13/04/2009

MACHEDA OUTRAVOLTA!!!

O de Federico Macheda a pasada semana contra o Aston Villa converteuse nun dos grandes acontecementos futbolísticos do ano en Europa. O romano, de apenas 17 anos, descoñecido para a maioría dos afeccionados, marcaba un gol vital para o United na súa loita polo título apenas quince minutos despois de que Alex Ferguson lle dese a alternativa na Premier. E non foi un gol calquera. Foi un auténtico golazo: recibiu a bola de costas e cun sutil toque de calcaño desequilibrou ao seu defensor e deixou a bola franca para pegarlle unha rosca espléndida de reviravolta que colleu o efecto xusto para colarse pola escadra da porta defendida por Friedel. Ríos de tinta correron durante toda a semana. O caso é que sete días despois o Manchester volvía ao campeonato ligueiro e non podía ceder pois Liverpool e Chelsea seguen axexando. Visitábase o complicado campo do Sunderland e o empate comezaba a ser unha posibilidade demasiado real. No minuto 75, Ferguson ollou para o seu banco e reparou no rapaz que lle salvara os mobles a semana anterior. Meteuno no campo en lugar de Berbatov, o xogador co que máis o comparan. Non levaba nin un minuto no campo cando o olfato díxolle que tiña que desviar un disparo de Carrick dende fóra da área para confundir ao porteiro e marcar. Era o seu segundo gol en menos de media hora como futbolista profesional. O Manchester débelle catro puntos a Macheda. Ferguson dixo del: 'Resulta difícil prescindir de Maqueda, non? Ese rapaz ten algo especial. Ten o instinto dos grandes goleadores. Sabe moverse e é moi rápido. E non se engurra ante ninguén!'. A de Macheda é a irrupción máis espectacular dun futbolista na Premier en décadas, superando mesmo a de Wayne Rooney co Everton cando apenas tiña 16 anos. Queda por ver se estes dous goles serán lembrados no futuro apenas como unha anécdota na carreira do xogador ou se, pola contra, como a irrupción xenial dun xogador xenial disposto a marcar unha época. Honestamente, o rapaz ten moi boas trazas pero aínda é cedo para sabelo. O Manchester mantén a vantaxe dun punto cun partido menos sobre o Liverpool, que gañou con claridade ao Blackburn, con dous goles de Torres, un de Agger e outro de N´Gog. Tamén gañou o Chelsea inda que con problemas inesperados. Púxose co marcador de cara (4-0) ante o Bolton, con goles de Ballack, Drogba (2), e Lampard. Pero nos últimos 20 minutos relaxáronse e o Bolton reaxiu con bravura, marcou tres goles e os de Hiddink acabaron pedindo a hora. O Arsenal, moi mellorado dende a volta de Cesc Fábregas gañou con claridade en Wigan (1-4), inda que tivo que remontar o gol inicial do exipcio Mido. Walcott, Silvestre, Arshavin e Song marcaron no segundo tempo para darlle a vitoria aos gunners. No partido máis interesante da xornada disputado en Birmingham, o Aston Villa acaboulle empatando ao Everton un partido que os de Liverpool dominaron dende o inicio. Fellaini e Cahill adiantaron aos toffees e Carew reduciu a desvantaxe antes do descanso. No segundo tempo Pienaar puña o terceiro para os de David Moyes no minuto 9 pero o Villa empataba nun cuarto de hora por medio de Milner e Barry.

Nenhum comentário:

Postar um comentário