03/04/2009

MORREU MIKE SCHLEGEL

O pasado mércores morreu  en Long Island, á idade de 45 anos, vítima dun cancro,  Mike Schlegel, todo un mito do baloncesto español despois do seu paso por varios equipos da ACB. entre eles o OAR Ferrol (daquela Clesa Ferrol), no que no que militou dúas temporadas: 1987/88 e 1988/89. Á pivot de 2,04 foi seleccionado no número 96 da quinta ronda do draft polo equipo da súa cidade, os New York Knicks, así que decidiu buscarse a vida lonxe do seu país. Despois de pasar polo Lugano suízo e o Ferrocarril Oeste arxentino, acabou en Oviedo na Primeira B. Alí foi que o recrutou Juan Fernández para o equipo galego co que conseguiu o ascenso á Liga ACB. Compañeiro de andanzas de Anicet Lavodrama ou Manolito Aller, deixou pegada indeleble na sabedora afección ferrolá. Na súa temporada co Clesa na máxima categoría conseguíu un promedio de 26,1 puntos e 11,9 rebotes. Despois foi pergrinando ano tras ano por distintos equipos: Collado Villalba, Elosúa León, Fórum Valladolid, Pau Orthez e Estudiantes Caja Postal, e en todos eles mantivo o gran rendemento de Ferrol e deixou unha formidable pegada pola súa calidade deportiva e humana. Físicamente parecía sacado dunha peli dos 70 de Michael Cimino, como Kurt Rambis. Fai uns meses Anicet Lavodrama escribiu esta fermosa semblanza do seu compañeiro, emotiva e xenial de principio a fin, en solobasket. Rescato un fragmento inda que aconsello lela na súa totalidade: "Para min, Mike era unha mestura de Larry Bird, Oscar Schmidt e Dennis Rodman! Anotador, reboteador, intelixente ao tempo que pillabán, bo pasador, un primeiro paso prodixioso, fero competidor xogando ao mus nas viaxes. Así é Mike Schlegel, un dos meus compañeiros cos que tiven máis e mellor complicidade ao longo da miña carreira de xogador de baloncesto".

Nenhum comentário:

Postar um comentário