30/04/2009

SEN NOTICIAS DO ARSENAL

O Arsenal pódese dar cun canto nos dentes de non ter saído goleado de Old Trafford. O Manchester United foi moi superior a un Arsenal pobre, pequeno e incapaz. Almunia foi, con diferencia, o mellor do seu equipo e grazas a algunhas intervencións realmente destacadas, evitou unha goleada que tería sentenciado a eliminatoria. O United, que tampouco é que estivera moi brillante nas últimas semanas, despistado atrás e afortunado diante, onte recuperou a súa mellor imaxe, dominando de inicio o partido cun xogo rápido, dinámico, vistoso e vibrante. O bo xogo dos de Ferguson non depende tanto do talento de Ronaldo, como da calidade combinada cunha constante loita e sacrificio de Wayne Rooney e Carlos Tévez. Estes dous móvense sen cesar por todo o campo, procurándolles apoio aos seus compañeiros, ou desmarques por detrás da defensa, ou espectaculares cambios de orientación, ou aparicións no lugar preciso para o remate... un auténtico espectáculo, en definitiva. Rooney apareceu xa de inicio, cando apenas se cumprira un minuto, para rematar un centro de Ronaldo. Almunia fixo un auténtico paradón. Logo Tévez buscou unha parede con John O´Shea e o remate evitouno outravolta o gardarredes navarro. O gol, non obstante, marcouno o xogador menos glamuroso do United, O´Shea, aparecendo intelixentemente no segundo pao para rematar unha bola solta na área. O Arsenal apenas saía do seu campo, e o seu sistema defensivo logo se desfacía por culpa da mobilidade dos dianteiros do contrario. Cesc Fábregas, con Carrick seguido na caluga, non entraba en xogo como nel é costume, e se Cesc non participa o xogo do Arsenal baixa moitísimos enteiros. A presenza de Walcott e Samir Nasri no partido foi máis ben testimonial. Adebayor era un náufrago, só e abandonado entre a defensa contraria. O guión do partido apenas mudou no segundo tempo. O Manchester seguía chegando con inusitada facilidade á porta de Almunia, que inda tivo tempo de facer máis intervencións meritorias. Ferguson deulle merecido descanso a Tévez e meteu no campo ao galés Ryan Giggs, que cumpriu nada menos que 800 partidos coa camisola do United. Ronaldo, cuxo talento aparecía por contagotas, a piques estivo de superar o seu gol no Porto cun espléndido trallazo que sacou o pó do traveseiro da porta londinense. Do Arsenal seguía sen haber demasiadas noticas, apenas que a medida que se achegaba o final do partido, o resultado, curto de máis vistos os méritos duns e doutros, dáballe azos para procurar un golpe de sorte que puxera a eliminatoria do seu lado. Non foi tal porque desta volta a defensa do United, nas poucas ocasións que tivo que intervir estivo perfecta e non concedeu a máis mínima oportunidade de gol. O 1-0 ao remate do partido é a mellor nova que pode extraer Wenger do visto en Old Trafford. O United foi moi superior e o plantel actual dos londinenses pareceu insuficiente para lle poder plantar algo de cara. Con todo, xa sabemos da paixón do fútbol inglés, polo que no Emirates, e cunha final en xogo, o partido pode deixarse ir polo lado da emoción e coller o camiño máis inesperado. O Manchester, non obstante, é a estas alturas o maior favorito para estar na Final. (Foto collida na web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário