05/04/2009

HIGUAÍN MANTÉN O MADRID NA LOITA

Barcelona e Real Madrid seguen imparables na súa particular loita polo título. Facía moitísimas temporadas que os dous primeiros da clasificación non sumaban tantos puntos. E esta fin de semana tiñan os dous partidos complicados. Visitaban campos de rivais que están a facer excelentes campañas (o Valladolid e o Málaga),  con moitos xogadores afectados polas viaxes internacionais e, no caso do Barça, con importante eliminatoria europea o vindeiro mércores. Por iso Guardiola reservou algúns xogadores do once titular. Messi, Dani Alves e Henry sentaron no banco de inicio. Non foi o caso de Xavi, acompañado por Busquets e Keita no centro do campo, e Iniesta, en ataque con Eto´o e Pedro. Xavi e Iniesta son os referentes inexcusables deste equipo e Guardiola non está disposto a concederlles o máis mínimo repouso. O Valladolid insistiu no seu sistema de xogo, de presión incansable o máis arriba posible, a mesma que no Camp Nou acabou sendo un suicidio (6-0). Onte, porén, propiciou un partido disputado nos primeiros minutos. O Valladolid intentábao con Canobbio, Goitom ou Jonathan Sesma procurándolle as cóxegas á defensa catalana, mentres que o Barça pretendía aproveitar as contras que de cando en vez lle ofrecía o atrevido sistema de Mendilíbar. Pero á media hora Xavi decidiu que non lle gustaba o aspecto do partido e  que todo canto acontecera no xogo tiña que pasar por el. Dese xeito foi como o duelo intenso que propuñan os dous contendientes repousou como por hipnose. O balón pegouse aos pés de Xavi para contemplación dos que o rodeaban. Nunha destas, pouco antes do descanso, combinou con Eto´o e o camerunés marcou o 0-1. Xa estaba feito o máis complicado. Na reanudación o Barcelona comezou con máis intensidade cun Valladolid algo atordoado, ata que o arxentino Damián Escudero, zurdo cedido polo Vilarreal, comezou a desbordar pola súa banda e a asociarse con perigo a Canobbio. Daquela o Barcelona sufriu algo, non demasiado. Messi e Alves entraron mais a súa participación no partido foi irrelevante. As ocasións nunha e outra área foron escasas e o Barça asegurou os tres puntos nunha incómoda cita do calendario. O Real Madrid, pola súa banda, xogaba en Málaga coa angustia de saber que o Barça non errara no seu partido. O Málaga é un equipo moi pinturero e que está a facer unha moi boa campaña. A Rosaleda encheuse por vez primeira coa esperanza de dar a gran sorpresa ante o Madrid, e no primeiro tempo os de Tapia foron superiores. O Real Madrid non tiña demasiada ansia polo balón, malia dispór de Gago, Snejder e Van der Vaart no centro do campo. O Málaga, a partir do bo traballo de Lolo e Apoño na medular, procuraba seguido o perigo polas bandas dos portugueses Duda e Eliseu, se ben tampouco foron capaces de crear ocasións verdadeiramente claras. O partido era francamente aburrido ata que pouco despois do descanso apareceu un dos mellores e menos recoñecidos xogadores  do campeonato, Gonzalo Higuaín, dianteiro de inmensa calidade e cuxo rendemento no tempo que leva no Madrid é impagable. Colleu un balón no medio campo, superou o primeiro defensa cun sutil caneo, encarou a porta, superou por velocidade na área a un inocente Wellington e cruzou perfectamente anta a saída de Goitia. Un auténtico golazo que como tantas outras veces nos tres últimos anos, dáballe un inmenso premio a un Madrid máis ben mediocre. O gol fíxolle moito dano ao Malaga, que pouca capacidade tivo de reacción inda que Tapia puxese a Luque e Salva no campo para acompañar a un solitario Adrián. O Madrid, pola súa banda, comezou a acumular ocasións claras por medio novamente de Higuaín, con diferencia o mellor do partido, ou Van der Vaart. Finalmente, o Real Madrid suma unha nova vitoria para sumar ao excelente rexistro que leva Juande Ramos á fronte dos brancos. Alén do seu debú con derrota no Camp Nou, Juande leva trece vitorias e un empate en catorce partidos. No resto da xornada adiantaa ao sábado salienta a derrota do Vilarreal (3-0) ante o Almería, que xunto coa derrota do Málaga é unha excelente nova para o Deportivo. O Sevilla segue firme no terceiro posto despois de superar ao Recre (1-0) con novo gol de Kanouté, desta volta de penalti. Mentres, os equipos de abaixo están a vivir partidos de auténtica loucura. O do Ruiz de Lopera entre Betis e Numancia (3-3) foi de traca con constantes alternativas no marcador e empate do Numancia no desconto. Preto do final chegou tamén o gol de Javi Martínez que lle deu a vitoria ao Athletic ante o Mallorca (2-1). (A foto de Higuaín da web do Real Madrid)

Nenhum comentário:

Postar um comentário