28/02/2009

MARBURY DEBUTOU COS CELTICS

Interesante xornada na madrugada da NBA marcada pola estrea de Stephon Marbury cos Celtics. O xogador que chega despois de estar afastado por D´Antoni en Nova York colaborou con oito puntos na vitoria dos Celtics no Garden ante Indiana Pacers (99-104), mentres que os seus ex-compañeiros caían en Philadelphia por 108-103 con 25 puntos de Andre Miller e 23 de Thaddeus Young. Os Lakers perderon ben (79-90) na cancha dos Nuggets mentres que os Cleveland resarcíronse da súa lastimeira derrota a pasada madrugada ante os Rockets cunha vitoria (97-86) en Texas ante San Antonio, no que non xogaron Duncan nin Ginobili por problemas físicos. Os Suns prolongaron un día máis a súa boa racha dende a chegada ao banco de Alvin Gentry, cunha vitoria de marcador alto (113-133) ante os Raptors cunha actuación xenial de Shaquile O´Neal (45 puntos e 11 rebotes). Do mesmo xeito destacada foi a actuación do pívot dominicano Al Horford, quen achegou 22 puntos e 21 rebotes na vitoria dos Hawks na súa cancha ante uns grises Heat (83-91). En Washington, a sorpresa deuna o presidente Obama, quen acudiu ao pabillón para animar os seus Bulls, inda que non lles levara sorte pois os de Chicago perderon ben (90-113). Salientar tamén a vitoria dos Pistons en Orlando (93-85) , que acaba cunha xeira negativa de oito derrotas seguidas. Hoxe é a quenda dos dous equipos máis en forma, pois suman senllas xeiras de seis vitorias consecutivas: os Rockets viaxan a Chicago, mentres que os Jazz, con Carlos Boozer recuperado xa fai uns días, recibe a Sacramento. (Foto de Marbury de Lois Waweru.)

DERROTAS DOS GALEGOS NA LEB

Os dous equipos galegos na LEB Ouro perderon onte e dan un paso atrás nas súas respectivas aspiracións. O Beirasar Rosalía caeu (62-74) no multiusos do Sar ante un equipo da metade baixa da táboa, o Club de Baloncesto La Palma, despois dun partido gris no que os santiagueses amosaron unha preocupante falta de claridade en ataque e debilidade no rebote nos momentos decisivos. Os canarios abriron axiña unha fenda no marcador ao inicio do partido grazas a tres triples consecutivas (2-9) e conseguiron mantela durante un triste primeiro cuarto dos homes de César Iglesias (10-20). No segundo pareceu que os colexiais meteron unha marcha máis no partido, grazas sobre todo aos seus dous únicos homes destacados: o norteamericano Kamrrom Tyalor, buscándose a vida en solitario ante a inoperancia dos seus compañeiros no xogo exterior, e o valenciano Miguel Montañana, que se faxou bravamente contra os homes altos do conxunto canario. Porén, outros homes desesperaron á paciente torcida do Multiusos: Rogelio Legasa, que axiña se cargou con catro faltas, e Giorgios Dedas e Sandi Cebular, que nun caso sen precedentes, non anotaron nin un só punto durante todo o partido malia estaren o tempo habitual na cancha. Os tres rexistraron un arrepiante -4 de valoración. Deste xeito era difícil consumar unha remontada ante un equipo contrario moito máis equilibrado e no que destacaban o norteamericano Thomas Terrel (23 pts,9 reb.), o prometedor islandés Pavel Ermolinski (10 pts. 9 reb.) e o base Pedro Sala (12 pts., 7 asistencias). Malia os arranques de orgullo de Taylor e Montañana, que non puido xogar tanto como lle tería gustado ao seu adestrador por mor dunhas lixerias molestias, que por veces parecían achegar o seu equipo no marcador, en ningún mmento deu a impresión de que o equipo de Santiago puidese gañar o partido. Como dato curioso dicir que non só é que Dedas e Cebular quedaran sen anotar, é que só catro dos oito homes que xogaron no Rosalía anotaron (Taylor 22, Montañana 17, 7 rebotes e 10 faltas recibidas, Harding Nana 16 e Jordi Vallmajó 7). O peor do resultado para o Rosalía é que corta unha racha de bos resultados que lle permitiran enxergar a saída do pozo, e confirma os seus graves problemas na faceta anotadora. Agora cómpre desexar que Gandía, penúltimo igualado a puntos co Rosalía que é pechacancelas, e o Illescas, cunha vitoria máis perdan os seus partidos para que a salvación siga estando preto. Pola súa banda o Breogán deu un paso atrás ao perder un partido moi igualado en Melilla (89-87). Os breoganistas comezaron impoñendo a súa autoridade, pois no descanso o marcador era de 39-51 para os lugueses, pero tras a reanudación os melillenses, que viñan dunha xeira negativa de cinco derrotas consecutivas, tiraron de orgullo e da man duns brillantes Andrés Ciorciari (10 puntos e 11 asistencias), ex do Breogán, e Benjamin Southall (21 puntos e 8 rebotes) foron rabuñando a desvantaxe no marcador ata consumar a remontada con dous tiros libres anotados por Cuthbert a tres segundos do final. No Breogán, como xa é habitual, o home máis destacado foi Brian Cusworth, con 27 puntos, seis rebotes e cinco balóns recuperados. Os lugueses, que quedan na cuarta praza á espera do que faga o Valladolid hoxe, veñen de anunciar a fichaxe do escolta italiano Andra Pecile, procedente do Cajasol da ACB, de onde sae por 'pouca implicación'. Pecile é un bo anotador que foi internacional co seu país e que é coñecido ademais pola súa curiosa e divertida faceta artística da que hai boas mostras en youtube.

27/02/2009

PODERÍO DO LESTE


A xornada da volta de 1/16 da UEFA deixou uns resultados sorprendentes que deixan ver unha realidade curiosa: o poderío dos equipos do Leste de Europa. En concreto, tres equipos rusos e dous de Ucrania superaron eliminatorias complicadas ante equipos de gran potencial, mentres que Inglaterra, España e Italia, as ligas aparentemente máis poderosas, quedan con dous únicos representantes: o Udinese, que eliminou o modesto Lech Poznan polaco, e o multimillonario Manchester City, que pasou non sen apuros a súa eliminatoria ante o Copenhague. Mención destacada merece o Zenit de San Petersburgo, actual campión da competición, que xa sen Arshavin, eliminou brillantemente ao Stuttgart alemán, gañando nos dous partidos por 2-1. Outro dos grandes do fútbol ruso, o CSKA de Moscova impúxose pola súa banda ao potente Aston Villa de Martin O´Neill, se ben os ingleses saíron ao campo sen oito dos seus titulares, centrados como están na Premier, onde loitan por meterse en postos Champions. Demasiadas facilidades para os moscovitas, nos que marcou Vágner Love, quen xa marcara na ida, e suma dez goles na competición. O outro representante ruso, o Metalist de Kharkiv, eliminou brillantemente á Sampdoria de Walter Mazzari, impoñéndose nos dous partidos. Pola súa banda, os equipos de Ucrania superaron eliminatorias moi complicadas. O mítico Dinamo de Kiev deu a gran sorpresa ao acadar un empate a dous goles en Mestalla ante o Valencia , cada vez máis desconcertado polo baixón de resultados e os problemas económicos. O Shaktar Donetsk de Mircea Lucescu, pola súa banda, non tivo problemas para pasar ante un Tottenham que tamén renunciou a eliminatoria cun equipo pragado de suplentes. En canto o resto das eliminatorias destacan o empate a 2-2 do Werder Bremen en San Siro, que deixa fóra ao equipo de Ronaldinho, cada vez máis carente de identidado e necesitado dun relevo xeracional urxente. O Sporting Braga non tivo problemas para pasar despois da súa brillante exhibición na ida ante o Standard de Liège, e destacable tamén o poderío francés con tres equipos en oitavos: Marsella, PSG e Saint Ettienne. En definitiva, interesante cmbio de hexemonia entre os secundarios do fútbol europeo, nunha competición que, porén precisa reformularse nos vindeiros anos pois cada vez suscita menos interese entre as potencias futbolísticas tradicionais, como ben analiza este artigo da sección de depotes do xornal británico The Guardian.

26/02/2009

AALBORG, UNHA VERDADE INCÓMODA

Todo rematou precisamente ao pouco de ter conseguido o máis difícil: o primeiro gol. Onde outro equipo máis maduro se tería permitido un minutiño de acougo cando menos para tomar folgos, o Dépor, en cambio, revolucionouse e quixo rematar o traballo canto antes, de xeito bravo pero irreflexivo, e pasou o que pasou, que o Aalborg aproveitou os espazos para nos crear problemas e a falla de mentalidade defensiva para meter dous goles a balón parado. Dese xeito a eliminatoria ficaba sentenciada e só quedou agardar ata o final para ver se o equipo, cando menos, era capaz de rescatar un resultado digno, cousa que tampouco foi tal, inda que cando menos non se pode negar a actitude dos xogadores nunha situación difícil como a de onte. Na miña opinión, coido que nos pasamos un pouquño á hora de falar de épica e noites máxicas. Abofé que o de onte era un reto en toda regra e que consumalo tería o espírito das grandes noites, pero tamén é certo que gañarlle a un equipo coma o Aalborg por 3-0 en Riazor non é un imposible. Fai poucas semanas metéuselle 3-0 ao Vila-Real. E por iso eu non son partidario de facer grandes cambios tácticos ante partidos así, que crean desaxustes e incertidumes nos xogadores, pois onte Filipe perdeu percorrido con respecto a outros días, De Guzmán estivo un pouco perdido, e os tres centrais non deron demasiada seguridade ante os homes rápidos de arriba do Aalborg que saían disparados ao contragolpe. Porén, o equipo xogou ben durante a primeira metade. Igual que o domingo contra o Valencia, presionaron con intensidade arriba, recuperando axiña a bola e procurando solucións rápidas en ataque. Mesmo hai que lamentar que no minuto 12 o árbitro anulase inxustamente un gol a Omar Bravo que tería cambiado radicalmente o trancurso da eliminatoria. O gol parecía complicado pero tiña que caer de maduro, inda que Valerón non tivo precisamente o seu día máis xenial e os centrocampistas nunca estiveron demasiado atentos á hora de chegar á área ou de gañar os rechaces. Finalmente foi Sergio quen abriu a lata cun disparo dende fóra da área que desviou un defensa, despistando o seu porteiro. Momento de euforia en Riazor. A remontada comezaba a enxergarse como posible e foi aí cando esquecimos que tiñamos un equipo enfrente. En menos de seis minutos fixéronnos un estrago. Marcaron Sheldon, Wahler e Enevoldsen. 1-3. Agora cómpre pensar xa só na Liga. Estamos nunha situación bonita na clasificación e non se pode baixar a concentración, pois existe a posibilidade de facer algo bo. Lotina tamén pensa o mesmo, por iso na rolda de prensa de onte estaba máis arisco que nunca. Non quixo falar demasiado do partido. En cambio, amosou o seu cabreo pola lesión de Bodipo, acusando veladamente ao xogador de ter arriscado sen estar en condicións.

UN AGASALLO PARA RODRIGO

Esta noite hei de ir aló, a animar o Deportiviño para facer outra trasnada desas que tanto nos gustan. É posible, recoiro, va que si. Non nos poden botar uns pavos que teñen nome de ex-presidente da Xunta. Esta noite habemos de ir a deixar as gorxas roucas porque merecemos pasar e porque temos que facerlle un agasallo a Don Rodrigo García Vizoso, historia viva do Deportivo que cumpríu cen anos e está coma un buxo. Disque dunha volta contra o Madrid chegou a facer 76 paradas e o Dépor perdeu apenas 2-1 en Chamartin e pasou a eliminatoria copeira. Que gran porteiro e, vaites, que defensa tiñamos daquela! Pois iso, que mola mil ser do Deportivo e hoxe é o día de demostralo. (Fotos de Riazor.org e canaldeportivo.com)


VOLVE O MELLOR DROGBA

O Chelsea gañou onte o partido de ida dos oitavos de final da Champions por 1-0 á Juventus despois dun primeiro tempo brillante no que por momentos lembrou ao mellor Chelsea dos tempos de Mourinho, sobre todo pola aparición estelar de Didier Drogba, quen practicamente inédito ao longo da temporada, destacou onte ao xeito dos últimos anos, gañando todos os balóns, desbordando e desmarcándose sempre no momento preciso, marcando un golazo na primeira que tivo, e mesmo protestándolle todas ao árbitro. Canda el, destacou tamén Salomon Kalou, levando moito perigo pola banda dereita e sendo protagonista da acción do gol, pois meteulle un pase interior maxistral polo medio da defensa ao marfileño Drogba , que este non desaproveitou. Do mesmo xeito Lampard distribuía balóns dunha banda á outra coa súa soltura característica e o equipo, no seu conxunto, era unha engrenaxe moi ben engraxada na recuperación e na chegada a área contraria, afogando unha Juve que só vía a luz de cando en vez, cando algún balón solto caía aos pés de Del Piero. Con todo, o panorama mudou radicalmente no segundo tempo. O Chelsea decaeu e concedeulle a iniciativa aos italianos que, de vagar, fóronse metendo no partido, superando aos blues no medio campo grazas a un poderoso Sissoko e intentando a chegada polas bandas con Marchionni e Nedved, se ben botaron seguido en falta o desborde dos laterais. Amauri, entrementres comezaba a gañarlles os balóns aéreos aos centrais do Chelsea. O gol estivo a piques de chegar, sobre todo nun disparo a ras de chan de Nedved que lambeu o pao da porta de Cech. Pero finalmente o marcador ficou como ao descanso e o Chelsea leva un resultado de ouro para Delle Alpi. Guus Hiddink suma a súa segunda vitoria no seu segundo partido e demostra como por momentos, é capaz de recuperar a mellor imaxe do Chelsea, sobre todo se é quen de rescatar ao mellor Drogba.
No outro partido da xornada, en Alvalade, vivíuse unha tremenda debacle do Sporting de Lisboa, que caeu por un contundente 0-5 ante o Bayern de Munich. No primeiro tempo, os lisboetas foron mellores e gozaron mesmo de ocasións para adiantárense no marcador, pero concederon un erro fatal: un contragolpe a Franck Ribery, que chegou ata a cociña e marcou pouco antes do descanso. Xa no segundo tempo os bávaros foron claros dominadores e machacaron á contra a un confuso Sporting. Ribery outravolta, Klose, e Luca Toni por dúas veces puxeron o marcador definitivo do partido e pecharon a eliminatoria.

25/02/2009

BENÍTEZ BAIXA O MADRID DA NUBE

O Liverpool demostrou (0-1) onte como non é moi normal que o Real Madrid acumule nove vitorias consecutivas en Liga. Rafa Benítez dispuxo un sistema táctico perfecto que anulou todo o potencial perigo dos madridistas. Anuladas as bandas, especialmente a de Robben, tapada por un perfecto Fabio Aurelio, ao equipo de Juande faltáronlle as ideas para abrir a lata, sobre todo pola ausencia dun home desequilibrante entre liñas. Así o Madrid non creou no primeiro tempo ningunha ocasión de gol, mentres que o Liverpool, en canto podía, saía con moita intención ao contragolpe e dispuxo deste xeito de claras oportunidades, destacando a de Fernando Torres que desviou brillantemnte Casillas a córner, ou, pola súa plasticidade, o disparo de Xabi Alonso dende o círculo central que a piques estivo de sorprender ao porteiro de Aranjuez. No segundo tempo, o Liverpool, que viña de perder a Torres por lesión no nocello, deu un pasiño atras pero non por iso lle concedeu máis espazos ao equipo de Juande, que procuraba solucións poñendo no campo a Guti, cuxa participación no xogo foi absolutamente irrelevante. Os de Benítez parecían contentarse co empate pois xa apenas saían con intención cara a área contraria, pero tampouco estaban dispostos a desperdiciar un agasallo. Este fíxollelo Heinze, que cometeu unha falta estúpida por innecesaria sobre Kuyt ao borde do lateral da área. Centrou Fabio Aurelio e rematou o máis baixiño, Benayoun, ante a pasividade dos centrais brancos. O Madrid non demostrou capacidade de reacción, nin ese carácter épico e agónico que de cando en vez amosa nos últimos tempos, polo que terá que ir a Liverpool coa espada no pescozo. Juande terá que remexer abondo os miolos para devolverlle a xogada a Benítez.
Pola súa banda, o Vila Real desaproveitou unha ocasión inmellorable para deixar sentenciada a súa eliminatoria contra un Panathinaikos moi defensivo. Os castellonencos foron superiores aos gregos e dispuxeron dunha chea de oportunidades. Pero o equipo de Ten Cate reaxiu unha miaxiña no segundo tempo e bateu cun golazo do veterano Karagounis. O Vila Real seguíuno intentando machaconamente e oito miutos despois empatou o partido ao marcar Rossi de penalti. Con todo, o público do Madrigal marchou para a casa coa sensación de que merecerían ir máis tranquilos polos méritos demostrados no campo. En Grecia, nun ambiente infernal, están obrigados a marcar. (Foto de Aaron Carass)

O BARÇA RESPIRA A BALÓN PARADO

O Barcelona rabuñou a balón parado en Gerland un empate (1-1) que lle pon de cara a eliminatoria pero que confirma certo fastío no xogo do equipo de Guardiola. No primeiro tempo foi un conxunto previsible e incapaz de superar en ningún momento a intensa presión do Olympique, cun centro do campo moi poderoso, con Toulalan e Makoun no centro, que afogaron en todo momento a saída do balón dos azulgranas. Inda por riba, bateron cun gol temperán na enésima transformación dunha falta directa por parte de Juninho Pernambucano aos sete minutos. Tivo sorte o Barcelona de que pouco despois Benzema non soubese aproveitar un un contra un ante Valdés que podería ter deixado o partido moi costa arriba. No segundo tempo o Barcelona apoderouse algo máis do balón pero apenas xerou ocasións de perigo. Messi pasou absolutamente desapercibido e a defensa do Olympique demostrou gran concentración e rapidez. O gol, porén, chegou nun corner que peiteou perfectamente Márquez para que Henry remachase en prancha no segundo pao. É destacábel que o Barcelona dispoña de recursos a balón parado para paliar carencias no seu xogo outras veces brillante. O gol do francés deixa a eliminatoria encarreirada para o partido de volta do Camp Nou, pero non despexa certas dúbidas sobre a capacidade do Barcelona para manter de aquí ao remate da temporada o excelente nível da primeira volta.
No Calderón, pola súa banda, o Atlético colleitou un empate proveitoso ante un Porto que puido golear de aproveitar as inúmeras ocasións que lles concederon os defensores atléticos. Lisandro López marcou por dúas veces e é o máximo goleador da competición. Os portugueses son favoritos para a volta. Supoñemos que Futre quedaría desconsolado ao ver o xogo do seu ex-equipo favorito.
O Manchester United desaproveitou a posibilidade de marcar en San Siro nun partido no que dispuxo dunha chea de oportunidades ante un Inter reservón e pouco brillante. O garda redes brasileiro Julio Cesar foi o mellor dos neroazzurri, salvando claras ocasións do United, a maioría delas de Cristiano Ronaldo. Alex Ferguson debe estar preocupado pois o empate sen goles é un resultado pouco desexábel se no banco contrario está sentado o señor Mourinho. Os deportivistas sabemos do que falamos.
Por último o Arsenal gañou con merecimento á Roma no Emirates Stadium por 1-o con gol de Van Persie, resultado que se antolla curto vistos os merecimentos duns e doutros. Os londinenses aínda deben estar lamentando a inimizade de Niklas Bendtner co gol esta temporada. A Roma confirmou a súa irregularidade ao longo desta temporada. Porén, prevese unha volta interesante no Olímpico da capital italiana.

24/02/2009

O DOS SIXERS NON É NORMAL

Xa contamos nun post anterior como os Sixers perderan tres partidos por canastras do equipo contrario no último segundo: primeiro Tony Parker dos Spurs, logo Nowitzki dos Mavericks, e por último Ray Allen dos Celtics. Inda que sexa demasiada casualidade podemos consideralo dentro do terreo do probable. Pero o de onte de Devin Harris, dos Nets, non ten nome. Vexan e xulguen. O dos Sixers xa entra no terreo do paranormal. Por certo, dende o parón do All Star xa van catro derrotas consecutivas.

23/02/2009

MERECEUSE A VITORIA

Terceiro empate consecutivo do Dépor na Liga. Nos dous anteriores falabamos de que se deixaran escapar catro puntos. Onte, en cambio, gañouse un, inda que os de Lotina fosen notoriamente superiores a un gris Valencia e merecesen a vitoria. Con todo, o resultado (1-1) é consecuencia da repetición dalgúns defectos que lle impiden ao Dépor mirar máis arriba na táboa: os erros defensivos e a falla de pegada adiante. O erro de De Guzmán, regalándolle o balón a un Villa que se plantou so diante de Aranzubia, permitiulle ao Valencia xogar a favor de marcador. Arriba, o equipo estivo francamente ben, destacando o traballo de presión e recuperación da bola, se cadra dos mellores da temporada. O trío de medios centros do Dépor comeuse con patacas a Manuel Fernandes e Baraja. E arriba, Lassad confirmou as súas boas condicións, xogando con moita confianza e demostrando que ademais de boa planta é técnicamente fino e intelixente. Mágoa que non tivera oportunidade de marcar, en boa medida porque tivo que ocupar as máis das veces, a deserta banda dereita. O gol do Dépor, chegou por enésima vez nunha xogada a balón parado, pero alegra especialmente que marcara Piscu, despois de que o mércores pasado cometera un grave erro contra o Aalborg. Piscu é un defensa central de absoluta garantía, moito máis serio táctica e posicionalmente que Zé Castro, moito máis rápido na anticipación e no cruce, e moito máis contundente pois é moito máis consciente das súas limitacións que o central portugués. Só á hora de sacar o balón xogado, o de Coimbra está un pouco por riba do das Pontes. O gol de Piscu é un merecido premio para un rapaz que ten calidade abonda para asentarse no Dépor nos próximos anos, e o que é inxusto xulgar por un erro cometido nun día no que tivo que xogar nunha posición que lle resulta estraña. Polo demais, cómpre lamentar a arbitraxe de Pérez Burrull, unha auténtica ful, ao que, abofé, non lle elixiron o partido máis acaído para saír da neveira. Especialmente lamentable que se deixara vacilar por César durante minuto e medio e que nin lle sacara cartón, nin logo descontara máis de tres minutos. En todo caso, notable melloría do Dépor con respecto ao último partido que haberá que refrendar cunha tremenda machada o próximo xoves.

XUSTO CAMPIÓN

Finalmente cumpriuse o prognóstico e o TAU converteuse no xusto vencedor da Copa logo dunha final intensa (100-98) e disputada, con prórroga incluída, como non se podía agardar doutro xeito estando Aíto no banco rival. Foi unha final curiosa pois os agardados protagonistas non tiveron precisamete o seu mellor día, especialmente os dos vitorianos Rakocevic e Splitter que viron o final do partido no banco eliminados por cinco persoais. Non foron necesarios, en todo caso necesarios, pois Ivanovic dispón de secundarios de luxo que non desbotan asumir o rol de protagonistas. É o caso do capitán Sergi Vidal, inda que onte errase dous tiros libres que podían ter sentenciado o partido no último cuarto, ou do inconmesurable Pete Mickeal que protagonizou as dúas accións decisivas do partido. Mención aparte merece Mirza Teletovic, que acabou convertido no MVP de torneo, nunha decisión de consenso e de prognóstico incerto ata o final do partido, logo dos seus seis triplazos. En todo caso, é xusta recompensa para un xogador moi interesante e cunha enorme marxe de progresión. No Unicaja tampouco foi o mellor día de Marcus Haislip, que inda que non se agochou en ningún momento, denotou certa ansiedade sabedor do seu rol protagonista. Quen si quixo acaparar as xogadas decisivas foi Joseph Gomis, home apenas relevante no que levamos de temporada para Aíto que tirou de orgullo e quixo pasar de vilán a heroe nunha canastra. Pero o mellor dos seus, máis unha vez, acabou sendo o propio Aíto, quen  con mensaxes crípticas nos tempos mortos como: Olympiakos para Joe, Panathinaikos para Jiri, soubo enzoufarlle o partido en todo momento a un rival superior. En fin, fermoso colofón pra unha competición que atopou un formato inmellorable e comeza a acumular unha pequena historia de grandes momentos. 

22/02/2009

PRIMEIRAS VÍAS DE AUGA NO BARÇA

O Barça navigaba ata agora pola Liga maxestosamente coma un trasatlántico de luxo, pero onte, o Titanic de Guardiola descubríu as primeiras vías de auga. E fíxoo no día máis inesperado, ante un contrario que malia a súa pobre clasificación na táboa, non ía ser recibido con desdén por canto é o gran rival. En cambio, Pochettino gañoulle a partida a Guardiola. Saíu sen complexos a presionarlle moi arriba ao Barcelona, que non atopaba ocasións claras de gol, agás algúns chispazos soltos de Messi ou Alves. Ademais, os pericos aproveitaban calquera oportunidade para meter o partido nunha dinámica de crispación que lles favorecera. E abofé que lles saíu ben, pois xa no minuto 38, o colexiado Delgado Ferreiro, un pouquiño verde, expulsou a Keita por unha entrada que non era merecente de tal sanción. O caso é que o Barça púxose máis ansioso aínda e o Espanyol aproveitou para facerse dominador do partido, sobre todo no emocional. así, a comezos do segundo tempo aproveitou unha contra para adiantase no marcador. Nené deixoulle un preciso centro á cocorota de De la Peña, que poñía o 0-1. Aos cinco minutos, o propio De la Peña aproveitaba un erro lamentable de Victor Valdés para marcar o segundo. O Barça púxose aínda máis nervioso e Guardiola quitou a Eto´o do campo para poñer a Gudjohnsen e situar a Sergi Busquets como dianteiro centro, nunha decisión tan sorprendente como de escaso proveito. Con todo, o Barça atopou o gol nunha xogada a balón parado que remachou Touré despois dun rexeite. Inda lle quedaba tempo ao Barça, pero non chegou o empate, nin sequera pareceu rondar demasiado a área de Kameni. O Espanyol converteuse con esta vitoria no primeiro equipo na Historia da Liga que vence no campo do líder sendo pechacancelas. O Barça, en cambio, comeza a sentir na caluga o bafo dun espléndido Madrid que onte acadou a súa novena vitoria (6-1) consecutiva cunha exhibición de fútbol ante o seu público. Meteulle seis goles en corenta e cinco minutos a un pobre Betis que só puido marcar por medio de Oliveira, e xa está a só sete puntos do Barcelona de Guardiola. É certo que todos os grandes equipos poden ter un día malo, e o máis normal é que o Barça siga liderando a Liga con velocidade de cruceiro, pero o certo é que nas últimas dúas xornadas xa cedeu cinco puntos ante a planadora madridista, e a angustia pode comezar a instalarse nunha casa tan aprensiva como a blaugrana. Non parece posíbel que afunda, mais si o Barça chegara a afundir, sería unha catástrofe das dimensións da do Titanic. (Foto de Shay)

OS LEÓNS VENCERON ÁS AGUIAS

Onte disputouse o clásico lisboeta no estadio Alvalade e o Sporting de Paulo Bento impúxose (3-2) ao Benfica que adestra o Quique Sánchez Flores, nun partido que os leões puideron ter sentenciado moito antes do final. Adiantouse axiña o brasileiro Liedson cun espléndido xute dende un lateral da área, ante o que nada puido facer o garda redes benfiquista Moreira. O Benfica pretendeu reaxir, con insistencia inda que pouco fútbol, e acabou atopando un penalti claro sobre o hondureño Suazo que transformou en gol o sempre cuestionado extremo español José Antonio Reyes. Tras o descanso, o partido converteuse nunha demostración de superioridade do Sporting, que comezou a asediar con numerosas ocasións a porta de Moreira, mentres que o Benfica apenas pasaba do mediocampo. Así chegaron outros dous goles. O segundo de Derlei, ante a inmobilidade de tres centrais contrarios, e o terceiro novamente de Liedson, de cabeza, tras unha fermosa xogada por banda do prometedor Pereirinha. O Benfica recortou distancias a dous minutos do final, na única ocasión da que dispuxo no segundo tempo, cun cabezazo do paraguaiao Cardozo, que moitos seareiros benfiquistas consideran que debera dispoñer de máis minutos, pois é un goleador de moitas garantías. Con este resultado os leões igualan a puntos aos seus veciños e permanecen a catro do líder, o Porto, que non errou na súa visita (0-2) ao modesto campo do Paços Ferreira, onde marcaron Hulk e Bruno Alves de penalti.

O TAU CONTRA AÍTO

Agardábase un partidazo entre o Barcelona e o Tau, pero Dusko Ivanovic encargouse de dicirlles aos seus que non quería tonterías e que resolveran as cousas pola vía rápida, así que os baskonistas apenas deixaron marxe a un Barcelona desconcertado ao que se lle arrefriou a quentura das últimas semanas axiña, así que viu que Rakocevic estaba polo labor de poñerse o mono de máximo anotador da  ACB (27 puntos), e que Tiago Splitter estaba disposto a ser protagonista do partido, superando un por un, en defensa e ataque, ao espectacular cuarteto de homes altos do Barcelona: Santiago, Vázquez, Andersen e Ilyasova. Canda eles, Mirza Teletovic, Pete Mickeal, Will Macdonald, Pablo Prigioni e o xenial Sergi Vidal, insuperable en defensa e decisivo en ataque, foron furando pouco a pouco no equipo contrario ata deixar a vantaxe no marcador, xa no descanso, en 9 puntos (43-34). No segundo tempo, o TAU seguíu coa mesma dinámica e o Barça foi incapaz de reaxir. Nin sequera Navarro, brillante contra o Madrid en cuartos, estivo desta volta á altura, salientando os seus erros decisivos na liña de tiros libres naqueles momentos nos que se podía enxergar algún tipo de remontada. A vitoria de onte do TAU (90-77) é un golpe de autoridade enriba da mesa, pois é xa a sexta consecutiva dos vitorianos sobre o Barcelona. O Baskonia é claro favorito para o título, pero para iso terá que derrotar na final ao hipercompetitivo Unicaja de Málaga, cuxa maior estrela está sentada no banco e quererá revalidar cun novo equipo o título conseguido o ano pasado. O Unicaja non venceu coa mesma facilidade o seu partido contra o Estudiantes (71-78) pero nos momentos decisivos foi quen de demostrar a súa superioridade. O partido foi pouco vistoso, marcado por defensas de grande intensidade dos dous equipos e baixas porcentaxes de acerto en ataque. A igualdade mantívose ata os últimos minutos, nos que o Unicaja aproveitou a súa maior calidade e veteranía. Foi no último cuarto cando Marcus Haislip decidíu facer acto de presenza (13 puntos de 15 en todo o partido) e Berni Rodríguez anotou un par de canastras decisiva. A final de hoxe é un novo episodio do TAU contra Aíto, ao igual que na última edición. Desta volta, o técnico madrileño mudou de equipo. Será quen de afastar ao Baskonia dun título que parece cantado? 

UN CELTA GRAVEMENTE ENFERMO

O Celta vive horas moi tristes. A afección desertou en masa de Balaídos e os poucos que aínda resisten aproveitan a mínima ocasión para cuestionar a xogadores e técnicos. O certo é que ten que ser duro aturar unha temporada como a que está a facer o equipo vigués, un enfermo que despois do de onte (1-2) pasou da gravidade ao estado de coma. Incapaz de crear xogo, foi superado dende o inicio por un Eibar en postos de descenso e que non marcara nos seus últimos sete partidos fóra de Ipurúa. En cambio, por momentos parecía o Vila Real de Pellegrini ante un Celta apático e inmóbil. Os de Murcia viven nun estado de ansiedade tal que calquera cousa que pretendan vailles saír irremediabelmente mal. A cousa complícase se inda por riba o ídolo da afección esquece que os pases de gol hai que darllos aos compañeiros e non aos rivais. Complícase de igual xeito se Ghilas desaproveita un penalti ou se un tipo chamado Sutil che mete un golazo de volea por toda a escadra. Murcia parece estar condenado despois do de onte. Un cambio de adestrador podería ser un pequeno shock para recuperar o pulso cardíaco, pero o enfermo vai seguir enfermo igual de aquí ao remate da temporada.

21/02/2009

OUTRO TRISTE EMPATE DO ARSENAL

Prometedora estrea de Andrei Arshavin na Premier League. O ruso debutou hoxe co Arsenal no Emirates Stadium contra o Sunderland (0-0) e xa no primeiro tempo dispuxo de tres claras ocasións, creadas a partir da súa calidade individual e que non foron gol polo acerto do porteiro Fulop. do mesmo xeito, puxo dous magníficos centros que a piques estiveron de acabar en gol, sobre todo o rematado por Kolo Touré. No segundo tempo, o ruso acusou o cansanzo e foi cambiado ao cabo dos quince primeiros minutos polo mexicano Carlos Vela. Pero, á marxe da boa actuación de Arshavin, o partido do Arsenal volveu ser unha mostra da mediocridae na que ten caído este equipo, mermado por baixas importantes -Fábregas, Walcott, Rosicky, Eduardo, etcétera...-  e polo baixo rendemento doutros homes que no ano pasado amosaron moito máis nivel como Adebayor, Van Persie ou Bendtner. Os londinenses afúndense na clasificación por mor da súa incapacidade para gañar partidos ante rivais inferiores. Este ano as circunstancias parecen estar podendo con Wenger, que ve como a distancia entre o Arsenal e os outros grandes da Premier é cada vez máis abismal.
Por outra banda, o gran partido da Premier disputábase onte en Birmingham. O emerxente Aston Villa de O´Neill recibía en Villa Park a un Chelsea en crise que se puxo nas mans do holandés Guus Hiddink.  Parece que o holandés pode ser quen de obrar unha nova miragre na súa carreira, pois hoxe o Chelsea mudou radicalmente a súa imaxe e foi en todo momento superior ao Aston Villa, ao que venceu cun gol aos 19 minutos de Nicolas Anelka, que ve porta na Liga por primeira vez en 2009. Os de O´Neill tropezan por segunda vez na súa casa nun partido importante despois do empate contra o CSKA o mércores na UEFA. 
Por último, con este gol, o paraguaio Roque Santa Cruz  ao bater o gardarredes Kucszack, púxolle unha cifra definitiva ao récord de imbatibilidade do Manchester United. Finalmente o equipo de Ferguson rexistrou 1.334 minutos coa porta a cero. Van der Sar, porén, inda pode seguir batendo marcas. Con todo, o United afiánzase no liderato pois conseguiu a vitoria ante o Blackburn. Rooney adiantou ao seu equipo no min.23, e logo do empate de Santa Cruz, Ronaldo acabaría poñendo o 2-1 definitivo no 60 do segundo tempo, cun espléndido lanzamento de falta directa

CON AÍTO, SEN AÍTO

Calquera equipo de baloncesto que teña no banco como adestrador a Aíto García Reneses ten asegurada a competitividade en calquera torneo no que participe. Na xornada de onte, de cuartos de final da Copa do Rei, puidémolo comprobar. O Unicaja, que agora dirixe o técnico madrileño, impúxose (79-69) ao Kalisse Gran Canaria nun partido igualado, ante un equipo correúdo, no que acabou decididindo un dos homes máis determinantes da ACB, o norteamericano Marcus Haislip que desequilibrou o partido grazas á súa excelente fiabilidade no tiro exterior: 4 de 5 en lanzamentos de tres, os catro acertos no segundo tempo. Haislip marcou a diferencia e Aíto dende o banco conseguiu manter durante os corenta minutos do partido a intensidade no xogo necesaria para que a vantaxe acadada grazas ao acerto persoal de Haislip, non se vira mermada polo equipo contrario, malia a insistencia anotadora de Carl English e Jim Moran. O Unicaja de Málaga, un dos equipos máis fiables do baloncesto europeo nos últimos anos, ten con Aíto un plus de competitividade que o converte nunha das principais ameazas que esta temporada axexan a Barça e Tau, aos que se lles presupón unha superioridade con respecto ao resto dos equipos. Cun Haislip xenial, o equipo complétano outros xogadores que ademais de talento dispoñen dun enorme sentido táctico e compromiso colectivo como Carlos Cabezas, Berni Roríguez, Carlos Jiménez, Jiri Welsch, Robert Archibald ou Boniface Ndong. Un equipo, en fin, que non se pode descartar de ningún xeito. Os malagueños enfrontaranse na semifinal ao Estudiantes, que deu a sorpresa ao vencer nun partido tremendamente igualado (80-75) ao Joventut de Badalona. Os cataláns están acusando notablemente esta temporada a ausencia de Aíto no banco, inda que o seu substituto, Sito Alonso, sexa a súa man dereita dos últimos anos. Ao Joventut cóstalle manter a intensidade ao 100% durante os corenta minutos, e moitas veces confunde intensidade con anarquía. De certo, ademais da baixa de Aíto, lamenta tamén a ausencia de Rudy Fernández, xogador único e gañador. De todos os xeitos, chama a atención ver como os badaloneses perderon onte un partido tal ante un equipo inferior, inda que Ricky Rubio dera unha exhibición de xogo no segundo tempo. O Estudiantes, de traxectoria problemática nas últimas temporadas, apelou á épica que o acompañou sempre ao longo da súa historia, e a partir do acerto de Samo Udrih (23 puntos) e Corey Brewer (16) chántase nas semifinais do torneo. Terá certamente complicado ir máis aló, pero sempre hai que deixar unha marxe de confianza cando se trata dos colexiais. (Foto de Elemaki)

20/02/2009

A ESPIÑA CRAVADA DOS SIXERS

Os Sixers están a facer unha campaña aceptable, mesmo podemos considerala boa tendo en conta a notable melloría dende a chegada do novo técnico Tony DiLeo o pasado 13 de decembro. Antes da súa chegada, con Maurice Cheeks, os de Philadelphia levaban 9 vitorias por 14 derrotas. Dende aquela, o promedio é moi diferente: 18 vitorias e 12 derrotas, cunha mellora sustancial do xogo, na que tamén poden ter que ver as baixas por lesión de Elton Brand. O caso é que, con todo, aínda hai unha espiña cravada na traxectoria dos Sixers. Nos partidos contra equipos grandes xa van tres derrotas por canastra no último segundo. Primeiro foi Tony Parker dos Spurs. Días despois Nowitzki dos Mavericks. O último, fai quince días, o gran Ray Allen con este triplazo para os Celtics. De ter gañado estes tres partidos, os Sixers estarían de quintos de Conferencia por diante dos Heat e a dous partidos dos Hawks. 

19/02/2009

RAFER AOS MAGIC E MILLER AOS BULLS

Interesantes movementos na última xornada habilitada para os traspasos na NBA. Rafer Alston base titular dos Rockets, abandona Texas para suplir ao mancado Jameer Nelson en Orlando ata o remate da temporada. Para sustituír a Rafer, chega a Houston Kyle Lowry procedente de Memphis Grizzlies. Os de Florida precisan un base de garantías de cara aos playoffs para paliar a baixa de Nelson, e iso é o que pode ofrecer precisamente o veterano Alston, garantías e experiencia. Houston, en cambio, fai unha aposta de futuro ao facerse cun base prometedor como Lowry que ten marxe de progresión xunto cos veteranos dos Rockets. Outro xogador importante que cambia de equipo é o pívot Brad Miller, que abandona Sacramento para suplir a carencia dun cinco de garantías nos Bulls. Miller intentará darlle a Chicago a consistencia que non foron capaces de achegar Noah ou Aaron Gray. Con Miller chega tamén un home anotador e irregular  como John Salmons. Os Bulls, en cambio desfanse de Nocioni e de Drew Gooden, que van para a capital de California, e de Larry Hughes, quen vai a New York, a cambio de Jerome James, mancado ata o remate de temporada, e de Tim Thomas, un home alto de bo tiro exterior. Interesante e penso que acertada a aposta dos Bulls de aquí ao remate de temporada

BARÇA-TAU, FINAL ANTICIPADA

A pimeira xornada de cuartos de final da Copa do Rei de baloncesto abríase cun fascinante Real Madrid-Barcelona (75-83). O equipo catalán demostrara ata o de agora máis nivel cos brancos, pero estes viñan de facer unha verdadeira proeza coa súa espectacular remontada ligueira contra o TAU o pasado sábado. Porén, o partido confirmou que o Barça é un equipo hoxe por hoxe máis completo, sobre todo polo poderío do seu xogo interior que onte anulou por  a Felipe Reyes, único home alto do Madrid capaz de contribuír notabelmente na faceta anotadora. No equipo blaugrana, en cambio, Fran Vázquez, Andersen e o propio Santiago son garantía de puntos baixo os aros, por non falar do turco Ersan Ilyasova, un xogador cada vez máis a gusto na competición española, que tanto contribúe ao rebote ofensivo e defensivo e en xeral ao xogo interior do seu equipo, como é capaz de destrozar ao equipo contrario dende a liña de tres puntos. Canto ao particular duelo Navarro-Bullock, os dous xogadores estiveron ao nível que deles se esixe pero un punto por riba o barcelonista que fixo un partido sinxelamente espectacular con 29 puntos e 8 asistencias. O Madrid non atopou desta volta ningún antídoto para anular o seu xogo, máis cómodo que nunca. O Madrid apelou á heroica pero esa é unha vía que non sempre acaba funcionando. Joan Plaza está a pagar esta temporada a escasa amplitude do seu banco e o baixo rendemento de xogadores outrora importantes como Hervelle, Mumbrú, Massey, Hosley , ou o propio Bullock. Canto a outra semifinal, cumpriuse o prognóstico e o TAU venceulle ao Pamesa Valencia, inda que con certos apuros (82-66) pois os vitorianos non abriron fenda no marcador ata o último cuarto. Con todo, os de Ivanovic teñen recursos abondos para solucionar calquera problema. Onte, por exemplo, non destacou demasiado Igor Rakocevic na faceta anotadora, pero Splitter si estivo ao seu máximo nivel e, do mesmo xeito, apareceron Pete Mickeal e o grande e incombustíbel capitán Sergi Vidal, para marcar a xerarquía dun equipo sobre outro. Non puido Spahija vingarse do seu ex-equipo dando un sorpresón polo que o Baskonia pasa as semifinais onde se enfrontará ao Barça, no que constitúe unha final anticipada pois falamos, sen dúbida, dos dous mellores equipos do baloncesto español. 

"GRANDE BANHO DE BOLA" DO BRAGA

O Braga deu unha exhibición contra o Standard de Liège onte no seu estadio. A vitoria pr 3-0 deixa encarreirada a eliminatoria e demostra o potencial ofensivo do equipo que dirige Jorge de Jesus. Adiantáronse os bracarenses cun excelente gol do avanzado Rentería, colombiano de 23 anos cedido polo Porto. O segundo marcouno no 26´Leone de forte disparo dende o centro da área mentres que o terceiro foi unha demostración do brillante xogo que é capaz de realizar o equipo portugués. Luis Aguiar remataba un fermoso contraataque na que participaron varios xogadores ao primeiro toque. O treinador do Standard, o húngaro Laszlo Boloni, recoñeceu que o partido foi un "grande banho de bola" dos portugueses.
Outro partido interesante era o que disputaban no Villa Park de Birmingham dous equipos de enorme potencial: o Aston Villa contra o CSKA de Moscova. Os rusos rabuñaron un gorentoso empate (1-1) de cara ao partido de volta. Adiantou aos rusos no primeiro tempo o brasileiro Vágner Love, despois dunha gran gallopada dende o centro do campo. Empatou no segundo tempo, coa equipa envorcada na área rusa, o noruegués John Carew, que volve ao equipo despois dunha longa lesión.
En Alemaña, o Werder Bremen conseguiu empatar a cinco minutos do final por medio do brasileiro Diego, despois de remar contra maré polo gol no primeiro tempo do eterno Inzaghi.

18/02/2009

MAL PARTIDO, PÉSIMO RESULTADO

O Dépor volveu saír escaldado dun campo escandinavo, como xa é tradición, pero desta volta cun resultado especialmente duro (3-0), que non resultará en absoluto doado de remontar en Riazor. O Aalborg tampouco necesitou facer o partido da súa vida. No primeiro tempo, fóra dun susto no primeiro minuto, pouco máis ameazou a porta de Aranzubia, agás nunha xogada a balón parado que resolveu acertadamente o porteiro rioxano. O Dépor, en cambio, dominaba o balón e achegábase con relativa frecuencia á area contraria, inda que Valerón non atopaba socio dada a incapacidade de Mista para o desmarque e a tendencia de Pablo Álvarez a illarse do mundo e facer a guerra pola súa conta. Posíbelmente o Dépor fose mellor aos puntos na primeira metade inda que non contabilizase ningunha ocasión clara de gol. Na segunda, logo dun arreón inicial do Aalborg, o Dépor parecía que quería continuar a dominar o xogo, pero nunha contra, os dinamarqueses marcaron o primeiro, despois dun erro defensivo do habitualmente fiábel Piscu. O das Pontes non soubo medir un balón cruzado de banda a banda ao que lle perdeu a pista, e permitiu que o dinamarqués Due controlara facilmente a bola, recortara e marcara. Foi despois do gol do Aalborg cando chegaron os mellores minutos do Dépor, salientando unha chilena de Mista ao traveseiro. Pero todo o esforzo durou o que tardou en chegar o segundo gol de Due, despois dun novo erro defensivo ao marcar o fóra de xogo. Con dous en contra, ao Dépor custoulle atopar os restos para ir cara arriba e a guinda acabouna poñendo o ínclito Ivanov, quen xa participara activamente fai uns anos na debacle do Dépor en Marsella na Intertoto, que nunha xogada intrascendente a dous minutos do final quixo pitar un penalti que acabou por converterse no 3-0, unha dura lousa para un equipo que empezaba a soñar cunha actuación fermosa na UEFA este ano, e que para iso, agora terá que apelar enésima noite máxica en Riazor. Alí estaremos

EMPATE DUN VALENCIA CONFORMISTA

Os dezaseisavos da UEFA abrían o pano cun clásico: Dinamo de Kiev-Valencia (1-1) no Lobanovsky Dinamo Stadium da capital de Ucrania, que foi un partido igualado e pouco brillante no que os españois aproveitaron un gol aos nove minutos de partido grazas a unha combinación de calidade con pase de Del Horno ás costas dos defensas, internada de Mata e pase da morte que culminou Silva. Os ucraínos apenas demostraron potencial. No primeiro tempo optaron por presionar moi arriba ao Valencia e roubarlles o balón. Intentaban entrar na área polo centro procurando sobre todo o seu xogador máis perigoso, Milevskyy. E nalgunha ocasión estiveron a piques de sacar froito, por mor de erros defensivos dos centrais valencianistas, sobre todo dun desafortunado Marchena. O Valencia, alén do gol, non volveu achegarse con verdadeiro perigo á area contraria nos primeiros corenta e cinco minutos pero soubo administrar correctamente a vantaxe no marcador. No segundo tempo, o técnico ruso do Dinamo Yuri Semin, decidiu darlle entrada no campo ao romanés Cernat en lugar do seu compatriota Ghioane e o equipo mellorou notablemente na elaboración do xogo de ataque. O gol do empate chegou nunha xogada a balón parado mal defendida polos valencianistas que aproveitou Milevsky. Este xogador, porén, aos dous minutos de meter o gol, cometeu unha estupidez e foi expulsado por segundo cartón amarelo, o segundo por simular malamente unha falta do contrario. Con inferioridade, o Dinamo foi recuando e o Valencia deu un tímido paso cara adiante, dándolle entrada no campo a Villa e Joaquín. Nun par de pases ao primeiro toque de Villa aos seus compañeiros, especialmente un a Morientes, estiveron a piques de adiantarse os de Emery. O técnico basco quedou frío, máis do que xa estaba, cando comprobou que César, ao deter un disparo de Cernat que foi a ocasión máis perigosa dos ucraínos no segundo tempo, escordaba o xeonllo. O porteiro daba mostras claras de dor pero decidiu aguantar no campo os dez minutos que restaban co risco conseguinte. Con todo, non tivo que intervir máis.
O Valencia afronta a volta en Mestalla cun bo resultado, inda que o club non está no momento de maior confianza con graves problemas económicos e un baixón no rendemento deportivo -só dúas vitorias en 2009-. César marchou do campo con caras de preocupación e a súa posíbel baixa para as próximas semanas sería un contratempo para o Valencia, dado o pouco entusiasmo que parecen ter afección, compañeiros e técnico polo novo canteirán Guaita. Esperemos que os seus medos se confirmen o domingo en Riazor.

GLUBS! FALEI EU DOS SUNS?

Despois de falar onte sobre a actualidade máis recente dos Suns, marcada pola destitución de Terry Porter, bato esta mañá coa sorpresa de ver os resultados da última madrugada na NBA. O general manager, Steve Kerr, dicía que o principal motivo do cesamento tiña que ver coa necesidade de recuperar o estilo brillante e vistoso dos Suns de D´Antoni, marcados polo run & gun e as altas anotacións. Para iso poñian o equipo baixo a batuta de Alvin Gentry, man dereita moitos anos do actual técnico dos Knicks. Pois ben, onte os de Phoenix gañáronlle por 100-140 aos Clippers. Tremendo subidón! Ao descanso xa levaban 81 puntos. D´Antoni is back. Ou non. Unha das características típicas de DÁntoni era o chamado Con oito chega; isto é, rotacións de apenas oito xogadores, como os actuais Knicks. Pois ben, onte Gentry utilizou 11 xogadores, dez deles participaron máis de vinte minutos, e o que máis minutos dispuxo, o brasileiro Barbosa, que substituía ao sancionado Jefferson no quinteto titular, apenas estivo 27 minutos en cancha, sendo por certo o máximo anotador do equipo. Se os Suns procuraban revulsivos, polo momento parece que o conseguiron. En todo caso, permanecerei un pouco escéptico a ver que acontece nos próximos días.
Do resto da xornada destacar o triple doble de Gasol e a decepcionante derrota dos meus Sixers en Indiana.

A DESTITUCIÓN DE KRESIC

Definitivamente hai cousas que non entendo. O Numancia destituíu a Sergio Kresic, despois de que o equipo soriano se metera en postos de descenso ao sumar cinco derrotas consecutivas, inda que catro delas fosen no coñecido tourmalet polo que teñen que pasar todos os equipos esta temporada. É certo que é lexítimo que todos os clubes, aínda que sexan tan modestos como o Numancia,aspiren cando menos conservar a categoría. Pero fala moi mal dunha directiva demostrar tan pouca sensibilidade cara o traballo dun empregado como neste caso Kresic, que demostrou sobradamente ao longo da temporada a súa capacidade para administrar do mellor e máis digno xeito posíbel un plantel máis que modesto, mesmo comparado con algúns equipos da Segunda División. O tempo dará e quitará razóns, pero este tipo de decisións, polo xeral, poucas veces foron acertadas.

17/02/2009

DEMASIADAS NUBES SOBRE OS SUNS

Terry Porter vén de ser cesado como adestrador dos Phoenix Suns, o día despois de que a cidade de Arizona fora escenario da fin de semana das estrelas con Shaquille O´Neal de protagonista. Fai quince días falabamos de que na Conferencia Oeste había nove equipos disputando oito prazas de play off e advertiamos de que a nosa aposta sería precisamente que os Suns quedarían fóra. Daquela os de Phoenix aínda ocupaban o oitavo posto, pero a estas alturas xa foron superados por uns Utah Jazz cada vez máis fiables. Segundo o general manager dos Suns, Steve Kerr, o obxectivo da destitución é recuperar o estilo de xogo rápido e alegre dos anos de Mike D´Antoni. Para iso apóstase de xeito interino polo adestrador asistente Alvin Gentry, quen estivo ao carón do actual adestrador dos Knicks na súa xeira cos Suns, e que conta ademais coa simpatía dos xogadores. Só o tempo dirá se a decisión é a axeitada, como ben dixo Amare Stoudemire. Está claro que os Suns teñen un plantel excepcional, se ben cunha media de idade especialmente elevada, e outros problemas como os constantes rumores sobre unha saída inminente do propio Stoudemire para rebaixar carga salarial, ou os problemas extradeportivos da última incorporación, Jason Richardson, quen foi onte pillado por conducir a 145 kms. por hora nun treito limitado a 56, e co seu fillo de tres anos na parte de atrás sen o asento regulamentario. Honestamente, sigo apostando porque serán os Suns os que queden fóra dos playoff.

16/02/2009

O PARTIDO DAS ESTRELAS

O partido das Estrelas apenas deixou marxe para o espectáculo. Parecía que todos estaban con ánimo de tomalo demasiado en serio. Ata que apareceu Shaquille e comezou a festa. Un momento mítico a xogada con Chris Paul na que decidiron intercambiar os seus roles. Miguel Piñeiro ofrece no seu blog unha extraordinaria semblanza do personaxe. Os do Oeste metéronlles unha boa pana  (146-119) aos do Leste e o MVP compartido para Shaq e Kobe, ademais da súa enorme carga de morbo, fai xustiza con dous xogadores xeniais, cada un a súa maneira, que acumulan ademais un palmarés espectacular. A Kobe quédalle unha espiña no seu particular duelo con Shaq: gañar un anel sen el. Talvez sexa esta temporada, a carón de Gasol, cando se desquite. 

O LEIXOES REIVINDÍCASE EN BRAGA

Esta fin de semana o partido máis destacado da xornada en Portugal era o que enfrontaba aos dous equipos revelación do campionato no estádio AXA de Braga: o Sporting de Braga contra o Leixões de Matosinhos. Dous equipos de filosofías contrapostas: vistoso e ofensivo o Sporting dirixido por Jorge Jesus; conservador e pragmático o Leixões de Jose Mota. O partido respondeu ao roteiro previsto. O Braga levou a iniciativa en todo momento pero acabou perdendo, pódese dicir, na única oportunidade da que dispuxo o equipo contrario e grazas ao espectacular remate na súa propia porta do sportinguista Frechaut. Con este resultado o Leixões afiánzase no terceiro posto na táboa empatado a puntos (34)  co Sporting de Lisboa, que gañou a domicilio no campo dos Belenenses (1-2) con goles de Helder Postiga e Vukcevic. Os dous de arriba gañaron con algúns apuros. O Porto (38 puntos) impúxose  por 3-1 no seu campo ao pechacancelas, o Rio Ave de Vila do Conde, con dous goles nos últimos cinco minutos do arxentino Farías. O Benfica (37) tamén xogaba no seu estadio da Luz e gañoulle por 3-2 ao modesto Paços de Ferreira. Despois da derrota do Sporting de Braga, ao quinto posto da taboa accede o Nacional de Madeira (32), que gañou facilmente (3-0) ao Vitória de Guimaraes con dous goles de Nené, que é o pichichi da Liga. Chama a atención a excelente campaña dos dous equipos de Funchal na máxima categoría, pois se o Nacional é quinto, o Marítimo (29) ocupa a sétima posición na táboa. A vindeira fin de semana especial atención ao clásico lisboeta: Sporting- Benfica en Alvalade.

O BARÇA PINCHA, O MADRID NON

O Madrid sumou a súa oitava vitoria consecutiva en Liga nunha xornada na que por fin o Barcelona cedeu puntos despois do seu sufrido empate contra o Betis no Ruíz de Lopera (2-2). O Madrid, malia estar sen Robben, fixo un dos mellores partidos da temporada e gañou con facilidade (4-0) a un fraco Sporting de Xixón. Destacábel o partido de Lassana Diarra, que vai ser un home moi importante no futuro do Real Madrid. É un portento físico e é moi intelixente tacticamente. Ademais, é un home especialmente polivalente que xa probou a xogar, sempre con acerto, nas posicións máis variadas: mediocentro, lateral, interior, etc... nos seus anteriores equipos: Arsenal, Chelsea, Portsmouth. Un xogador deses polos que devece calquera adestrador inda que para o resto dos afeccionados poidan pasar máis desapercibidos. O caso é que é unha peciña máis para sumar nun Real Madrid máis serio cada día e que a base de vitorias fixo esquecer case por completo a crise institucional de fai un mes. A xornada, polo demais, demostrou como o Sevilla é posíbelmente o terceiro mellor equipo da Liga, inda que lle coste moito gañar os partidos, como onte en Montjuic, e que o Valencia e o Vila Real están experimentando un baixón considerábel, sobre todo os castellonencos, cunha crise de xogo e resultado grave nos últimos partidos.  Canto ao Atlético, fiel ao seu espírito, despois da euforia da semana pasada volveu ao gatillazo: empate na casa ante o Xetafe. Pouco a pouco os colchoneiros decataranse de que para solucionar certas cousas a solucion non pasa necesariamente por desfacerse dun técnico como Aguirre.

15/02/2009

NATE 'KRYPTONITA' ROBINSON

A xornada dos concursos do All Star foi bastante pobre e só a salvou a última hora a teatrada argallada por Nate Robinson, gañador final do concurso de mates. Estivo ben porque Dwight Howard estaba máis que convencido de que non tería rival no concurso. Argallouno todo para darse un novo baño de masas co seu numeriño de Superman, pero o 4 dos Knicks tiña o antídoto: a kryptonita.  O chiste foi máis que gracioso e valeulle a simpatía do público que votou dende a casa. Foi, en fin, o único detallle destacable dunha xornada na que Rudy Fernández converteuse no primeiro europeu en participar nun concurso de mates, cunha actuación digna na que, porén, emperrouse en probar un mate no que parecía que Gasol estaba por facerlle a putada. Ademais, foi decepcionante que non probara co mate Djalminha despois de tanto como se falou del. Do concurso de triples e do de habilidades, que gañaron Daequan Cook e Derrick Rose, respectivamente, mellor non falar. Gañaron os menos malos e posibelmente calquera medianía da LEB podería facelo mellor.    Esta noite é o partido das estrelas e aventúrome a prognosticar quen será o MVP: Dwayne Wade. Algunha aposta?

O DÉPOR PERDE OUTROS DOUS PUNTOS

O Dépor deixou escapar, igual que a pasada semana, dous puntos ante un equipo da parte baixa da táboa (0-0). Fixoo despois dun partido no que foi claramente superior ao Osasuna, que nunca ameazou a porta de Aranzubia, e no que contou con ocasións claras sobre todo do debutante na titularidade Lassad, que enviou un testarazo ao pao e demostrou que é un atacante moi interesante de cara ao futuro do equipo, pola súa capacidade para controlar o balón de costas, asociarse coa segunda liña e unha máis que correcta capacidade de remate coas dúas pernas e coa cabeza. A asociación Valerón-Verdú tamén demostrou a súa categoría para manexar con criterio o xogo atacante do equipo. Malia que o árbitro, cunha actuación nefasta, negoulle dous penaltis ao Dépor, ao equipo faltoulle onte o empaque abondo para gañar un partido no que foi claramente mellor co rival, o cal pode ser un hándicap de aquí ao final de temporada nas aspiracións europeas que con xustiza, ten na actualidade o equipo. Agora, toca pensar na viaxe a Dinamarca para rememorar o primeiro partido europeu na historia do club.  

EMPATE DUN CELTA INCONSISTENTE

O Celta deixou escapar de Tarragona dous puntos nun partido (1-1) no que demostrou algo de xogo por momentos pero no que volveu caer nos erros de toda a temporada. A primeira parte dos vigueses foi mala, anodina, con escasa capacidade para chegar á area contraria. O Nástic, pola súa banda, non necesitaba elaborar demasiado o xogo. Abondáablle co fútbol directo xa que un veterano decadente como Jose Mari gañoulles practicamente todos os balóns aereos aos centrais do Celta. Nun centro cruzado dende a dereita por outro veterano, Campano, Edu Moya cometeu un penalti inocente sobre o sevillano José Mari. O propio Campano lanzou o penalti pero apareceu o mellor xogador do Celta esta temporada, Notario, para paralo brillantemente. No segundo tempo, o Celta xogou moito mellor, coas liñas moito máis adiantadas e presionando arriba. De roubos no campo contrario naceron dúas claras ocasións de gol que non aproveitaron David Rodríguez e Dani Abalo, por erros no último control. Mentres, atrás, Rubén estaba a piques de estragar o bo traballo dos seus compañeiros coa enésima pifia defensiva da temporada que significou a ocasión máis clara do Nástic no partido: un balón ao pao do talentoso Jordi Alba. Mais finalmente o Celta atopou o gol de David Rodríguez, un premio merecido para o que se estaba a ver no campo, inda que tratándose do equipo vigués, insuficiente para ficar tranquilo. O Nástic botouse arriba descaradamente polo empate e o Celta pechouse atrás de contado, aturando unha retesía de corners ata que nun destes Tortolero gáñalles  outra vez no salto aos defensas e marca. O celta botou deste xeito pola borda, unha vez máis, todo o traballo anterior por culpa da súa inconsistencia defensiva. 

14/02/2009

E O ROSALÍA IMPONSE NO DERBI GALEGO

E onte, ademais do partido de Phoenix, disputábase o mellor partido de baloncesto que se pode ver hoxe entre equipos galegos. No Multiusos do Sar, o poderoso Breogán de Lugo, segundo na clasificación, enfrontábase ao segundo por abaixo, o Beirasar Rosalía, que deu a gran sorpresa ao impoñerse por 58-53 aos lugueses nun partido no que destacaron Miguel Montañana con 13 puntos e 7 rebotes, e o esloveno Sandi Cebular con 12 puntos e 9 rebotes. O Rosalía, que fai unhas semanas parecía condenado ao descenso despois de sumar unha soa vitoria en dezaseis partidos, ve agora moito máis factíbel a salvación despois de sumar tres vitorias nos últimos catro partidos, co que xa relagaron ao pechacancelas ao Gandía e bótanlle o bafo ao Illescas, que ten só unha vitoria máis e é o equipo que marca o posto de salvación. Entrementres, noutro lugar de Santiago, a directiva do Obradoiro segue traballando para ver se é posíbel que a praza que lle corresponde ao equipo santiagués na vindeira edición da ACB, non ten que marchar de Santiago, o cal parece a estas alturas bastante complicado.

DURANT PROTAGONISTA

O aleiro de segundo ano dos Thunder de Oklahoma City foi o gran protagonista do partido dos rookies contra os sophomores co que deu comezo a fin de semana das estrelas da NBA en Phoenix. Durant anotou 46 puntos, ademáis de 7 rebotes e 4 asistencias, colaborando activamente na remontada dos sophomores ante uns rookies que saíron bravos no primeiro tempo do partido. Con esta grande actuación individual, Durant dá un golpe na mesa, pois ata agora a súa gran campaña nos Thunder non tivo a repercusión mediática que realmente merece, por mor da fraqueza do seu equipo, pero Kevin Durant está chamado a converterse nun dos xogadores máis relevantes da Liga profesional americana nun futuro próximo, posíbelmente nos propios Thunder que terán que medrar a partir dos seus xogadores máis novos: Durant, Jeff Green e Russell Westbrook, que tamén foron protagonistas do partido de hoxe. Por certo, chama a atención unha noticia que se deu a coñecer esta madrugada: Shawn Marion, xunto co base Marcus Banks, vai para Toronto a cambio de Jermaine O´Neal e Jamario Moon, que acompañarán a Dwayne Wade en Miami. Un movemento abofé arriscado que veremos a quen beneficia se é que beneficia a algunha das dúas partes.

13/02/2009

JÔ ALVES E O EVERTON

Jô Alves é un dos dianteiros brasileiros máis prometedores. Formado nas categorías inferiores do Corinthians, fichou con 18 anos polo CSKA de Moscova. Alí acompañou na punta do ataque ao seu compatriota Wagner Love, co que formou unha dupla moi produtiva. Alto e forte, sabe xogar moi ben de costas, parar e aguantar o balón, mais do mesmo xeito é moi dotado tecnicamente e de cara ao gol, salientando pola súa potencia en carreira. No CSKA marcou 30 goles en 53 partidos. Ao comezo desta tempada, despois de ser tentado por algúns clubes importantes do fútbol europeu, como Sevilla ou Valencia, acabou recalando nas ringleiras do Manchester City, converténdose nunha das fichaxes máis interesantes do verán na Premier. Porén, a súa achega ao equipo celeste foi mínima. Apenas contou para Mark Hughes que preferíu a Benjani Mwaruwari. Por iso, no mercado invernal acordouse a súa cesión ata o final da temporada ao Everton, que andaba falto de dianteiros despois da grave lesión de Yakubu. No seu debú na pasada fin de semana marcou dous goles ante o Bolton, o doble de goles que en seis meses en Manchester. O primeiro foi unha marabilla. Desfíxose de dous defensores cun sutil control de costas para chantarse so diante do porteiro. David Moyes relámbese porque vai contar ata o remate de temporada cun dianteiro máis que feito para integrarse no seu sistema de xogo. Estou convencido de que Jô Alves vai despuntar no Everton, e demostrar a súa calidade de grandísimo dianteiro. Do mesmo xeito, o Everton, que é un dos equipos máis sólidos da Premier, ten na falta de gol un dos seus principais defectos para dar o salto que lle permita competir abertamente cos equipos que tradicionalmente entran en Champions. Con Jô Alves van dispoñer dun xogador que vai marcar goles e, sobre todo, vaillos facilitar aos xogadores que cheguen de segunda liña, unha das características do xogo do equipo. Jô Alves e o Everton de David Moyes estaban condenados a atoparse. Vexamos se se cumpren as miñas expectativas. Daquela a final de temporada haberá dúas opcións: que o Everton intente facerse en propiedade co xogador, ou que o Manchester City se decate de que tiñan un xogador de moitos quilates apodrecendo no banco. Son as diferencias entre equipos con moito potencial económico e pouca cabeza para administralo e outros, coma o Everton, que saben medrar aos poucos administrando moi ben o potencial do seu plantel.

O DOMINIO DO TAU

Se falamos de baloncesto europeu é xusto dicir que esta temporada, con diferencia, o equipo máis forte é o Tau Baskonia. Líder destacado na Liga regular española con só unha derrota en 21 partidos e líder do seu grupo  no Top 16 da Euroliga, gaña os seus partidos cunha facilidade e superioridade abraiantes. Tendo en conta o baixón experimentado esta campaña con respecto á anterior polos grandes do básket europeu como CSKA, Macabbi ou Panathinaikos, poderiamos aventurar que o Tau eríxese no gran favorito para o máximo trofeo europeu. Do mesmo xeito, na Liga, só o Barcelona parece ameazar o obxectivo dos baskonianos. Mirar o plantel do equipo vitoriano é decatarse do enorme potencial de cada xogador, comezando por Igor Rakocevic, ao que esta temporada se lle ve con máis ambición que nunca, máximo anotador da Liga, aparecendo sempre nos momentos decisivos; Splitter parece xa practicamente recuperado dos seus problemas físicos de principio de temporada, aparece nos primeiros postos de case todas as estatísticas indiviuais da Liga, pero salienta especialmente que apareza como segundo mellor recuperador de balóns. O mellor recuperador, porén, Pablo Prigioni, o base arxentino que le con total intelixencia o xogo do equipo e sabe exactamente que lle pide cada compañeiro. A súa achega anotadora decrece cos anos pero aparece só nos momentos difíciles, como lle acontece os xogadores grandes. E logo está Pete Mickeal, ao que xa coñeciamos abondo os breoganistas pero que sen facer moito ruído demostrou que é un xogador fundamental para o TAU. MVP das pasadas finais, esta temporada a súa aportación está a ser tamén espectacular. Pete aparece sempre que o resto dos compañeiros esmorecen nalgunha faceta do xogo. Que non rebotea quen ten que rebotear, rebotea Mickeal, que non anota quen anota sempre, anota Pete Mickeal, etcétera. A maiores, falar doutros xogadores como Sergi Vidal, Mirza Teletovic, Will McDonald, San Emeterio, etcétera, é comprobar como hai banco abondo para competir con garantías, se ben nese sentido, penso que o TAU non ten tanta profundidade como algúns dos seus competidores. Por exemplo, o Barça.

12/02/2009

ÁS VOLTAS CON TRASHORRAS

Hai xogadores que se distinguen dos demais pola súa calidade técnica e a súa capacidade de desequilibrar un partido nunha acción individual, sexa desborde, pases ao espazo, disparo dende fóra da área, etcétera. Estes xogadores, polo xeral, gústanlle máis aos afeccionados cos demais, pero moitas veces son obxecto constante de polémica, pois non sempre son do gusto dos adestradores, as máis das veces porque aparellada á súa calidade, vai unha certa desidia defensiva e no compromiso co xogo colectivo. Trashorras, o de Rábade, é abofé un xogador desta fasquía. Ten unha calidade innegábel e en moitos partidos as súas accións serven para desequilibrar e en consecuencia supoñen goles para o seu equipo. Pero tamén é certo que entre os xogadores técnicos desequilibrantes hai que saber distinguir. Hainos como Messi, ou o Valerón dos seus mellores tempos, por exemplo, que cada vez que intentan algo atinan, e por iso teñen a consideracións de cracks. Hai outros, en cambio, tipo Guti aos que lles saen as cousas o 70% das veces e que se consideran a si mesmos máis importantes que o resto do equipo. Hai outros, tipo Trashorras, de calidade incuestionábel, aos que lles saen as cousas o 40-50% das veces, e que porén, tampouco se distinguen pola súa integración na engrenaxe colectiva do seu equipo. Este tipo de xogadores suscitan a simpatía da bancada e dos xornalistas, pero poucas veces as dos técnicos. Eu, particularmente, penso que Trashorras pode xogar no Celta e que sería bon procurar un sistema acaído para que un xogador coma el acade a confianza necesaria para brillar ao seu máximo nivel. Preo tamén comprendo perfectamente a reticencia do técnico a prescindir ás veces del polo beneficio do equipo. Pode haber decisións de todos os gustos, pero a fin de contas, ensarillarse no debate Trashorras si ou Trashorras non, perxudica sempre finalmente ao celtismo, que pensa que todos os problemas se reducen a este, cando os problemas do equipo son moito máis graves e estruturais de que xogue un xogador ou outro que, por certo, vén batendo coa mesma pedra en todos os equipos de Segunda División polos que pasou.

GAÑARON ARXENTINA E PORTUGAL

Arxentina impúxose onte no Velodrome de Marsella a Francia (0-2) no segundo partido de Maradona como seleccionador da albiceleste. A derrota de Francia cuestiona un pouco máis a continuidade do seu seleccionador Raymond Domenech, quen non acaba de sacar ao seu equipo dunha sensación de esgotamento e carencia de ideas crónica. Onte a súa principal aposta foi a entrada no xogo do talentoso mediapunta do Bordeaux, Gourcuff, mais a súa presenza foi pouco estímulo nunha selección na que segue dominando a vella garda: Gallas, Abidal, Henry, Anelka... Pola súa parte, Arxentina presentaba un equipo peculiar, con Kun e Messi, como principal argumento, na punta de ataque, dous homes cumpridores como Maxi e Jonás Gutiérrez polas bandas, e Mascherano recuperando balóns a esgalla a carón de Gago. A defensa, con Heinze e Demichelis, cumpríu abondo o seu cometido e só sufríu ante algunha trasnada de Ribery. A Arxentina tampouco lle resultou doado crear ocasións, sobre todo porque o balón apenas lles chegaba ao Kun e Messi. Pero unha vez que os arxentinos chegaban á area contraria, a sensación de perigo aumentaba exponencialmente. Nun destes achegamentos, aparentemente inofensivo, chegou o primeiro gol, marcado por Jonás, o do Newcastle, quen parece ata o de agora un dos favoritos de Maradona. No segundo tempo Francia demostrou incapacidade para reaxir e Arxentina aproveitou un contragolpe por medio de Messi para sentenciar o partido.
Pola súa banda, Portugal xogaba contra Finlandia, no Estádio do Algarve. Portugal, como Francia, non vive o seu mellor momento, despois de recibir seis goles de Brasil no último amigábel. No banco portugués senta Carlos Queiroz, quen procurou un par de sorpresas tácticas, como ubicar a Pepe no mediocentro e ao xogador do Málaga Duda como lateral esquerdo. A posición do xogador do Málaga foi a mellor noticia para os cronistas portugueses, Duda fixo un gran partido, pois mantivo correctamente a posición defensiva e sobre todo, deu un recital de pases en curto e en longo dende a súa posición. Porén, o gran problema de Portugal, que xa vén de vello, é a falta de pólvora arriba. Onte probou Queiroz con Hugo Almeida no primeiro tempo e Orlando Sá no segundo, mais o único gol do partido (1-0), acadouno Cristiano Ronaldo ao transformar un penalti dubidoso cometido sobre Almeida. Pobre bagaxe dos portugueses que se enfrontaban a unha selección moi feble e veterana. O titular da crónica do partido no noso benquerido xornal O Jogo: A vaca gosta de Duda, mas só dá leite magro

11/02/2009

ESPAÑA SUPEROU A INGLATERRA

Interesante partido o amigable que enfrontaba onte no Sánchez Pizjuán de Sevilla á selección española, actual campiona de Europa, e a Inglaterra que adestra Fabio Capello. Ao italiano ben se lle ve que está a traballar arreo no seu cargo, non só porque cada vez que emiten un partido de fútbol inglés na televisión ,tanto ten cal, sempre está el, senón tamén porque os ingleses chantáronse no campo sevillano cunha disposición táctica moi traballada, coa defensa moi adiantada, practicamente na medular, e cos dianteiros presionando practicamente na área de Casillas. A este sistema estiveron a piques de tirarlle proveito nalgunha ocasión, como aos seis minutos, cando Agbonlahor cruzou de máis ante a saída de Casillas. Pero España foise afacendo á cilada de Capello e pouco a pouco, unha vez se foron afastando os seus centrocampistas do bafo dos defensores ingleses, comezaron a facer o seu xogo combinativo, case hipnótico, que cando semella que xa ten o equipo contrario adormecido, vira nun pase xenial ao interior da área onde España ten a día de hoxe dous dianteiros espectaculares capaces de fabricar un gol na situación máis adversa. É o que fixo Villa, que recibíu un balón de Xabi Alonso entre dous defensas e cun movemento institntivo desfíxose deles, Terry e Jagielka, e resolveu con grande acougo á saída de James. Co gol a favor, o equipo de Vicente del Bosque reafirmouse no seu xogo, mentres que a Inglaterra custoulle procurar alternativas, sobre todo porque era incapaz de roubarlle o balón aos españois. Con Xabi Alonso, Xavi e Iniesta España pode tocar e tocar o balón ata o infindo. Certo é que a súa presenza no campo priva a España de xogadores e fútbol de banda, pero non parece necesario pois son xogadores capaces de meter unha ducia de balóns ao oco, ás costas de calquera defensa, por moi poboada e boa que sexa. Iso foi o que aconteceu onte, e con dianteiros como Villa e Torres é garantía de vitoria. A Inglaterra faltoulle capacidade de resposta. Á falta da calidade de Gerrard, os ingleses procuraron o empuxe dun centro do campo forte, con Barry, Carrick polo centro no primeiro tempo, con Lampard e Beckham que entrou pola dereita na segunda  e unha dianteira de homes recios, rápidos e complementarios como Heskey e Agbonlahor, actual dianteira do Aston Villa, na Primeira, e Crouch e Carlton Cole cara o remate da Segunda. Non tiveron moito que facer sobre todo polo que xa falamos, porque foron incapaces de roubarlle balóns a unha selección que xoga como unha araña que tece unha arañeira, traballo laborioso e complexo que sempre acaba ofrecendo unha presa á que cravarlle o aguillón. Llorente sentenciou cerca do final cun gol de cabeza, o seu primeiro gol coa selección española e o segundo do partido.

ADAM E ODOM

Andy Bynum rompeu e os Lakers perden unha peza fundamental. Porén non parecen ter acusado demasiado a súa baixa ata agora. É a quenda de Adam e Odom. Lamar xa ten destacado nun partido importante: contra os Cavaliers, e demostrado a pasada campaña que pode ser un bo complemento para Kobe e Gasol. Unha incógnita é Adam, recén chegado no intercambio cos Bobcats que quedan con Radmanovic. Adam Morrison é un tipo moi prometedor. Ten moita calidade, tiro exterior e loita no poste baixo. Ademais, trátase dunha rara avis no mundo do deporte profesional americano. Nado en Montana, superou unha grave enfermidade na adolescencia e foi universitario contestatario con posters do Che, Larry Bird e Rage Against the Machine no seu cuarto, cun look que parece saído dunha peli de Michael Cimino. Con todo, terá que comezar a confirmar axiña ás expectativas depositadas nel, despois duns inicios na NBA algo decepcionantes cos Bobcats.

HIDDINK

Tócalle a Guus Hiddink tentar salvar ao Chelsea do que algúns consideramos un declive inevitable. É Hiddink un grande adestrador, carismático e capaz de xestionar á perfección grupos complexos como o equipo londinense. Porén, independentemente dos resultados deportivos que acade o holandés de aquí ao final da temporada, o verdadeiro traballo terá que comezar ao remate desta, sendo quen de coller a tixola polo mango, e impoñerse aos egos de xogadores e presidente para compoñer un plantel acorde co seu rico ideario futbolístico. Con todo, Guus Hiddink demostrou ata agora máis man para xestionar seleccións nacionais que clubes que adestran a diario e compiten cada catro días. Se é quen de superar a proba, terá demostrado, abofé, que é un grande.

A RENOVACIÓN DE LOTINA

Lotina renovará co Dépor. É unha nova feliz. O de Meñaka está chamado a marcar unha era no Deportivo equiparábel ás de Arsenio ou Irureta. Fai xa un par de temporadas que o Dépor tocou fondo no económico, institucional e deportivo e aínda que a situación segue sendo complicada, a renovación de Lotina axuda a enxergar a luz ao final do túnel. A Lendoiro se lle poderán imputar moitas cousas, algunhas boas e outras malas, pero hai unha que non se lle pode negar: é, con diferencia, o presidente que máis sabe de fútbol, en todos os sentidos, do fútbol español. E dentro desa sabedoría, hai que salientar a súa intelixencia á hora de saber delegar a xestión deportiva e do vestiario a técnicos serios, traballadores e honestos, mesmo en situacións complicadas como a que vivíu Lotina ao final da primeira volta da pasada temporada, co equipo en postos de descenso. Do mesmo xeito, coido que despois de moitos anos de ver bo fútbol en Riazor, a afección do Deportivo é tamén a día de hoxe, unha das máis sabias do fútbol español, capaz de apreciar o traballo ben feito alén das coxunturas ou dos resultados. O deportivismo é unha masa social numerosa e futboleira, entregada e pouco fanática, esixente mais tamén paciente, por moito que amole a algúns medios de comunicación salvapatrias que fixeron do acoso e derrubamento do presidente Lendoiro a súa razón de ser, aínda que para iso tampouco lles importe levar o Dépor por diante.

09/02/2009

A CLASE DE RAY ALLEN

Posíbelmente nunca baterá a Reggie Miller como o mellor triplista da historia, mesmo hai quen di que tampouco é o tirador máis elegante, que para iso estivo Allan Houston. Pero para min, ver xogar os Celtics é ter a esperanza de que nalgunha ocasión o balón lle chegará ao tipo coa camisola co número 20, e que cunha clase que apenas se ve nas canchas de baloncesto, cravará unha triple perfecta, cando non penetrará levemente deixando unha sutil bandexa. Os xogadores como Ray Allen son únicos, talvez non sexan os mellores, pero teñen tanta clase, ese valor que tampouco é sinxelo de definir, que fai que o tempo pare un intre cando entran en xogo. Allen é un veterano e non lle quedarán demasiados anos en activo, pero é unha sorte que poderemos gozar dos anos que lle resten nun equipo campión.

OS DOUS RECORTES DE RYAN GIGGS

O Manchester United sufríu para impoñerse onte (0-1) en Upton Park a un West Ham moi recio e que non concedeu apenas espazos en defensa. Coas liñas moi xuntas e cun sistema de axudas moi traballado para pechar o acceso polas bandas o equipo do "irmandiño" Gianfranco Zola, anulou bastante ben o potencial ofensivo do United, nomeadamente a Cristiano Ronaldo, de presenza testimonial no partido. Os de Londres, porén, non tiveron demasiada presenza na área contraria, confiando toda a súa sorte ao momento e calidade de Carlton Cole, ou a algún rexeite na poboada frontal da área. En fin, foi un partido que parecía condenado ao empate sen goles ata que apareceu un clásico, o galés Ryan Giggs, que inventou un gol xenial. Recolleu o balón na súa banda, recortou cara adentro un primeiro defensa, na aresta da área recortou un segundo, e xa na área, mandou coa súa perna dereita un furolo raso e recto cara o pao contrario que se fixo sitio entre as pernas dunha mesta rede de atacantes e defensores e que non puio atallar o porteiro londinense. Un golazo que afianza ao United no liderato. E Van der Sar, entrementres, vai aumentando o seu record. A anécdota, a saída ao campo doutro clásico de carreira un chisco máis irregular que Ryan Giggs: Diego Tristán.

O PORTO MANTÉN O LIDERADO

Benfica e Porto disputábanse onte o liderado da Liga portuguesa no Estadio do Dragão. Os de Quique Sánchez Flores adiantáronse con gol do centrocampista francés de orixe alxeriana Yebda á media hora de partido, nunha cabezada após unha xogada a balón parado. O propio Yebda, a falta de vinte minutos do final cometeu un penalti moi discutido sobre o arxentino Lisandro López. O seu compatriota Lucho González, un mito xa para a torcida portuense, transformou o penal deixando as táboas no marcador, que lle permiten aos de Jesualdo Ferreira conservar o liderado cun punto de vantaxe sobre os benfiquistas. Segundo o xornal O Jogo, o home máis destacado do partido foi o propio Yebda: Pode estar mais loiro mais não é burro nenhum. Quen non aproveitou o empate no Dragão foi o Sporting de Lisboa, que perdeu en Alvalade (2-3) contra un brillante Sporting de Braga. O Sporting de Lisboa foi apeado do terceiro posto da táboa polo Leixões de Matosinhos, que venceu con comodidade no seu campo (2-0) ao Trofense. No quinto e no sexto posto sitúanse, igualados a puntos, o Sporting Braga e o Marítimo de Funchal, que venceu por 0-4 ao Naval en Figueira da Foz.

08/02/2009

UN EMPATE QUE SABE A POUCO

O Dépor empatou (1-1) un partido no que lle faltou a ambición suficiente para levar os tres puntos ante un equipo inferior. O Dépor comezou ben o partido, ben disposto no campo, recuperando moitos balóns, especialmente Antonio Tomás, e acadando unha transición rápida cara a porta contraria. A mágoa foi que o último elo da cadea, Riki, estivera hoxe especialmente desacertado e egoísta. Valerón estivo menos fino que en partidos anteriores, pero inda así con tres toques de balón xerou tres ocasións para o equipo. O Mallorca, entrementres, apenas chegou nun par de ocasións illadas que resolveu un seguro Aranzubia. No segundo tempo, en cambio, mudou o panorama. O Mallorca meteulle unha velocidade máis e o Dépor descompúxose, deixando que o equipo contrario chegara con moita máis facilidade. O traballo de recuperación de De Guzmán e Antonio Tomás desapareceu e xa non houbo xeito durante case 20 minutos de cruzar a medular. Así chegou finalmente o gol de Aduriz, a partir dun centro dende a esquerda de Corrales e ante a pasividade da defensa deportivista. A situación non mellorou tras o gol, pero si tras os cambios. Juan Rodríguez entrou por De Guzmán e Lassad por un fundido Valerón. O equipo apostou daquela por un fútbol máis directo, con dous puntas, e precisamente nun balon a Lassad chegou o penalti a favor. Verdú anotou, o partido igualábase e aos dous minutos púñase de cara coa expulsión de Corrales. Con todo, nos dez últimos minutos de partido, con superioridade numérica, ao equipo faltoulle o empuxe necesario para acadar a vitoria e os tres puntos.