha longa enfermidade, morreu un dos grandes do Deportivo dos anos 80: o esteirán José Luis Vara, posiblemente o xogador con maior calidade do club durante aquela longa noite de pedra do Dépor na Segunda División. Prototipo de 10, gran goleador (foi pichichi da Segunda División na temporada 82-83), deixou unha pegada indeleble nos afeccionados pola súa inmensa calidade. Do mesmo xeito, ao igual que outras xogadores das súas características, alternaba grandes actuacións con partidos nos que pasaba inadvertido, polo que os máis vellos de Riazor recuperaron para el aquela frase que se fixera famosa con Chacho: Ai, Chacho se ti quixeras/ Ai, José Luis se ti quixeras. Naqueles anos de ascensos frustrados, non puido gozar de xogar co Dépor en Primeira, polo que probou na máxima categoría co Betis, demostrando que tiña clase abonda para xogar no equipo que se propuxese. Nos seus últimos anos tamén militou no Granada e no Orihuela, para retirarse no Xove Lago da terceira División. Recentemente José Luis probou como adestrador en varios equipos galegos: Malpica, Atl.Arteixo, Bergantiños, Laracha, Racing de Ferrol e, por último, Cerceda. A nova do seu pasamento é un shock para os que o vimos xogar. Despois de tantos anos de títulos e participacións europeas, un lembra cada vez con máis cariño aqueles xogadores do Dépor dos 80, especialmente José Luis, ao que queriamos emular cando nunca imaxinabamos que algún día veriamos a Fran, Rivaldo, Djalminha ou Bebeto en Riazor. José Luis ten un sitio ben merecido nas mellores páxinas da historia dun club centenario. (Foto de canaldeportivo)

UN DÉPOR SOLVENTE

O Deportivo gañou o seu segundo partido consecutivo ante un Almería inofensivo e despois de dúas partes moi diferenciadas. A primeira foi realmente anodina. O Dépor estivo lento na circulación do balón e apenas soubo xerar ocasións de gol. Pola dereita Pablo Álvarez volvía ter un deses días de procurarse a vida en solitario e Manuel Pablo, que volvía ao once inicial deixando no banco a Laure, que estaba alcanzando o seu mellor nivel da temporada, apenas participou no xogo ofensivo. Algo mellor estivo a banda esquerda, con Guardado máis incisivo, grazas sobre todo ás continuas incorporacións de Filipe, moito máis participativo en ataque que nas últimas semanas. Con todo, o Almería pechou ben os ocos en defensa e o Dépor tendía con demasiada frecuencia a mandar balóns longos a un illado Bodipo que non tiñan dificultade para os centrais andaluces. Botouse en falta a aparición de Verdú entre liñas para darlle maior fluidez ao xogo, pero o catalán, de innegable calidade, é un xogador de rendemento irregular. O equipo de Hugo Sánchez contratacou timidamente durante os primeiros 45 minutos, procurando facer dano coa rapidez dos seus avanzados, que fixeran un estrago en Riazor na primeira xornada da temporada anterior, pero tampouco xeraron demasiados problemas á zaga coruñesa, na que repetían polo centro Zé Castro e Colotto. O portugués e o arxentino estiveron unha vez máis notables, destacando pola súa rapidez e colocación. Cómpre salientar tamén a intelixencia de Coltto nas xogadas a balón parado favorables ao Dépor. Sempre aparece por sorpresa no segundo pao. O empate sen goles era o resultado lóxico despois dos primeiros corenta e cinco minutos. Na reanudación, o equipo de Lotina saíu máis decidido pola vitoria. Sergio e Juan Rodríguez melloraron con respecto á primeira metade e Verdú, sobre todo, adquiría moita máis relevancia no xogo, polo que o Dépor xerou ocasións con maior facilidade. Nunha destas, despois dunha xogada por banda esquerda, o propio Verdú mandaba un disparo con moita intención (ou sorte, houbo debate nas bancadas) que adiantaba ao Dépor no marcador. Co 1-0 a favor, o partido púxose máis de cara aínda. Lassad entrou no campo por Verdú e o marsellés fixo un dos seus mellores partidos. Xogando como segundo dianteiro exhibiu un rexistro moi interesante de recursos técnicos e tácticos, manexando con intelixencia o xogo de costas e procurando sempre a solución máis intelixente. Como cereixa no topo do bolo, marcou o segundo ,despois dunha excelente contra e un pase formidable ao oco de Filipe, definindo con gran frialdade. O 2-0 foi merecido visto o xogo do Dépor nos últimos corenta e cinco minutos. Cómpre salientar que o equipo, dende fai xa varios partidos, non te tantos problemas para marcar gol como ao principio da temporada e que a defensa suma dous partidos sen encaixar gol. A única mágoa foi que Valencia e Málaga, contra o que xogamos o sábado unha auténtica final para estarmos en Europa, non pinchasen nos seus respectivos partidos. Ao final do partido, Lotina dixo que a súa continuidade está practicamente asegurada despois de que Lendoiro e o seu representante chegasen a un principio de acordo. Así sexa verdade por fin para i r argallando o equipo da vindeira temporada. (Foto collida no xornal)

22/04/2009

ALLEN DALLES VIDA AOS CELTICS

Ray Allen salva os Celtics no último suspiro. Ray Allen resarciuse do seu pésimo primeiro partido no que apenas anotou catro puntos e foi o home fundamental na vitoria agónica (115-118) dos Celtics ante os Bulls. Os de Chicago a piques estiveron de dar a sorpresa por segunda noite consecutiva, o que lle tería posto as cousas moi complicadas ao equipo de 'Doc Rivers', grazas a unha grandísima actuación de Ben Gordon (42 puntos). Porén, emerxeu a figura de Ray Allen que anotou dous triples nos últimos segundos de partido, o último a falta de dous segundos que evitou a prórroga. Desta volta Derrick Rose, a diferencia do sábado, tivo unha actuación máis ben discreta. Os Celtics apenas tiraron do banco e toda a responsabilidade recaeu no quinteto titular. Alén de Ray Allen, destacaron Rajon Rondo, cun triple doble (19 puntos, 16 asistencias e 12 rebotes), Kendrick Perkins (16 puntos e 12 rebotes), e Glen Davis (26 puntos e 9 rebotes). Pierce, en cambio, volveu ter unha actuación por debaixo dos seus números. Despois dos dous grandes partidos dos Bulls no Garden, haberá que ver de que son capaces na súa propia cancha. Se os Celtics non son capaces de gañar un dos dous vindeiros partidos no United van pasalo francamente mal. (Xogador do partido: Ray Allen).
Inconmensurable Tony Parker. O base francés, que fora anulado no segundo tempo do primeiro partido por José Juan Barea, foi o home determinante na vitoria incontestable (84-105)dos Spurs que iguala 1-1 a eliminatoria. Parker anotou 38 puntos, e deu 8 asistencias, pero no primeiro tempo xa sumara 27 e rompera definitivamente o partido. Os Mavericks non puideron frear a enxurrada de xogo do francés. Sen chegar a perderlle de todo a cara ao partido, os Mavs foron inferiores e Nowitzki volveu facer un partido moi discreto (14 puntos e un pobre 3 de 14 en tiros de campo). Moito mellor estivo Jason Kidd, atrevido e acertado no tiro exterior. A eliminatoria viaxa a Dallas. Despois do visto onte, parece que Popovich non está disposto a concederlle máis facilidades aos homes de Carlisle. (Xogador do partido: Tony Parker).
Imparables Cavaliers. Os Cleveland Cavaliers sumaron a súa segunda vitoria (82-94) consecutiva ante os Pistons e, sobre todo, demostraron a súa tremenda superioridade. O partido foi un baño, cuns Cavaliers soberbios liderados por un Lebron aínda máis soberbio que non tiveron piedade dos Pistons. O único pero para Mike Brown, o frouxo rendemento dos seus reservas no último cuarto, no que a piques estiveron de complicarse despois de partir dunha vantaxe de 29 puntos. Lebron tivo que voltar á cancha para poñer as cousas no seu sitio. Os Pistons pasaron inadvertidos e parecen asumir que pouco lles queda por facer esta temporada. (Xogador do partido: Lebron James).
Roy lidera aos Blazers. Barndon Roy erixiuse en líder dos Blazers para conseguir a fundamental vitoria (103-107) sobre Houston que iguala a eliminatoria. Anotou nada menos que 42 puntos, fundamentais para se impoñer ao correúdo e competitivo equipo de Adelman. Escoltouno perfectamente Lamarcus Aldridge (27 puntos e 12 rebotes), mentes que Pryzbilla e Oden axustaron moito mellor a súa defensa sobre Yao, que fixera estragos no primeiro partido. O máximo anotador de Houston foi Aaron Brooks con 23 puntos. Como era de prever, enxérgase un dos cruces máis igualados e apaixonantes dos playoffs. Por desgraza, Dikembe Mutombo lesinouse nun xeonllo e posiblemente disputou onte os últimos minutos da súa brillante carreira.(Xogador do partido: Brandon Roy).
Vitoria requena dos Lakers. Os Lakers gañaron (109-119) pero non convenceron demasiado no seu segundo partido no Staples ante os Jazz. Nunca acabaron de dominar o partido inda que no seu defecto hai que dicir que sempre que achuchaba o equipo de Sloan no marcador, anotaban algunha canastra que confirmaba a súa superioridade. Ademais estiveron moi acertados de cara a canastra cun meritorio 60% de acerto en tiros de campo. Nos Jazz destacaron Deron Williams (35 puntos e 9 asistencias) e Boozer (20 puntos e 10 rebotes), pero a estas alturas non parece abondo para complicarlle a vida aos Lakers. Haberá que ver se cando menos recuperan a súa histórica fiablidade no Energysolutions, posta en cuestión no último treito da Liga Regular. Phil Jackson pasa á historia ao converterse no técnico con máis vitorias en playoffs: 195. (Xogador do partido: Kobe Bryant).
Os Sixers desaproveitaron a oportunidade do 2-0. Pódense arrepentir moito os Philadelphia 76ers de non ter gañado (87-96) o segundo partido no Amway Arena de Orlando ante uns Magic que poucas veces serán tan vulnerables. Os Sixers conseguiron, por segundo día consecutivo, parar a Dwight Howard (11 puntos e 10 rebotes), mesmo desesperalo (foi eliminado por seis faltas mediado o último cuarto). Tampouco permitiron o acerto no tiro dos homes exteriores (6 de 23 en triples e un discreto 43% en tiros de campo). Pero todo ese traballo non valeu de nada pois en cancha contraria os de DiLeo perderon ata 16 bolas e cometeron unha chea de precipitacións que impediron facer dano cando o partido estaba máis de cara. Un gran problema é que o potencial ofensivo dos Sixers redúcese en exclusiva a tres homes: Miller, Iguodala e Young, que onte anotaron 71 dos 87 puntos do equipo. Andre Miller estivo soberbio, sobre todo no primeiro tempo e foi o máximo anotador do partido (30 puntos). Polos Magic, ante a mediocridade xeral, brillou o rookie Courtney Lee que desatascou a empanada mental dos seus compañeiros. A serie viaxa agora a Philadelphia, onde os Sixers deberán manter a súa vantaxe despois da vitoria no primeiro partido. (Xogador do partido: Courtney Lee)
Reacciona Miami grazas a Wade. Os Miami Heat sorprenderon aos Hawks (108-93) , talvez confiantes de máis despois das facilidades do primeiro partido. Dwyane Wade asumiu o mando e no primeiro tempo xa colaborara nun parcial suficiente para non sufrir demasiado o resto do partido (ao final sumou 33 puntos). Canda el, tamén tivo o día o gañador do concurso de triples: Daequan Cook, con 20 puntos e un magnífico 6 de 9 dende máis alá dos 7,25. Atlanta debe reaxir pois perde o factor cancha. Onte, a diferencia do primeiro día, saíu con pouca intensidade e cando se deu conta, Wade xa orientara a eliminatoria cara Florida. (Xogador do partido: Dwyane Wade).
Billups lidera outravolta a vitoria dos Nuggets (93-108). Chauncey Billups está a ser un dos grandes nomes propios desta primeira ronda de playoffs. Suma 67 puntos entre os dous partidos (31 esta madrugada), e é o gran líder duns Nuggets imparables. Os Hornets están a pasar pola postemporada sen pena nin gloria, e mesmo Chris Paul e David West están moi por debaixo do seu rendemento habitual. Onte a mellor nova para o equipo de Byron Scott foi o acerto nos triples de Stojakovic e Rasual Butler (4 de 5 cada un). (Xogador do partido: Chauncey Billups).
(Foto da web da NBA)

O LIVERPOOL AFAISE Á LOUCURA

O Liverpool, despois de anos nos que Benítez quixo asegurar antes que nada a seguridade defensiva e o orde táctico, decidiu, neste treito final de temporada, recuperar o espírito do Ali Sami Yen, cando remontaran o 3-0 ante o Milan na Final da Champions, e aboarse á loucura para solucionar partidos complicados. Non é normal que un equipo repita un resultado de 4-4 en menos dun mes e ante un equipo de primeiro nivel, pero é que o Liverpool ten unha capacidade innegable para marcar cando as cousas lle veñen mal dadas. É un boxeador impenitente que inda que estea contra as cordas sempre ten folgos para asestar un bo dereitazo e recuperar a posición. O Arsenal, moi mellorado dende a volta de Fábregas, chegou a Anfield disposto a demostrar que volve ser un dos catro grandes de Inglaterra, despois das dúbidas da primeira volta, e fixo un gran partido. Nun xogo de ida e volta adiantáronse os londinenses a seis minutos do descanso grazas a un gol do ruso Andrei Arshavin. Había moitas dúbidas sobre a capacidade do peterburgués para aclimatarse na esixente Premier, pero o certo é que a resposta está sendo francamente boa. Ademais do seu talento inmenso, ten carácter e orgullo para non pasar desapercibido. Onte marcou os catro do seu equipo, demostrando un inesgotable rexistro de recusos ofensivos e, sobre todo, non acorou en ningún momento malia a intensidade do partido. O Liverpool reaxiu tras o descanso e, como diciamos, cando pon a directa non lle costa nada marcar. Torres no 50 e Benayoun no 55, puñan por diante aos reds. O problema é que o Liverpool cando apela á épica acaba contaxiándolle a paixón aos seus rivais. Arshavin en tres minutos volveu adiantar ao Arsenal despois de senllos despistes de Arbeloa e Fábio Aurélio. O partido, con vinte minutos por diante estaba lonxe de rematar. Torres, tres minutos despois do 2-3, empataba novamente. O de Anfield era un disparate dos que entusiasman aos afeccionados e dos que logo se sabe que non van acabar sen que pasen moitas máis cousas. No 90, Arshavin puña o 3-4, pero o Liverpool non perdoa. Benayoun empataba no último suspiro. Malia a grandeza do xogo, os de Benítez dan un paso atrás nas sús aspiracións ligueiras. Despois da vitoria do Manchester United por 2-0 en Anfield ante o Portsmouth, están xa a tres puntos cun partido máis. Os de Ferguson anotaron ben cedo cun gol de Wayne Rooney. Custoulle sentenciar o partido mantendo a incertidume nas bancadas. Marcou o segundo Michael Carrick a falta de nove minutos para o final. Tamén perde case todas as opcións ligueiras o Chelsea, que tropezou na casa ante o Everton (0-0). O Newcastle perdeu 1-0 co Tottehnham en White Hart Lane e cada vez vese máis metido na Premiership. (A foto de Arshavin da web da UEFA).

A PEPE FÓISELLE A PINZA

Incrible o partido do Bernabeu entre Real Madrid e Xetafe. E incrible, mesmo paranormal, que o equipo de Juande Ramos acabase levando os tres puntos (xa van 49 de 51 posibles). Excuso comentar o partido a xeito de crónica pois non puiden velo, pero parece que o relato do xogo queda eclipsado polo momento de absoluta enaxenación mental de Pepe que agrediu a Casquero cunha violencia inusitada (Só faltaba Guti gravando co móbil). Haberá que ver a decisión do Comité de Disclplina (tendo en conta que o Madrid estase a xogar o título de Liga). A acción foi tan ridícula e incomprensible que o churro de Casquero no lanzamento do penalti non aumentou en exceso a perplexidade do público, que debeu entender que era a sucesión lóxica dunha secuencia propia do teatro do absurdo. E menos aínda debeu sorprender que nun partido tolo no que o Madrid estivo á beira do precipicio, -perdía 1-2 a falta de cinco minutos e quedou con 10 no 87 pola acción de Pepe despois de que Guti empatase de falta-, emerxera a figura de Higuaín no desconto para marcar o gol da vitoria e manter aos brancos atrás dos calcañares do Barcelona, que tampouco fallou no seu partido ante o Sevilla. A diferencia do Madrid, o Barça non ten necesidade de apelar á epica ou á fortuna. Está sobrado de fútbol. Ante o Sevilla, sen Messi nin Puyol, ofreceu a súa enésima exhibición liderado por un Iniesta xenial que adiantou o Barça no minuto 3 e logo foi un pesadelo para a defensa de Jimenez.

20/04/2009

PRIMEIRAS SORPRESAS

Comezaron os play offs cun auténtico sorpresón.
Os Bulls venceron (105-103) aos Celtics en Boston despois dunha prórroga e dun partido memorable de Derrick Rose, que igualou a marca histórica de puntos nun debut en playoffs de Karem Abdul-Jabbar (36 puntos). Ademais deu 11 asistencias e apañou 4 rebotes. Os Celtics acusaron en exceso a baixa de Kevin Garnett e non puido cos homes altos de Vinnie Del Negro. Especialmente espectacular estivo Joakim Noah, con 17 rebotes. O veterano Brad Miller dende o banco colaborou con outros doce. Ademais, non tiveron o seu día os outros dous piares do big three. Pierce, moi ben defendido durante todo o partido, quedou nuns modestos 23 puntos e errou un tiro libre decisivo para evitar a prórroga, mentres que Ray Allen só sumou catro puntos (1 de 12 en tiros de campo) en corenta minutos. Apenas Rajon Rondo deu a cara polos de Boston con 29 puntos, 9 rebotes e 7 asistencias. Os peores prognósticos para os de Massachussets comezan a coller trazas despois do primeiro choque e agora están obrigados a gañar cando menos un partido no United Center. Queda por ver se Derrick Rose, alén de facer un debut alucinante é capaz de completar unha elimintoria alucinante. (Xogador do Partido: Derrick Rose)
Os Cavaliers non deron opcións a Detroit. Lebron James non quixo agardar para demostrar que é o gran líder dun dos grandes favoritos para o título. Coa súa contribución (38 puntos, 8 rebotes e 7 asistencias) marcou a diferencia con respecto a uns Pistons que só resistiron ata mediado o terceiro cuarto. Ao final a máquina dos Cavs comezou a furar ata deixar a vantaxe final en 18 puntos (84-102). Canda James destacaron os 12 puntos e 10 rebotes de Ilgauskas. Nos Pistons, apenas Stuckey chegou aos 20 puntos. No anecdótico dicir que Lebron, alén do seu partido deixou unha xogada para a lembranza e que cuestiona a súa condición humana. Pechou o segundo cuarto cunha canastra dende medio campo que deixou estupefacta á torcida de The Q. (Xogador do partido: Lebron James)
Dallas tamén sorprende. O de Dallas tamén foi sorprendente. Gañaron (105-97) e convenceron na cancha dos San Antonio Spurs. Non necesitaron ademais dun partido extraordinario de Dirk Nowitzki (19 puntos e 8 rebotes). Os Mavericks fixeron un partido magnífico, defendendo cunha intensidade descoñecida. O portorriqueño Barea estivo inmenso no segund tempo parando e desesperando a un perplexo Tony Parker. Apenas as canastras a táboa de Duncan e as triples de Finley e Mason (10 de 13 en tiros de tres para os Spurs) impediron que os Mavs pechasen o partido moito antes. Ademais de Barea cómpre salientar o gran partido de Josh Howard (25 puntos). (Xogador do partido: José Juan Barea)
Yao Ming impuxo o seu poderío. Baixón no Rose Garden despois da contundente vitoria (108-81) dos Rockets ante Portland. O gran protagonista foi Yao Ming, ao que foron incapaces de parar os pívots dos Blazers: Pryzbilla primeiro e Oden despois. O chinés, con 24 puntos con pleno de acertos en tiros de campo (9 de 9) e tiros libres (6 de 6), e 9 rebotes, foi o líder do seu equipo á hora de deixar pechado o partido xa no primeiro tempo (62-44). Nick Adelman administrou perfectamente os tempos dos seus homes, ata 12 xogadores participaron activamente na rotación, e conseguiu un magnífico 58% de acerto en tiros de campo. Aaron Brooks foi o máximo anotador do seu equipo con 27 puntos (5 de 8 en triples). Os Blazers terán que mellorar moito primeiro para parar a Yao nos días vindeiros e logo para mellorar as súas prestacións ofensivas ante uns Rockets moi serios en defensa. Só dous xogadores do equipo de McMillan superaron os 10 puntos de anotación: Brandon Roy (21) e Greg Oden (15). (Xogador do partido: Yao Ming)
Os Lakers sen problemas. O equipo de Phil Jackson demostrou no primeiro partido de play offs que poucas concesións está disposto a darlle aos seus rivais (100-113). Saiu dominador ante os Jazz e xa no descanso gañaba de 22. A diferencia doutras ocasións na Liga Regular, non se despistou e soubo administrar con intelixencia a súa vantaxe no marcador. Destacou o gran partido de Trevor Ariza en defensa e en ataque (21 puntos). Os Jazz moito terán que mellorar se pretenden gañar algún partido no Staples. Os mellores, como non, Deron Williams (16 puntos e 17 asistencias) e Carlos Boozer (27 puntos e 9 rebotes). (Xogador do partido: Trevor Ariza)
Os Sixers gañan tras unha gran remontada no último cuarto. Philadelphia deu un gran paso adiante nas súas aspiracións de dar a sorpresa na súa eliminatoria ante os Magic. Gañaron (100-98) grazas a unha canastra de Iguodala a falta de dous segundos un partido que perdían de 18 contra o final do terceiro cuarto. Dwight Howard non escatimou o seu poderío baixo os aros: 31 puntos e 16 rebotes, pero non o acompañaron os tiradores, cun pobre 5 de 18 en tiros de tres. Os Sixers, pola contra estiveron moito máis acertados cun 51,2 en tiros de campo e 7 de 12 en triples, destacando nesta faceta, como sempre acontece nos partidos importantes, o veterano Donyell Marshall que anotou tres triples no último cuarto. Andre Iguodala foi o mellor do seu equipo con 20 puntos, 8 rebotes e 8 asistencias, Miller fixo un 15-7-7 e Louis Williams dende o banco achegou 18 puntiños. Os Sixers, como o ano pasado, volven ofrecer a súa mellor versión ao comezo dos play offs. (Xogador do partido: Andre Iguodala)
Batacazo dos Heat. Atlanta Hawks foi inmisericorde con Miami (64-90). Saíron superenchufados de inicio, cunha intensidade defensiva encomiable e anularon por completo o xogo de Miami, no que nin sequera Dwyane Wade atopaba o camiño da canastra. O segundo cuarto, cun 18-35 a favor dos de Georgia, acabou definitivamente co partido. Seis homes dos Hawks superaron os 10 puntos de anotación mentres que en Miami só o conseguiron dous: Beasley fixo 10 pelados e Wade quedou en 19, cando fixera máis de 20 nas súas últimas doce aparicións en playoffs. Miami pagou a súa inexperiencia e corre o risco de que cando se dea conta da esixencia da postemporada sexa demasiado tarde. Os Hawks tiñan moi claro o que estaban xogando. (Xogador do partido: Josh Smith)
Pobres Hornets. Nuggets e Hornets confirmaron no primeiro partido dos playoffs a imaxe que viñan dando nos últimos partidos de Liga Regular. Os Denver Nuggets son unha máquina de facer baloncesto no que o talento individual acabou confluíndo nun proxecto consistente de equipo, grazas en boa medida ao papel de Chauncey Billups, que fixo un partidazo con 36 puntos e 8 rebotes. Os Hornets, pola contra, son un equipo que cada vez máis parece depender en exclusiva da calidade de Chris Paul e David West. Inda por riba, nin o un nin o outro tiveron un partido especialmente afortunado polo que non é de estrañar o avultado marcador final (84-113). (Xogador do partido: Chauncey Billups) (Foto da web da NBA)

46 DE 48

Ese é o espectacular rexistro que presenta o Real Madrid de Juande Ramos dende a súa derrota no Camp Nou: 15 vitorias e un empate. Así se explica que aínda haxa Liga malia a espectacular temporada do Barcelona. O equipo branco adquiriu unha fiabilidade realmente estarrecedora. Juande atopou un catro defensivo inamovible e Lassana Diarra foi o pecho que faltaba no centro do campo, para darlle equilibrio a un equipo con tendencia a romper en dous. Porque o Madrid, a verdade, xoga con catro dianteiros. O centro do campo apenas é unha zona de paso. Higuaín, Robben, Raúl e Huntelaar son un cuarteto que, independentemente do que aconteza no partido, garanten cando menos media ducia de ocasións claras e delas, o normal é que entren un par delas. O partido contra o Recreativo de Huelva, que o Madrid afrontaba coa presión engadida de que o Barça non cedera na súa visita a Xetafe, foi un exemplo prototípico de como as gasta este Madrid. Sen necesidade de ter o balón, e permitindo algunhas ocasións claras- Casillas fixo un auténtico paradón no primeiro tempo a disparo de Sisi- ao Madrid abondáronlle un par de arrincadas de Robben para poñer o medo no corpo a un Colombino que ve o seu equipo en postos de descenso. No descanso, Gago mandou un excelente pase por detrás da defensa a Marcelo que definiu perfctamente á saída de Riesgo. Marcelo reivindícase por fin como titular do Madrid despois das dúbidas coas que tivo que convivir dende a súa chegada. Co marcador a favor e espazos na defensa contraria, o equipo de Juande foi máis perigoso aínda e non tivo problema para pechar unha nova vitoria que o mantén na loita polo título. O partido contra o Barça no Bernabeu será fundamental. Tamén será fundamental ver o rendemento do equipo no vindeiro partido, o primeiro que perderá Lassana Diarrá por acumulación de amonestacións. (Foto da web do realmadrid)