30/01/2009

FRAN VÁZQUEZ E A NBA

Nunca cheguei a entender as razóns polas que Fran Vázquez non foi á NBA cando tivo oportunidade. Mesmo recoñezo que me pareceu mal, inda que non son eu quen para dicirlle a Fran Vázquez o que ten ou non que facer. Daquela, despois de deixar plantados os magic, o seu rendemento decaeu notabelmente. Parece que esta temporada, por fin, está a recuperar o seu mellor nivel. Fran é un xogador que non teño dúbida de que pode ter un sitio na NBA. Non sería raro pensar que volva ter oportunidade. Será capaz de rexeitar dúas veces?

29/01/2009

CAPARRÓS E O ATHLETIC

Facía moitos anos que o Athletic non se metía en semifinais de Copa. Agora agárdao o Mallorca. Non sabemos ata onde chegarán os biscaíños, pero podemos admirarnos unha vez máis da capacidade de Caparrós de sacarlle o máximo rendimento a planteis máis ben modestos. A lembranza de Caparrós na Coruña é agridoce. Non gustou o xeito de marchar, e certa actitude con algúns xogadores, pero ninguén pode negarlle os méritos deportivos. Apenas sufrimos mentres iniciabamos un proceso que como el mesmo apuntou algunha vez, a maioría dos equipos teñen que facer na Segunda División. Agora co Athletic conseguiu crear un equipo recio e competitivo, que non pasa tantos apuros en Liga como nos últimos anos e que loita ata o final, como esixe a tradición centenaria dun equipo como o Athletic. Do mesmo xeito, Llorente despunta definitivamente. Caparrós pode gustar ou non, pero é dende logo unha garantía.

MARADONA APOIA A HUGO CHÁVEZ

Son maradonista. E non só porque fose o mellor futbolista que vin, tamén me fascina o personaxe público. En 'Soy el Diego' son moitas as contas que salda con determinados personaxes, dende Passarella, aquel que non quería xogadores con guedellas na selección, ata o papá Xoan Paulo II. Onte Maradona apoiou nun mitin a Hugo Chávez, que está en plena campaña para a aprobación da emenda que lle permita presentarse á reelección. Canto máis vello, máis maradonista me fago.

O XACOBEO NO GIRO

Confirmouse que o Xacobeo estará en maio na vindeira edición do Giro de Italia. É unha moi boa nova para o deporte galego. O Xacobeo, devagar, e grazas os bos resultados conseguidos con traballo e dedicación, vai subindo aos poucos os banzos que deben levalo a disputar algún día o Tour de Francia. O teense Ezequiel Mosquera será o líder do equipo de Álvaro Pino. Oxalá sexa capaz de acabar entre os dez primeiros e que poidamos celebrar algunha victoria de etapa. Estaremos pendentes.

28/01/2009

O ASTON VILLA DE O´NEILL

O Aston Villa gañou en Portsmouth onte cun gol de Emile Heskey. Heskey, un veterano dianteiro internacional con Inglaterra e que formou unha dupla singular con Michael Owen no Liverpool de Houllier, chegou a Birmingham grazas á confianza que lle ten Martin O´Neill, quen fora o seu adestrador no Leicester City, equipo no que adestrador e xogador se deron a coñecer ao mundo. É unha nova peza que engadir a un Aston Villa cada vez máis forte, cuarto na clasificación a tres puntos do líder e que parece non terlle medo a nada. Se reparamos no equipo vemos unha defensa consistente e veterana, un centro do campo tamén curtido, fisicamente poderoso e con moi bo criterio técnico (Barry, Sidwell, Petrov, Milner) e arriba dúas xoias cada vez máis desexadas polos grandes do fútbol mundial: Ashley Young que corre máis que ninguén e a pon onde quere, e Gaby Agbonlahor, que corre máis que ninguén e ten máis ganas que ninguén de gañar cada partido. Agora chega Heskey, un dianteiro veterano, como tamén o é John Carew, tipos que estiveron en todo tipo de batallas, que saben o que é baterse cunha defensa e que no momento máis inesperado son capaces do detalle máis exquisito. En fin, gústame o Aston Villa e gústame especialmente Martin O´Neill, un tipo que me lembra a Irureta: humilde, traballador, pero que cada vez que colle un equipo é capaz de sacarlle o máximo rendemento e de facelo crecer a cada ano que pasa. Vexamos ata onde pode chegar este Aston Villa

TREMENDO CHRIS PAUL

Falaba o outro día de que os Sixers levaban un comezo de ano espectacular. Pois ben, o martes levaron o primeiro golpe importante. Perderon de 15 puntos (86-101) cuns Hornets nos que non estaban David West nin Tyson Chandler. Pero estaba Chris Paul. O base anotou 27 puntos, sumou 15 asistencias, colleu 10 rebotes e roubou 7 balóns. Tremendo. E aínda fai pouco víralle outro triple doble contra os Mavericks. Por certo, interrogábamonos sobre como sería o progresivo retorno de Elton Brand ao equipo. Neste partido non anotou en 18 minutos, colleu 3 rebotes, puxo un tapón e perdeu dous balóns.

SCOLA E LANDRY

Gústanme os Rockets.
É un equipo divertido e moi completo. Yao Ming é un fóra de serie, Mcgrady xa foi máis do que é pero é Tracy McGrady, gústame o atrevemento de Brooks e Wafer, Rafer Alston non é santo da miña devoción pero é un base apañado, Artest é tan imprevisible como xenial. Pero sobre todo gústanme Scola e Landry. Gústanme eses catros baixiños pero con calidade e sobre todo moitas ganas de baterse con calquera que se lles poña por diante. A Scola coñecíao de sobra, a Carl Landry non tanto. Come on Rockets!

ÁLEX BERGANTIÑOS

A raíz da entrada anterior quero destacar o partido de Álex Bergantiños contra o Celta o pasado sábado. Tácticamente perfecto, é completo na recuperación e pulcro e intelixente na condución, tomando sempre a decisión máis axeitada. A experiencia do Xerez está a concederlle a madurez competitiva necesaria. Un canteirán ao que lle vexo un sitio no primeiro equipo para a vindeira tempada.

A VOLTA DE VALERÓN

Primeiro partido de Valerón como titular. Cada vez que colle o balón é para tomar unha decisión intelixente cando non xenial. Non podemos pensar que volverá ser o mesmo de antes da lesión, pero si que de aquí ao final da temporada será o xogador máis desequilibrante do equipo, regalaralles unha chea de goles aos seus compañeiros, e sobre todo, que nos fará gozar aos afeccionados como non volverá facelo ningún outro xogador en moito tempo, tendo en conta as dificuldades económicas do equipo. Só unha reflexión despois do partido do Bernabeu: a Antonio Tomás e De Guzmán custoulles unha barbaridade darlle sequera un balón ao grancanario. Botei de menos a Sergio. En todo caso, que marabilla que volva Valerón!

O DILEMA ELTON BRAND

Os Sixers xa están en postos de play off (21-21). Neste ano gañaron nove partidos e só perderon dous por canastas no último segundo (Parker e Nowitzki). A recuperación coincidiu coa lesión de Elton Brand, cuxa achega fora decepcionante no comezo da temporada. Durante a súa ausencia apareceu a mellor versión de Iguodala e confirmáronse as condicións prometedoras de Thaddeus Young e Marreese Speights. Do mesmo xeito, Dalembert está máis fino que nunca e é gratificante comprobar a profundidade do banco dos Sixers. Brand voltou na última victoria contra os Knicks pero haberá que ver como xestiona a súa volta Tony DiLeo. Con todo, é evidente que un xogador como Elton Brand ten que ser unha peza fundamental nestes Sixers que atoparon no run and gun a súa identidade. Só falta encaixar a peza para soñar.