13/04/2009

OS CELTICS SAEN ESCALDADOS DE THE Q

Os Cavaliers impuxéronse en The Q por un espectacular 76-107 a uns Celtics que sen Garnett amosan todas as súas carencias e as dúbidas que suscitan de cara a revalidar o título. O equipo de Mike Brown marcou un parcial de 31-9 no primeiro cuarto e xa non houbo máis partido. Os Celtics saíron de Cleveland cunhas pobres porcentaxes de acerto e apenas 14 puntos de Pierce e 12 de Glen Davis. Cleveland, en cambio, anotouno case todo, incluído un 10 de 16 en triples. Lebron foi o máximo anotador do seu equipo con 29 puntos. Os Cavaliers están a completar a mellor temporada da súa historia, están a unha vitoria de rematar como os mellores da Liga Regular e, de gañarlle aos Sixers, baterían a mellor marca de vitorias na casa (40-1), desfacendo o empate que a estas alturas mantén cos Celtics da 1986-87. Non parece difícil que lle gañen a Philadelphia, que segue na súa pésima xeira de resultados. Sumou a súa quinta derrota consecutiva tras perder en Toronto (104-111). Andre Iguodala perdeu 10 balóns e Andre Miller fixo un pésimo 2 de 14 en tiros de campo. Deste xeito os Sixers perden toda posibilidade de acadar o quinto posto da Conferencia, que o asegurou Miami Heat despois de gañarlle 105-122 aos New York Knicks. Do mesmo xeito que Kobe Bryant e Lebron James, Dwyane Wade tamén superou os 50 puntos ante os de D´Antoni. Fixo 55 cun 19 de 30 en tiros de campo. Espectacular foi tamén o partido do rookie Michael Besaley, que saíu de inicio e anotou 28 puntos e apañou 16 rebotes. Os Heat xa saben que os Hawks serán o seu rival en play offs. Os Sixers, pola contra, inda non aseguraron o sexto posto. Despois de perder cinco partidos seguidos, e das catro vitorias consecutivas dos Bulls, os de Illinois teñen cerca desprazar os de DiLeo inda que, de todos os xeitos, tamén poderían verse oitavos se perden esta madrugada contra os Pistons. No Oeste, os Lakers gañáronlle facilmente (75-92) aos Grizzlies nun partido que a Phil Jackson valeulle para probar de cara o play off. Shannon Brown, chegado fai dous meses de Charlotte consolídase como segundo base e Bynum parece recuperado de cara a postemporada. Se non pasa nada raro, Utah Jazz será o primeiro atranco dos Lakers de cara o título. Nun duelo directo, os Hornets superaron (92-102) en Nova Orleans aos Dallas Mavericks nun partido no que Chris Paul anotou 31 puntos e deu 17 asistencias. Por último, os Spurs, reservóns a estas alturas do ano, gañaron (95-92) aos Kings grazas a un triple de Michael Finley no último segundo. Entre a madrugada de hoxe e a seguinte péchanse os partidos da Liga Regular polo que o xoves xa teremos a composición definitiva dos playoffs. (A foto da web da NBA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário