06/04/2009

DÚBIDAS EN PASARÓN

Ao Pontevedra acabóuselle a xeira triunfal. Despois de seis vitorias consecutivas xa van dúas xornadas sen gañar. A primeira despois dun pésimo partido en Valladolid, e onte en Pasarón, ante un dos grandes da categoría, a Cultural Leonesa, que contou ademais coa axuda do colexiado. E iso que todo comezou de marabilla para os granates, con dous goles en doce minutos (Charles e Vázquez). Pasarón era unha festa, inda que non había que confiarse ante o segundo clasificado da táboa. Pouco a pouco os leoneses fóronlle dando a volta á tortilla e apropiándose do balón, polo que se cadra non precisaban do agasallo que lles ofreceu o árbitro do partido: un inexistente penalti que anotou Rubén García no minuto 27, instalando a incerteza en Pasarón. No segundo tempo os leoneses foron decididos polo empate e bateron con outro agasallo inesperado. Yuri autoexpulsouse cunha agresión ao cuarto de hora da reanudación e os de Gay víronse obrigados a resistir cun home menos. Non o conseguiron. A falta de cinco minutos Santi Santos marcaba o empate (2-2) definitivo. Por fortuna, o Pontevedra segue aproveitando os erros dos seus seguidores para permanecer en postos de promoción. O Rácing de Ferrol, por exemplo, que tropezou por segunda semana consecutiva. Perdeu 1-0 en Guijuelo e non levou máis pola boa actuación do porteiro Antonio Reguero. O Celta B tamén tiña unha boa ocasión de asaltar a zona de promoción, pero non pasou do empate en goles en Barreiro ante o Lugo. O Ciudad de Santiago deu moi boa imaxe no Toralín de Ponferrada. Maikel adiantou os santiagueses pero os bercianos empataron á volta do descanso. O mellor resultado dos galegos, sen dúbida, o do Fabril, que gañou no Mundo do Fútbol de Abegondo (2-1) ao Valladolid B. Iván Pérez foi novamente o máis destacado do equipo coruñés dando o pase do primeiro e marcando o segundo que sentenciaba o partido. Os coruñeses, con estes tres puntos, achéganse aos postos de permanencia. (A foto do Correo Gallego)

Nenhum comentário:

Postar um comentário