01/10/2009

O FUTBOLEIRO

Un primo meu acaba de abrir un novo blog. Chámase O´futboleiro. Estades todos convidados a pasar por alí. Unha aperta

10/09/2009

VISTO O VISTO

O Deportivo estreouse máis que dignamente no Bernabeu. Valerón marcou un golazo e, maldita sexa, errou outro que podería ter suposto un gatillazo ao madridismo repunante. O Dépor non ten mala pinta, cando menos para repetir unha campaña como a pasada, inda que o obxectivo debe seguir sendo a permanencia. Mágoa que aparecera o conflito Lafita xusto coa temporada comezada. Non vou pescudar nas razóns dos uns e dos outros. O certo é que se perdemos Lafita perdemos un gran xogador, inda que tampouco o considere unha peza insubstituible. Como tampouco creo que vaiamos botar demasiado en falta a Verdú. O mellor da pretemporada, sen dúbida a aparición de Juan Domínguez e Iván Pérez. O primeiro fixo unha exhibición no Teresa Herrera, demostrando clase, intelixencia, madurez... ademais parece que marca goles- vén de facer o último do Fabril en Liga e o de onte na vitoria do Fabril sobre o Dépor nun partido de adestramento-. Inda que algúns levaran unha decepción ao velo fóra da convocatoria, teño a impresión de que Lotina acredita moito nel e saberá administrar acaídamente a súa incorporación progresiva ao primeiro equipo. Canto a Iván Pérez véselle descarado e con categoría para o primeiro equipo. Por veces, no Teresa Herrera lembroume moito a Fran, e é que unha xeración de coruñeses marcados polo Super Dépor ten que empezar a dar os seus froitos. Menos entusiasmo prodúceme Juca, independentemente das súas condicións a balón parado. Parece algo lento e desconcertado aínda, con todo haberá que darlle tempo. De Angulo pouco podo falar. Inda que o que o que lle vin no Leixoes e os poucos minutos que lle vin co Dépor parecen abondo para pensar nun recambio de garantías para Filipe. Haberá que ver que pode achegar Adrián despois da súa enriquecedora xeira no Málaga, se Lassad confirma as boas impresións da época pasada e se Valerón pode xogar moitos minutos por partido e o respectan as lesións. Tamén haberá que observar con atención a temporada de Álex Bergantiños no Xerez, pois é un xogador que me parece con condicións abondas para o primeiro equipo nun futuro próximo, quen sabe se formando unha parella de mediocentros da casa con Juan Domínguez.

Do resto dos equipos da Liga, todo o fogo de artificio do madridismo non quita que o gran favorito sexa o Barcelona. Gañaron o primeiro partido de Liga coa solvencia de sempre, inda que con moitíimas baixas e Pedro e Bojan de xogadores destacados. De todos modos, o fútbol é complexo e mal faría Guardiola en pensar que despois da temporada pasada, nesta abóndalle con repetir o mesmo método. Calquera mensaxe de relaxación que envíe aos xogadores pode pagalo moi caro, do mesmo xeito que o pagou Rijkaard con aquel equipo que parecía invencible. O Madrid, pola súa banda, poralle as cousas máis difíciles aparentemente, inda que xa vimos o fráxiles que son os proxectos megalómanso de Florentino e, desta volta, Valdano. No madrid meteron demasiados galos nun mesmo poleiro e que cheguen a entenderse como un verdadeiro equipo así que as cousas se torzan apenas un anaco, vaille costar arreo a Pellegrini. Destacar tamén que o mellor contra o Dépor foi Lassana Diarra, un tremendo xogador. Da primeira xornada quédome coa sorpresa do Atlético de Madrid, apalizado na casa polo Málaga, e coa incerteza do Valencia, no que destacou Banega, un xogador que se demostra as súas condicións pode ser moi importante para Emery.

En Portugal fálase de que o Benfica acortou notablemente a súa distancia co Porto, despois da marcha de Lucho Fernández, Lisandro e Cissokho ao fútbol francés. Con todo, sigo considerando favorito ao Porto, que atopou en Radamel Falcao un substituto de garantías para Lisandro. Belluschi, Silvestre Varela, Álvaro Pereira ou o guardarredes Beto son outros reforzos interesantes dun equipo que seguirá dependendo de Bruno Alves na defensa, Meireles no centro do campo e Hulk arriba, ademais da sabedoría de Jesualdo Ferreira no banco. O BEnfica tivo fichaxes de máis nome, como Saviola, o cedido Keirrison ou Javi García, inda que ata agora os mellores reforzos para Jorge Jesus están a ser o dianteiro Weldon- a quen adestrara no Belenenses- e, sobre todo, Fábio Coentrao a quen xa blindaron cara ao futuro despois do seu magnífico comezo ligueiro. O Sporting parece quedar un pouquiño rezagado na loita polo título. Mantén o equipo das épocas pasadas, baseado sobre todo nos seus canteiráns: Moutinho, Veloso, Silva, etc... e Liedson, e poucos reforzos, xogadores de rendemento cuestionable no fútbol español como Mati Fernández ou Angulo- un erro típico dos grandes de Portugal-. O mal comezo do equipo de Paulo Bento en Liga e Champions parece determinar que vano ter complicado para cuestionar o poderío de Porto e Benfica. Se cadra desta volta non habería que descartar un convidado entre os tres grandes: o Sporting de Braga, que é líder após tres xornadas e ten un equipiño moi feito, e ben reforzado con futbolistas de calidade coñecedores do fútbol portugués. É de esperar tamén unha boa época para os dous equipos da Madeira: o Marítimo, adestrado con man de ferro por Carlos Carvalhal, e o Nacional, que perdeu a Nené, maximo goleador a pasada temporada, pero mantén ao Rúben Micael, un crack que é abofé dos xogadores con máis futuro do país veciño e que marcou o gol en San Petersburgo ao Zénit que lle deu aos seus o pase á fase de Grupos da Liga Europea. Augúrolle unha campaña plácida ao Vitória de Guimaraes de NElo Vingada, inda que lonxe de repetir o terceiro posto do ano pasado, ao ascendido Olhanense de Jorge Costa e ao Rio Ave de Vila do Conde. Do mesmo xeito o Paços de Ferreira e os Belenenses comezaron demostrando equipiños correúdos. O resto: Naval, Vitória de Setúbal, Uniao de Leiria, Acadêmica, loitarán por manter a categoría.

05/06/2009

VOLVEREMOS EN SETEMBRO

Algúns puidestes comprobar que este blog xa vai tempo que deixou de se actualizar. Non é porque todo o meu desexo fose ver ao Porto campión. Máis ben tivo que ver coa dificultade que supuña para min actualizar a diario tendo en conta o formato de partida e que teño traballo, moza e, inda que pareza mentira, unha considerable vida social. Con todo, foi unha experiencia ben gostosa e que me permitiu coñecer aos bos blogueiros galegos e de fóra que andades ás voltas co tema dos deportes. Espero volver en setembro, inda que procurando un tipo de blog máis asequíbel. Inda que daquela se cadra xa non teño traballo e moza... espero que si. Daquela espero que pasedes outravolta por aquí mentres para min será un pracer pasar estes meses polos blogs de todos vós. Feliz verán!

11/05/2009

PORTO CAMPIÓN!

O Porto proclamouse finalmente campión da Liga Portuguesa por cuarto ano consecutivo. Gañoulle 1-0 ao Nacional de Madeira no Estadio do Dragao grazas a un gol de Bruno Alves ao pouco de comezar o segundo tempo. O equipo de Jesualdo Ferreira foi moi superior a todos os seus rivais, incluídos os dous grandes de Lisboa. Sumou 20 vitorias, 6 empates e apenas 2 derrotas completando unha época inesquecible que só a eliminación nos cuartos de final da Champions ante o Manchester United impediu que alcanzase dimensións históricas á altura do equipo de fai un lustro dirixido por José Mourinho. Os principais vimbios do equipo comezan polo brasileiro Helton na porta. Cuestionado ao principio da época foi gañando en seguridade a medida que avanzaba o campionato, non tendo dúbida o seu treito final de campionato. Na defensa, como xa é habitual, o equipo contou cunha das mellores parellas de centrais de Europa: Bruno Alves e Rolando, que alén da súa seguridade atrás sumaron oito goles entre os dous en xogadas a balón parado. O capitán Bruno Alves, de Póvoa de Varzim, erixiuse en xefe da zaga. O seu penoso erro en Old Trafford, que impediu posiblemente a merecida vitoria na ida dos cuartos, non empaña un campionato sensacional. Rápido no cruce e na anticipación, sempre ben colocado, con enorme xerarquía e fundamental no xogo a balón parado, tanto no remate de cabeza como no lanzamento directo, foi o home que máis minutos disputou no plantel. Ao seu carón, complementouno á perfección o caboverdiano Rolando, chegado esta temporada procedente dos Belenenses. Outro descubrimento foi o de Cissokho no lateral esquerdo. Xogador francés, despuntou a pasada temporada no Vitória de Setúbal. Incorporouse ao Porto comezado o campionato e sorprendeu polo seu extraordinario desbaldimento físico, que lle permite defender e atacar coa mesma intensidade, suplindo as carencias técnicas. No lateral dereito, o romanés Sapunaru cumpriu sobradamente. Ao contrario de Cissokho, este supliu coa súa técnica apañada as súas limitacións físicas. No centro do campo cómpre salientar a parella formada por Fernando e Raul Meireles. O brasileiro, quen xogou o pasado ano cedido no Estrela de Amadora, deu un paso adiante e converteuse na peza fundamental para equilibrar o talentoso mediocampo portista. Sempre pendente en facer as coberturas necesarias a todos os seus compañeiros encumbrouse despois da súa exhibición en Old Trafford. De Rau Meireles poderiamos falar horas e horas. Fixo unha temporada absolutamente incrible, converténdose no auténtico director de orquestra do equipo. Ofrecéndose sempre e movendo o balón con absoluto criterio, en curto ou en longo, este ano apenas Xavi ou Xabi Alonso estiveron por riba do seu nivel. Ademais, ten un excelente disparo dende lonxe e chegada dende a segunda liña que o converten noutro elemento fundamental do xogo ofensivo. Mención aparte merece Lucho González, outro dos capitáns, o arxetino é un auténtico símbolo para a torcida do Dragao. Peza chave na engranaxe pra lle ofrecer rapidez e fluidez á transición entre mediocampo e ataque. De inmensa calidade e olfato de gol, é a pedra angular do Porto dos últimos anos. A súa lesión no final da época foi das peores novas do equipo. Arriba foi ano da eclosión de Hulk, o brasileiro que chegou da Liga xaponesa está no punto de mira dos principais clubes do mundo, por mor da súa potencia, velocidade, calidade e gol. A súa exhibición no Calderón foi inesquecible. Está chamado a ser un dos grandes dianteiros do fútbol europeo no futuro. O gran goleador Lisandro López foi este ano menos produtivo que na temporada pasada. Con todo, é o referente do ataque, aparecendo ademais nos momentos decisivos. O uruguaio Cristian Rodríguez atopou no sistema de Jesualdo Ferreira a oportunidade de demostrar a súa calidade, oportunidade que non dispuxo no Benfica. A súa intensidade e agresividade son o complemento perfecto do resto de avanzados do equipo. Alén destes xogadores, cómpre salientar a Mariano González, o ex de Racing de Avellaneda e Inter de Milan, de gran polivalencia pois pode desenvolverse en calquera posto do ataque ou do medio campo grazas á súa velocidade e talento. A súa achega ao equipo foi dun valor inconmesurable. Á fronte de todos eles, Jesualdo Ferreira, o técnico de Mirandela, en Tras-os- Montes, que suma tres títulos consecutivos dende a súa chegada ao Porto. É o primeiro técnico na Historia que consegue iso, tres títulos segudos. Se permanece no Dragao e o mercado futbolístico non fai demasiados estragos no clube portista, augúranse moitos máis, pois alén da calidade do plantel, hai un estilo se xogo definido e eficaz sen punto de comparación no país. Lembramos o plantel completo do campión: Helton, Ventura, Nuno, Fucile, Sapunaru, Bruno Alves, Pedro Emanuel, Stepanov, Rolando, Cissokho, Guarín, Raul Meireles, Tomás Costa, Andrés Madrid, Fernando, Lucho, Lisandro, Cristián Rodríguez, Mariano González, Hulk, Tarik Sektioui, Farías, Pedro Rabiola.
O Sporting, pola súa banda, asegurou o segundo posto, que lle garante unha praza nas previas da Champions. O enésimo gol de Liedson no último suspiro do partido, deulle a vitoria ante o Vitória de Setúbal, que baixo o mando de Carlos Cardoso estase a gañar fama de 'autocarro', pois defende con nove homes colgados do travesiro. Talvez por iso os dous goles lisboetas chegaron de rebotes dos defensores a disparos do Liedson, segundo mellor goleador da Liga.
O Benfica do Quique Sánchez Flores, xa que logo, terá que conformarse coa UEFA. No seu partido desta semana non pasou do empate a dous goles no Estádio da Luz ante o Trofense, actualmente en postos de descenso.

10/05/2009

O DÉPOR VOLVE PESCAR EN RÍO REVOLTO

O Dépor deu un paso importantísimo nas súas aspiracións por estar en Europa a vindeira campaña. Como xa fixera en San Mamés, soubo xestionar perfectamente a ansiedade do seu rival, sumido no pozo dos postos de descenso. O Dépor saíu coa intención inicial de deter o presumible arreón inicial do Recre. Fíxoo sen demasiados apuros, con Lopo e Zé Castro moi serios polo centro e Manuel Pablo e Filipe pechando perfectamente as bandas. A partir do cuarto de hora Lotina decidiu que non abondaba con termar atrás, senón que había que empezar a ter o dominio do balón para xerar dúbidas no contrario e, sobre todo, impaciencia nos seus afeccionados. E non costou demasiado, o equipo adiantou as súas liñas e Sergio, Juan Rodríguez e Verdú aparecían unha e outra vez para tocar a bola, sen demasiada profundidade pero si coa calma e o criterio abondo como para desesperar ao rival. Ante un equipo coa soga ao pescozo é moito máis facil atopar espazos. Cómpre só paciencia para agardar polo erro do contrario. Así o Dépor comezou a ter as primeiras oportunidades. Guardado asumiu protagonismo e como vén sendo habitual nas últimas semanas foi dos mellores do equipo. Hoxe, alén da súa incisividade en ataque, traballou arreo nas axudas defensivas e mesmo lle sacou da punteira un disparo franco a Javi Fuego na área de Aranzubia. O Dépor comezaba a ameazar nas inmediacións da área contraria pero o gol, realmente, chegou coa primeira ocasión clara. Foi un auténtico golazo dun xogador irregular no seu rendemento aínda que de calidade indubidable. Joan Verdú apañou un rebote na frontal da área, botou ao chan tres defensores do Recre cunha xenial finta co corpo e picouna suavemente por riba de Riesgo. Unha marabilla de gol, posiblemente dos mellores do Dépor esta temporada. Co marcador a favor todo parecía máis fácil aínda. Había que seguir na mesma liña, tendo o balón e, sobre todo, moita máis calma cos onubenses. Pero o certo é que por veces a calma do Dépor foi excesiva. Parecía que ao Recre lle ía bastante máis no xogo que ao Dépor cando realmente estabamos ante unha magnífica ocasión para asaltar os postos europeos. Contra o remate do primeiro tempo o Recre meteulle máis ganas, procurou a velocidade dos seus homes de arriba: Javi Guerrero, Camuñas, Sisi e Adrian Colunga, e pouco a pouco foi creando perigo na porta de Aranzubia. A falta dun minuto para o descanso, Javi Guerrero meteu un pase xenial por detrás da defensa que Colunga aproveitou para cruzar perfectamente ante a saída do gardameta rioxano do Dépor. Despois do bo traballo feito no primeiro tempo chegábase co empate ao descanso e co Recre crecido. Había que ver cal era a reacción dos homes de Lotina e abofé que foi boa. O dépor saiu moito mellor, procurando a porta contraria con moita máis determinación ante a perplexidade do Recreativo. O gol da vitoria non tardou en chegar nin catro minutos despois dunha excelente internada na área de Filipe que picou o xusto para que Pablo Álvarez rematase na boca de gol. Desta volta, tras o gol non houbo relaxamento. O dépor mantivo a compostura atrás e demostrou a súa vontade de pechar o partido á contra. Mesmo Lotina recuperou a Lafita para explotar coa súa velocidade os espazos na retagarda andaluza. E as ocasións sucedéronse, cada unha mais clara ca anterior. Ata media ducia de oportunidades claras tiveron Guardado, que estrelou no pao un remate franco, Verdú, Riki ou Lafita. Despois da notable superioridade da segunda metade, o Dépor perdoara en exceso e ese é un perigo demasiado grande ante un equipo que se xoga a permanencia. O Recre foi con todo nos último minutos do xogo e a piques estivo de marcar o empate no último suspiro, nun remate de Javi Guerrero a apenas tres metros de Aranzubia que este despexou a bocaxarro, na súa enésima intervención miragreira este ano. O gol tería sido un auténtico mazazo. Por fortuna, sumáronse finalmente os tres puntos. complétase unha magnífica xeira de 13 puntos nos últimos quince partidos. O Dépor é agora quinto a só tres puntos do Valencia, que para a semana ten un novo duelo directo ante o Atlético de Madrid. O Dépor, pola súa parte, ten unha nova oportunidade de pescar nas ansiedades alleas en Riazor ante o Xetafe. O soño europeo agrándase a medida que avanza o calendario. (Foto de laopinion)

RESPIRA NEWCASTLE

O Newcastle conseguiu a primeira vitoria da época Alan Shearer e, coas mesmas, saíu momentaneamente dos postos de descenso despois da derrota do Hull City no seu propio campo ante o Stoke. A vitoria das 'pégas', ten especial relevancia por canto foi, ademais, ante un rival directo, o Middlesborough, que parece condenado a xogar na Championship o vindeiro ano, e por canto os xogadores de Shearer houberon de remontar un temperán gol en contra. Aos dous minutos do inicio Habib Beye meteu o balón na súa propia porta despois de que Harper rexeitase un disparo de Tuncay. Por fortuna para os branquinegros o gol do empate non tardou demasiado. Steven Taylor marcou ao aproveitar o rexeite dun disparo de Viduka ao pao. Coas táboas, o Newcastle volveu demostrar a súa incapacidade para o xogo combinativo, confiando a súa sorte ao contrataque ante un 'Boro' con máis iniciativa. A medida que pasaban os minutos os seareiros de St. James´vivían con desacougo a posibilidade dun empate que deixaría descontentos aos dous equipos. Shearer remexeu no banco e a xogada saiulle ben. O nixeriano Oba Martins entrou no campo por un gris Michael Owen -a quen se lle diga que foi Balón de Ouro!- e non tardou un minuto en marcar o 2-1. No treito final, o Newcastle aproveitou o nerviosismo e a necesidade do Middlesborough e outro home que entrara do banco, o dinamarqués Lovenkrands, marcou o 3-1 definitivo. Un respiro inmenso para o Newcastle que sae momentaneamente do pozo, grazas ao terrorífico treito final da Liga do que fora na primeira volta equipo revelación: o Hull City de Phil Brown que perdeu no seu campo ante o Stoke City, que non se xoga nada. Na loita polo título ninguén cede. O Manchester United volveu resolver con brillantez. Afrontaba un difícil derbi ante o City e todas as posibles incertezas aclarounas Cristiano Ronaldo cun novo trallazo de falta directa. O peleón Carlos Tévez puxo o 2-0 antes do descanso e garantiu a vitoria definitiva. Sorprendente resultou a reacción de Cristiano Ronaldo despois de que Ferguson decidise trocalo ao cuarto de hora do segundo tempo. O de Madeira marchou da cancha cun notable cabreo que quixo exteriorizar á vista do técnico escocés e de toda a torcida de Old Trafford. Tampouco cede o Liverpool, que gañou con claridade (0-3) ao West Ham United. Había tamén duelo directo entre os dous damnificados das semifinais da Champions. O Chelsea arrollou no Emirates ao Arsenal por 1-4. Por último, destacable a vitoria do Fulham ante o Aston Villa, que pon o equipo de Hodgson sétimo, por diante de Tottenham, West Ham e City. (Foto da web da UEFA)

TEMPORADA PARA ESQUECER

Rematou por fin unha campaña nefasta para os equipos galegos da Segunda B. Logo da confirmación a semana pasada do descenso do Fabril, na derradeira certificouse que o Racing de Ferrol non xogará finalmente a promoción de ascenso. Perdeu na Malata ante o Racing de Santander B por 0-1. A vitoria tampouco lle tería valido de moito pois a clasificación pasaba pola derrota dun Zamora que non desaproveitou a oportunidade, precisamente ante o Fabril (3-0). O Celta B tampouco aproveitou a súa oportunidade de entrar entre os catro primeiros, se ben no seu caso a clasificación non pasaría de honorífica dada a súa condición de filial. Con todo, foi o mellor dos seis equipos galegos e, se cadra, a única nova positiva pois no Barreiro confirmáronse as boas trazas de moitos xogadores de futuro para o equipo vigués como Iago Aspas ou Joselu, que esta fin de semana debutou co primeiro equipo. O Pontevedra sumou unha nova derrota para consumar unha campaña desastrosa alén do espellismo das sete vitorias seguidas tras a chegada de Gay. O aragonés non seguirá a vindeira campaña en Pasarón pois é manifesto o seu desencontro coa directiva. Máis grave é o desencontro entre os xogadores e a fiel afición granate, que non decae malia as constantes decepcións que fan do Pontevedra o eterno favorito da categoría. O Ciudad de Santiago, pola súa banda, pechou a campaña cun espectacular empate a catro goles ante o filial do Sporting (4-4). O equipo de Luisito completou unha campaña meritoria habida conta das dificultades económicas pols que atravesou ao longo do ano. Queda por ver se para o ano, hai derbi santiagués na categoría xa que o Compos participará na Fase de Ascenso como campión da Terceira galega. Curioso caso o de Santiago, con dous equipos a piques de coincidir na Segunda B, os dous con graves problemas económicos e coas directivas que non se poden ver diante. Por último o Lugo completou unha campaña modesta pero que pode ter chantado uns bos alicerces para dar un paso adiante o próximo ano. (Foto da web do Racing de Ferrol)

FIN DA LIGA REGULAR NA ACB


Rematou a Liga Regular na ACB, polo que xa se coñecen os dous equipos que descenden á Liga LEB. Serán o Vivemenorca e o CAI Zaragoza. O dos aragoneses é un pao tremendo para unha das afeccións máis fieis do deporte da canastra en España, cuxo retorno á máxima categoría durou menos que un suspiro. Ademais o descenso consumouse na propia cancha e nun partido a vida ou morte ante un rival directo: o Murcia. Os pimentoneros acadaron unha vitoria agónica (59-60) que lles vale a permanencia. Para colmo, o CAI vese relegado ao posto de pechacancelas, xa que o Vivemenorca gañou en Mahó ante o Cajasol. Ao ser penúltimo, o seu descenso non é tan claro pois está a espera do que aconteza coa praza do Obradoiro, cuxo futuro é incerto. Non é pois de estrañar que os baleares celebrasen a vitoria case como se fose un título. Por outra parte, pechouse o cadro dos playoffs, que serán os seguintes:
TAU- Iurbentia Bilbao. Derbi vasco. O Iurbentia foi o último en acadar a praza. Malia perder no Palau ante o Barcelona, aproveitouse das derrotas de Fuenlabrada e Manresa. O TAU chega como camión da Liga Regular con apenas catro derrotas. O Baskonia é claro favorito. 
Barcelona-Pamesa Valencia. Favoritos os cataláns, que procurarán compensar na Liga a decepción europea. O Pamesa,con todo, fixo unha Liga regular correcta e ten xogadores de calidade para complicarlle a vida nalgún momento aos de Xavi Pascual. 
Unicaja- Kalisse Gran Canaria: Os canarios foron a sorpresa agradable da temporada. Cun equipo veterano e consolidado, con nglish como grande elemento anotador, pretenerán dar a sorpresa ante o Unicaja. Parece difícil, con todo, que un equipo de Aíto, desaproveite  a súa superioridade nuns cuartos de final. 
Real Madrid-DKV Joventut. Abofé a máis interesante das eliminatorias. Evidentemente os de Badalona xa non son o equipo da temporada pasada con Aíto no banco e Rudy Fernández na cancha. Por iso parte con certo favoritismo o irregular Real Madrid. Non debera confiarse en todo caso, ante un equipo liderado polo gran Ricky Rubio, que podería estar a disputar a súa última temporada antes de dar o salto á NBA. 
(Foto da web do menorca básquet)

09/05/2009

DESTA VEZ NON FOI O ÁRBITRO

O Celta volveu perder en Balaídos, e ante un rival directo, a Unión Deportiva Las Palmas, que non tivo que facer máis que defender con orde e intensidade e agardar no segundo tempo a atopar espazos na defensa dun Celta excesivamente impaciente. Despois de dous partidos nos que Eusebio mudara o sistema, mellorando o xogo inda que sen mellorar necesariamente nos resultados, nesta terceira intentona a cousa non saíu en ningún momento. O Celta nunca tivo o balón. O Las Palmas, moi xunto e coa defensa adiantada, afogou os mediocampistas vigueses e obrigou a que fosen os defensas os que sacaran o balón xogado, polo que a maioría das veces o patadón arriba sen sentido era a decisión escollida. Os canarios tampouco é que fixesen demasiado máis aló de defender, inda que o seu avanzado Marcos Márquez gañaba seguido os balóns aéreos e sabía xogar de costas a porta de Falcón. Se o Celta deu dende o inicio sinais de impaciencia, tamén as deu axiña Eusebio, que non agardou media hora para facer o primeiro troco. Quitou do campo a Jordi e meteu a Trashorras. Ante a escasa insistencia á contra dos canarios, decidiu quitar un central e meter un home no medio campo para tocar o balón. Pero tampouco mellorou o Celta, triste, lento e despistado. Tras o descanso, cando menos, viuse un pouquiño máis de actitude. Debutou Joselu, o rapaz de Silleda, que entrou no campo no lugar de Óscar Díaz, e por momentos parecía que os vigueses atopaban algún espazo por banda. Pero a medida que foron pasando os minutos, a angustia foise apoderando do equipo e, sen cometer erros defensivos tan flagrantes como noutras ocasións, precipitouse moitas veces na presión. Nese momento emerxeu a figura de Jorge Larena, o ex celtista, que comezou a facer estragos dende a medida punta. En dúas ocasións asistiu aos seus compañeiros, torpes na definición. Na terceira foi el quen entrou na área para o remate. Peña derrubouno. Foi un penalti claro e unha expulsión merecida. Desta volta non se lle pode botar a culpa ao árbitro. Como comentaban na retransmisión da Galega o Celta é o equipo con máis penaltis e expulsións pitadas na súa contra. Parece un dato normal nun equipo cun desconcerto defensivo crónico. O goleador Marcos Márquez transformou o penalti e consecuentemente deulle ao seu equipo os tres puntos ante un rival directo, que non dá afastado as pantasmas do descenso. Despois do 0-1 non houbo reacción, non houbo fé, non houbo casta. Xa van 16 partidos nos que so se sumou unha vitoria. En total, 10 puntos sobre 48 posibles. A ver que pasa! (Foto da web do Celta)

MORREU CHUCK DALY

Xa nos últimos tempos todo o mundo na NBA levaba un pin coas iniciais de Chuck Daly, que estaba a agonizar dun terríbel cancro de pancreas que, finalmente, no día de hoxe, puido con el, á idade de 78 anos. Chuck Daly é lembrado esencialmente pola súa soberbia traxectoria á fronte dos Detroit Pistons dos 80, os ´bad boys´, así alcumados polo seu inmenso carácter e agresividade na cancha. Natural de Pennsylvania iniciouse como técnico no baloncesto universitario e conectou coa NBA por vez primeira en 1978 como asistente dos Sixers. En 1981 tivo a primeira oportunidade como técnico principal en Cleveland. Foi unha experiencia fallida que rematou antes de que expirase a temporada. A súa segunda oportunidade abofé que non a desaproveitou. Contratouno Detroit Pistons, ata o daquela unha franquía máis ben modesta do Leste, e alí permaneceu nove anos inesquecibles. Non fallou nunca aos playoffs e superou as 46 vitorias cada temporada. Arredor de Isiah Thomas, Billy Laimbeer e Vinnie Johnson, foi argallando devagar un equipo que medraba cada temporada ata que no remate da década acadou dous títulos históricos: na 1988-89 impoñéndose aos Lakers na final e na 89-90 superando aos Blazers de Clyde Drexler. Xunto cos tres que mencionamos antes, formaban parte daqueles Pistons nomes míticos como Salley, Dennis Rodman, Adrian Dantley ou Joe Dumars. Ademais desta xeira gloriosa en Michigan, Daly é lembrado internacionalmente por ser o adestrador do que foi considerado por moitos o mellor equipo da Historia: o 'dream team' ou selección de Estados Unidos que gañou a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Barcelona. Obviamente, malia non ser nunca designado mellor adestrador da temporada, Daly está no Hall of Fame da NBA e unha camisola co número 2 (o número de títulos dos bad boys) foi retirada na súa cancha. Coa morte de Daly e a pésima campaña dun equipo que aínda procuraba manter o espírito dos bad boys, remata toda unha época para Detroit.

DURO GOLPE PARA OS ROCKETS

Houston perde o partido (108-94) e a Yao Ming. O pivot chinés dos Houston Rockets, Yao Ming, tivo que abandonar o partido despois de resentirse dos seus problemas de xeonllo e finalmente será baixa no que resta de temporada. Un pao demasiado duro para o equipo de Adelman, que ata agora estáballe a dar moita guerra aos Lakers. O terceiro partido, primeiro en Texas, foi vibrante e igualado e apenas se desequilibrou no terceiro cuarto cun parcial de 14-24. Os californianos están demostrando nesta serie que, polo xeral, o equipo que máis apreta á volta dos descansos é o que ten máis papeletas de levar o gato á auga. Kobe foi o máximo anotador do seu equipo con 33 puntos inda que cunha selección de tiro mellorable. Gasol tivo unha actuación máis discreta e debeu respirar cando viu marchar mancado a Yao Ming, pois o chinés estáballe a gañar a partida (19 puntos e 14 rebotes). Lakers recuperan o factor cancha e poden sentenciar a serie se gañan o cuarto partido, no que o discreto Chuck Hayes terá que suplir a Yao. (Xogador do partido: Kobe Bryant)
Carmelo pon o 3-0 no último segundo. Denver acadou a vitoria (106-105) en Dallas, grazas a unha xogada polémica. Carmelo Anthony anotou un triple despois de que Antoine Wright se matase por facerlle faltas persoais que os árbitros non pitaron. É curioso ver como un equipo protesta porque non lle piten unha falta na súa contra, pero é que ese era o obxectivo último do equipo de Carlisle. Os Nuggets están xa a un paso das finais de Conferencia. O impredicible Carmelo Anthony con 31 puntos e o racional Chauncey Billups, con 32, foron os mellores do seu equipo. Nos Mavericks, segue Nowitzki promediando na serie máis de 30 puntos, pero a diferencia da serie ante os Spurs, acúsao o bo funcionamento do xogo colectivo. (Xogador do partido: Carmelo Anthony)
Inconmensurable Lebron: O MVP da Liga segue inconmensurable na súa procura do anel. Onte estivo en practicamente todas as accións ofensivas dos Cavs, que a diferencia dos dous partidos anteriores tivo que agardar a terceiro cuarto para marcar a súa evidente superioridade sobre Atlanta Hawks. Lebron James anotou 27 puntos, apañou 12 rebotes e deu 8 asistencias, para un marcador final de 97-82. (Xogador do partido: Lebron James)
Orlando pon o 2-1 (96-117). Como comentabamos no post sobre o segundo partido, esta serie antóllase longa, dura e complicada. Cada partido é de resultado incerto e cada día eríxese un novo xogador en protagonista. Os Orlando Magic estiveron moi serios grazas, sobre todo ao bo partido de dous homes fundamentais no seu sistema: Rashard Lewis (28 puntos) e Hedo Turkoglu (24). Van Gundy recupera ademais ao rookie Courtney Lee, que volveu cunha boa actuación nos poucos minutos que estivo en cancha. Nos Celtics, apenas Pierce con 27 puntos estivo nos seus números. (Xogador do partido: Rashard Lewis)
(Foto da web da NBA)

O BREO SEGUE COA SÚA POSTA A PUNTO

O Breogán sumou unha nova vitoria (67-64), inda que sufrida, na súa cancha ante o Plus Pujol Lleida. Da man de Valdeolmillos, o equipo lugués segue demostrando certa irregularidade se ben nas últimas semanas non coñece a derrota. O do venres foi un triunfo meritorio por canto só había oito xogadores dispoñibles que tiveron que exprimirse ao máximo para superar un partido moi competido que non se resolveu ata os últimos instantes. O parcial de 12-19 no último cuarto foi decisivo para despedir con vitoria a temporada regular no Pazo Universitario. Brian Cusworth, como vén sendo habitual, foi o máximo anotador do equipo con 15 puntos e Pecile volveu facer un partido notable. Boas novas en definitiva de cara aos playoffs. Pola súa banda o Rosa parece condenado a rematar a Liga como pechacancelas. Gañou (90-88) no Multiusos o seu partido ante o Básquet Mallorca despois dunha actuación estelar de Charles Allen Ramsdell (25 puntos e 14 rebotes). Tamén destacaron os tiradores do equipo santiagués Sandi Cebular e Georgios Dedas. Foi un partido vibrante, igualado e emotivo que deixou cando menos un bo sabor de boca como peche dunha triste campaña. O único negativo é que a vitoria non serviu para eludir o posto de colista pois o Illescas deu a gran sorpresa ao vencer 78-100 na cancha do Melilla, terceiro clasificado. Á marxe dos galegos, a xornada significou a proclamación como campeón da liga regular do Valladolid, que deste xeito accede automaticamente á Liga ACB.

08/05/2009

SHAKHTAR-WERDER, FINAL DA UEFA

O Shakhtar certificou o seu pase á final da UEFA despois de superar ao Dinamo nun partido histórico, por canto o emerxente equipo da cunca mineira do Donbass se reivindica por fin na elite europea e por canto o fai a costa do gran referente histórico do fútbol do seu país, o Dinamo de Kiev. Foi, como na ida, nun partido igualado, no que por momentos a clasificación puido caer para calquera dos dous bandos, mais no que acabou decidindo a calidade dos 'mineiros'. O brasilerio Ilsinho marcou o 2-1 definitivo nunha magnífica xogada persoal pola súa banda dereita e coa axuda da feble defensa do Dinamo. El Kaddouri e Yusuf pecaron de brandura á hora de deter a súa xogada. O equipo de Mircea Lucescu, arroupado polos 15.000 seareiros que ateigaban o seu modesto estadio, comprobaron como nos primeiros minutos o Dinamo saía sen complexos, presionando moi arriba e chegando con relativo perigo á porta de Pyatov. Pero pouco a pouco foise apropiando do balón e atopando a maneira de xerar ocasións grazas ao fútbol combinativo que caracteriza a este equipo que aposta por catro brasileiros para os postos máis avanzados. O 1-0 chegou despois de que un deles, Jadson, aproveitase un rexeite na frontal para mandar o balón á escuadra da porta de Bogush. O Dinamo, picado no seu orgullo, adiantou as súas liñas aínda máis na procura do empate, pero a defensa do Shakhtar anulou perfectamente aos seus dous homes de maior calidade Milevskiy e Aliev. Á volta do descanso, en cambio, funcionou a conexiín destes dous xogadores e acabaron atopando un oco para lle enviar á bola ao avanzado guineano Bangura, que definiu con frialdade. Coa eliminatoria empatada, os dous equipos entraron nunha fase do partido na que o medo á eliminación puido máis que a ansia pola vitoria. Lucescu meteu no campo ao revulsivo da ida, William, outro brasileiro, inda que desta volta pegouno ao carril esquerdo. Cando todo apuntaba á prórroga, William apareceu, foise cara o centro e cambiou a orientación do xogo cara Ilsinho. Este chegou á area, recortou con calidade ao inocente Yusuf, e mandou o balón á base do pao longo. Un gran gol que é historia para este clube que nunca pasara ata o de agora dos oitavos de final dunha competición europea. No caso de gañar a final sería a primeira vez que dous equipos do Leste gañan o título de xeito consecutivo despois do éxito do Zénit na pasada edición.
Mais na final terá que enfrontarse a un óso duro de roer: o Werder Bremen, que eliminou ao Hamburgo despois du partido memorable no que remontaron o marcador adverso da ida. Foi un xogo de ida e volta no que o equipo de Thomas Schaff foi dende o inicio a pola vitoria. Con todo, axiña bateron co gol de Ivica Olic, que puña as cousas máis costa arriba aínda. Daquela emerxeu a figura dun dos grandes do fútbol europeu: o brasileiro Diego, que botou o equipo ás súas costas e foi erixíndose en gran protagonista da eliminatoria. Antes do descanso xa acadara o gol do empate e case volveu marcar cun balón que petou no traveseiro. No segundo tempo, o partido adquiriu unha vistosidade inusitada, cos dous equipos procurando bravamente a vitoria. O gol puido caer dos dous lados mais a calidade e criterio de Diego volveron ser decisivos. Despois dun incesante intercambio de golpes Pizarro e Baumann acabaron poñendo o 1-3 que semellaba definitivo a falta de sete minutos. Mais o Hamburgo nunca se rendeu e Olic marcaba a falta de 3 o 2-3 que lle daba azos aos 60.000 seareiros que enchían o Arena Hamburg. Finalmente o gol non chegou e o Werder será o rival do Shakhtar na final. Será unha espléndida ocasión para que o grupo de xogadores veteranos que fixeron do Werder Bremen un clásico das competicións europeas dos últimos anos, isto é, os Wiese, Naldo, Mertesacker, Fritz, Frings ou Diego, culminen a súa traxectoria cun gran título continental. Porén, terán un grande inconvinte e é que o Diego non poderá xogar a final de Estambul do día 20 despois de ver onte un cartón amarelo. (Foto da web da UEFA)

OS NUGGETS VAN COMA UN TIRO

Denver vai embalado (105-117). Os Nuggets de George Karl van coma un tiro na procura das segundas finais de Conferencia da súa Historia (chegaron na 1984-85, nos tempos de Alex English e Kiki Vandeweghe). Os Dallas Mavericks, cada vez máis dependentes do acerto de Nowitzki, parecen incapaces de parar o desbordante xogo ofensivo dos de Colorado. Especial dano está a facer Nené Hilário, que fai estragos nos primeiros tempos ante a evidente incapacidade de Dampier de defendelo. Con todo, a actuación individual máis destacada foi a de Carmelo, que con 15 dos seus 25 puntos no último cuarto, desequilibrou definitivamente o partido. A serie viaxa agora ata Texas, onde os Mavs non se poden permitir o máis mínimo erro. (Xogador do partido: Carmelo Anthony)
Absoluta superioridade dos Cavs (85-105). Os Cavaliers parecen dispostos a chegar ás finais de Conferencia sen perder ningún partido. O MVP da Liga, Lebron James, confesa que "está a pasalo ben", porque "ten a bola". O de Akron é un abusón. Desprega toda a súa calidade nos dous primeiros cuartos e abonda para que os partidos estean rotos xa ao descanso, polo que do resto poden ocuparse os seus competentes compañeiros. Os Atlanta Hawks están a demostrar que son un plantel moi xustiño para ir máis aló de onde chegaron esta temporada. Parece imposible que poidan gañarlle sequera un partido a Cleveland. (Xogador do partido: Lebron James)
Empatan os Lakers (98-111). Kobe Bryant asumiu o liderato do seu equipo para empatar a serie ante os correúdos Rockets despois da sorpresa do primeiro partido no Staples Center. O de Pennsylvania anotou 40 puntos malia a molesta defensa de Battier. Gasol secundouno ben con 22 puntos e 14 rebotes e unha defensa moi intelixente sobre Yao Ming. Custoulles, con todo, vencer aos Rockets, nos que colleu o temón Ron Artest, con 25 puntos e moi acertado no tiro. Canda el, destacou Carl Landry, quen dispuxo de minutos ante os problemas de faltas de Luis Scola, que aproveitou anotand 21 puntos e apañando 10 rebotes. O partido tivo unha grande intensidade, con constantes piques entre os xogadores -os Lakers buscaron todo o partido a Scola- que acabaron con dous xogadores expulsados: Derek Fisher, por unha agresión ao arxentino, e Ron Artest, que lle protestou airadamente ao árbitro por non ver un claro cobadazo na gorxa que lle arreou Kobe. Agárdanse máis emocións fortes no Toyota Center. (Xogador do partido: Kobe Bryant)
Empatan os Celtics (94-112). Está claro que os Celtics teñen, esta temporada, máis limitacións ca pasada sendo a máis importante a baixa de Kevin Garnett, pero non hai que esquecer que os de 'Doc Rivers' proclamáronse campións gañando todas as series a sete partidos. Os Celtics afixéronse a vivir nun estado de sufrimento constante. Onte, despois de perder o primeiro no Garden, tocaba gañar e gañouse con gran superioridade. Durante todo o partido os Celtics estiveron por diante no marcador. Ante a inoperancia dos Magic, os Celtics logo encarreiraron o partido, dirixidos por un xenial Rajon Rondo, que fixo o terceiro triple doble nestes playoffs (15 puntos, 11 rebotes e 18 asistencias) e cun Eddie House especialmente acertado no tiro (31 puntos con 11 de 14 en tiros de campo e 4 de 4 en triples). Con todo, os Celtics inda terán que recuperar o factor cancha nunha serie que se antolla moi longa. (Xogador do partido: Eddie House)
(Foto da web da NBA)

07/05/2009

COA SORTE DOS CAMPIÓNS

O Barça é merecido finalista da Champions. Procurará arrebatarlle o cetro ao actual campión, o United, o vindeiro 27 de maio en Roma. Mídense, é posible, os dous mellores equipos da temporada. Antóllase unha final vistosa, brillante e igualada, na que confluirán unha chea de xogadores extraordinarios: Iniesta, Xavi, Messi, Ronaldo, Rooney, etcétera. Agora ben, xusto é dicir que o Barcelona onte tivo sorte, moita sorte, pois marcou no último suspiro, cun home menos, no único disparo entre os tres paos do que dispuxo en todo o partido. Alén diso poderiamos debater sobre a actuación arbitral, que tanto indignou aos xogadores do Chelsea. Motivos non lles faltan: houbo dous penaltis que pasaron desapercibidos, mesmo algún fóra de xogo dubidoso que impediu algunha clara ocasión de gol. Con todo, a decisión máis controvertida do árbitro noruegués, ao meu xuízo, foi a expulsión inxusta de Abidal que deixou ao Barcelona con dez. O caso é que o Barça pasou finalmente, merecidamente porque ninguén xoga coma el ao fútbol en Europa, pero insisto: tivo moita sorte. Porque o Chelsea onte foi, baixo o meu criterio, superior. Do mesmo xeito que no Camp Nou defendeu marabillosamente, tapando calquera resquicio polo que os xogadores do Barça puideran achegarse pola súa área. Nunca gañaron os extremos culés a liña de fondo, e polo centro, eran taponados unha e outra vez os intentos de Xavi e Iniesta de procurar as costas dos defensores blues. Pero a diferencia da semana pasada, o equipo de Hiddink amosou as súas gadoupas á contra. Chegou en varias ocasións con perigo ás proximidades de Víctor Valdés, que tivo intervencións importantísimas en momentos decisivos, especialmente unha no segundo tempo a disparo franco de Didier Drogba. O marfileño, todo sexa dito, é un dianteiro impresionante. Non hai ninguén coma el á hora de xogar so en punta. Abóndase el propio para gañar calquera balón aéreo, ou calquera patadón sen sentido, para logo, crear unha ocasión grazas á súa calidade ou á súa capacidade para xogar de costas e agardar pola chegada dos seus compañeiros. Talvez por esa tendenza a baterse en solitario con todas as defensas, adquiriu o desagradable hábito de simular faltas e protestar calquera xogada. O Chelsea tivo, pois, tres ou catro ocasións claras para marcar osegundo e complicarlle realmente a eliminatoria ao Barça. Pero os de Guardiola, alén de calidade teñen unha fe inmensa nas súas posibilidades Nunca renunciaron ao seu estilo de xogo, de toque continuo procurando abrir a impenetrable muralla defensiva do Chelsea, inda que foran expulsados unha e utra vez. Seguírono intentando con encomiable perseverancia, arriscando en exceso na retagarda, sabedores de que a sorte nunca chega soa senón que hai que procurala. De todos os xogadores, foi Iniesta o máis convencido de que o empate tiña que chegar, por iso a falta de dous minutos para o remate, cando viu aquela bola solta que lle viña pola frontal da área cara a súa perna boa, estaba claro que había de poñela no sitio exacto, na escadra, lonxe do alcance de Cech. Fíxose xustiza co Barça, equipo grande que onte tivo a sorte que só acompaña polo xeral aos grandes equipos. Foi dura, porén, a eliminación do Chelsea, que tamén fixo méritos para estar na final. Pero o caso é que o partido de onte tivo un desenlace propio das grandes datas na Historia do fútbol europeo. Alén diso, non quero rematar a crónica sen mencionar o gol extraordinario, posiblemente o mellor gol da temporada, de Essien: volea impresionante coa zurda dende fóra da área, sen deixala caer, que entra pola escadra rozando o traveseiro de Valdés que non pode evitar o gol malia a súa boa estirada. Simplemente marabilloso. (Foto da web da UEFA)

SOBRADOS

O Manchester United chega sobrado á final da Champions. Ten tanta calidade, ofensiva e defensiva, que o Arsenal non lle chegou a nada. Se na ida, como contabamos, apenas houbera novas dos londinenses agás Almunia, na volta, no Emirates, as noticias do Arsenal apenas duraron oito minutos, ata que o United armou unha contra tan sinxela como perfecta para se adiantar no marcador. Certo é que escorregou Gibbs e permitiu a chegada franca de Park Ji Sung, pero a maneira como Anderson atopa a Cristiano por detrás da defensa e como o coreano chega polo segundo pao é un exemplo perfecto de como facer o fútbol fácil e bonito. Despois do mazazo do gol para o Arsenal, Cristiano encargouse, apenas tres minutos máis tarde, de sentenciar a eliminatoria cun novo trallazo de falta directa no que talvez Almunia puido facer algo máis. O de Madeira, ao contrario que o ano pasado, está comezando a aparecer nos momentos decisivos da temporada, marcando goles extraordinarios como o de Porto ou este de onte. Co 0-2 rematou a historia. O Arsenal intentouno, pero deixando ver todas as súas limitacións ante un United ordenado en defensa, con Rooney e Park facendo un magnífico derroche físico para tapar as bandas do equipo de Wenger. Do mesmo xeito, Cesc Fábregas pasou inadvertido polo xogo ante o dispositivo dos centrocampistas de Manchester. Ora Carrick, ora Fletcher, ora Anderson, sempre había alguén enriba del impedíndolle encarar a porta contraria. A contra do Machester era letal. O enorme dinamismo do centro do campo e dos avanzados de Ferguson daban lugar a un fútbol aseado e fluente que non tardaba en atopar o camiño despexado cara Almunia. O terceiro gol foi unha fermosísima contra de manual. Cristiano recupera balón na súa propia área e e fai un impresionante sprint de de 100 metros para rematar con precisión a magnífica asistencia de Wayne Rooney. O 1-3 foi anecdótico, penalti posiblemente xusto que supuxo a expulsión de Darren Fletcher, que non poderá xogar, xa que logo, a final de Roma. Esta é sempre unha das cousas máis tristes que lle pode pasar a un futbolista: perderse unha final nunha xogada irrelevante, cando o marcador xa está sentenciado. O United é merecedor da súa condición de finalista. A final, porén, ante Barça ou Chelsea, ha de ser máis complicada que estas semis ante un Arsenal, que malia mellorar o seu rendemento no treito final da temporada co retorno de Cesc Fábregas, semella estar aínda un chanzo por debaixo dos grandes de Europa. (Foto da web da UEFA)

04/05/2009

OS ROCKETS SORPRENDEN NO STAPLES

Os Houston Rockets deron a sorpresa no primeiro partido das semifinais da Conferencia Oeste ao derrotar (100-92) aos Lakers no Staples Center. Yao Ming foi o gran protagonista do partido. Anotou 28 puntos e colleu 10 rebotes. Nunha xogada con Kobe Bryant mancouse nun xeonllo e tivo que retirarse aos vestiarios para ser atendido. Logo voltou e o fixo con máis forza e enerxía que antes, sendo o xogador decisivo na vitoria do seu equipo. Artest, con 21 puntos, e Aaron Brooks con 19, foron outros xogadores claves no equipo de Nick Adelman. Pola contra, nos Lakers todos os xogadores estiveron por debaixo do seu rendemento habitual. Kobe Bryant fixo 32 puntos pero cun modesto 14 de 31 en tiros de campo e Gasol sumou 14 puntos e 13 rebotes se ben perdeu a batalla cos homes altos de Houston. Bynum pasou desapercibido, como é habitual dende que voltou da súa lesión e os homes do banco tiveron un partido discreto en exceso, mesmo Lamar Odom, que só achegou nove puntos. Os Rockets teñen agora do seu lado o factor cancha e ameazan seriamente aos Lakers, que parecían claros favoritos no Oeste. Phil Jackson terá que apretar aos seus homes para non permitir un novo tropezo na súa cancha que podería ser letal. (Xogador do partido: Yao Ming
Denver segue impoñente. O equipo de George Karl mantén a inercia gañadora das últimas semanas. É un equipo que desborda calidade, ilusión e agresividade. Había que ver como respondía no primeiro partido da serie ante Dallas Mavericks, moi serios na súa eliminatoria de primeira ronda ante San Antonio. Pero os de Colorado volveron ser despiadados (95-109). Xa no primeiro tempo apareceu o brasileiro Nenê Hilário para facer estragos na zona dos texanos. O pívot dos Nuggets, coa súa potencia e mobilidade, puxo en evidencia a Eric Dampier. Só na primeira metade anotou 18 puntos, para un total de 24 que é o máximo da súa carreira. Os 2 puntos de Carmelo, o bo traballo defensivo de Carter e a intensidade constante no xogo, abondaron para derrotar uns Mavericks nos que Nowitzki foi o máximo anotador do partido con 28 puntos. (Xogador do partido: Nenê Hilário)
Lebron, demasiado para os Hawks. É o ano de Lebron James. Está claro. Alén do merecido recoñecemento como MVP da Liga, o de Akron está a demostrar que é un xogador fóra do nromal. A súa soa presenza intimida a calquera. No primeiro partido ante os Hawks fixo 22 puntos no primeiro tempo e deixou tan atordoados aos de Mike Woodson, que o segundo foi coser e cantar para os Cavaliers. O marcador final (72-99) evidencia a superioridade de Cleveland na serie. A diferencia do resto dos equipos, Cleveland Cavaliers apenas están a sufrir desgaste na súa traxectoria polos playoffs. (xogador do partido: Lebron James)
Orlando ponse por diante. Sufriron os Celtics na primeira ronda ante os Bulls e claro está que tamén lle tocará sufrir nas semifinais ante Orlando Magic. Alén da baixa fundamental de Kevin Garnett os Celtics acumulan máis minutos que ninguén nas pernas. Pero algo non se lles pode negar aos actual campións: o espírito loitador. Cando parecía que o primeiro partido estaba perdido, cos Magic dominando de 28 no terceiro cuarto, os Celtics tiraron de orgullo e iniciaron unha remontada a falta de 16 minutos para o final que a piques estiveron de consumar. Finalmente acabaron morrendo na beira (95-90). Dwight Howard demostrou máis unha vez o seu poderío con 16 puntos e 22 rebotes mentres que Rajon Rondo volveu rozar o triple doble con 14 puntos, 10 rebotes e 8 asistencias. (Xogador do partido: Dwight Howard)
(Foto do espectacular peiteado de Ron Artest da web da NBA)

PANATHINAIKOS CAMPIÓN

O Panathinaikos proclamouse campión da Euroliga despois de impoñerse nunha emocionante final ao CSKA de Moscova por 73-71. É o quinto título para o equipo grego e o sétimo para o seu técnico Zeljko Obradovic, que é deste xeito o máis laureado na historia da competición. O partido tivo dúas partes moi diferenciadas. Na primeira o equipo de Atenas deu a sorpresa ao amarrar perfectamente o potencial ofensivo dos rusos e con dous arreóns por cuarto (parciais de 0-10) chegar cunha vantaxe de 20 puntos ao descanso (48-28). Mais no segundo tempo todo mudou radicalmente. O CSKA axustou moito máis en defensa e Messina foi procurando solucións ofensivas. Pouco a pouco, os moscovitas foron reducindo a desvantaxe ata chegar a ter mesmo no último segundo a posibilidade de gañar de entrar un triple de Siskauskas. Foi un partido para os xogadores importantes. Jasikevicius, Spanoulis, Diamantidis e Fotsis lideraron o xogo dos seus, mentres que no equipo contrario era a quenda de Holden, Langdon, Smodis e Khryapa. Messina, ademais, procurou o revulsivo en Zoran Planinic, moi pouco utilizado ao longo da temporada, mais que na final dirixiu a remontada do seu equipo no segundo tempo. Con todo, a diferencia do partido contra o Barça, houbo tiros decisivos que non quixeron entrar, mentres que a Jasikevicius e Spanoulis non lles tremeu o pulso nos momentos importantes. Vassillis Spanoulis foi declarado MVP da Final. Lembramos o plantel campión desta edición 2008-2009: Drew Nicholas, Nikola Pekovic, Antonis Fotsis, Dusan Sakota, Dimitris Diamantidis, Vassilis Spanoulis, Nikos Hatzivrettas, Stratos Perperoglou, Mike Batiste, Fragiskos Alvertis, Sarunas Jasikevicius, Dusan Kecman, Kostas Tsartsaris, Dimitris Verginis. Técnico: Zeljko Obradovic. Como prestan os nomes gregos! Na Final de consolación o Barcelona superou con claridade ao Olympiacos do Pireo (79-95). (Foto da web da Euroliga)

LASSAD, ARANZUBIA E OS TRES PUNTOS

O Dépor gañou un partido que o pon a dous puntos de UEFA e tamén da Champions. Foi, con todo, un partido moi diferente ao da pasada semana en Málaga. Se na Rosaleda o Dépor foi claramente superior e mereceu a vitoria, onte podemos darnos cun canto nos dentes de conseguir os tres puntos, pois os pucelanos dispuxeron, sobre todo no treito final do partido, dunha chea de ocasións para o empate que só frustraron a fortuna e un espléndido Dani Aranzubia. O partido comezou ben, marcando cedo. Unha vez máis funcionou a conexión entre os dous dianteiros. Nun centro a área Bodipo asistiu maxistralmente a Lassad, que controlou con frialdade no punto de penalti, dispuxo o balón para o remate e mandou un trallazo coa zurda imparable para Asenjo. Tendo en conta a importancia dos tres puntos as cousas non podían ir mellor, co marcador a favor ante un rival que non se xoga nada a estas alturas do campionato. Pero iso, precisamente, a falta de tensión, foi o principal argumento do equipo de Mendilibar que, con inusitada calma, decidiu ter o balón e non escatimar as oportunidades de chegar á area contraria. Na primeira media hora do xogo fóronse facendo devagar co control do balón e ante a falta de agresividade do Dépor, que apenas era capaz de facer unha falta e permitiu ata catro disparos claros dende a frontal da área. A mobilidade de Pedro León, Ogbeche ou Canobbio e o bo criterio na saída do balón dos mediocentros Borja e Álvaro Rubio, orixinaron moitas dúbidas nun Dépor que preferiu agardar por opcións para armar boas contras. Nunha puido sentenciar Bodipo despois dunha gran xogada en banda de Lassad. O marsellés mandou o centro que o sevillano perfilou de medo, pero Asenjo fixo unha excelente intervención e evitou o segundo. Coas mesmas dúbidas comezou o segundo tempo. O Valladolid puido marcar nun cabezazo de Ogbeche que Aranzubia enviou a córner na súa parada, talvez, máis espectacular da temporada. Ao cuarto de hora da reanudación o Dépor conseguiu conter durante un tempiño aos pucelanos. Inda que sen frescura nos homes de arriba, Lassad, coa súa calidade para xogar de costas e combinar cos compañeiros mellor desmarcados, abondou para xerar perigo na porta contraria. Faltou pegada e Mendilibar restruturou as súas pezas. Decatouse de que a banda dereita era un coladeiro ante a falta de axudas a Manuel Pablo e meteu a un atacante, Óscar Sánchez, por ese carril. Do mesmo xeito, puxo no campo o gra verdugo do Dépor nos últimos anos, Víctor. Só escoitar o seu nome por megafonía produciu arrepío en Riazor. Na punta de ataque sitouse un tipo de case dous metros: Pedro Oldoni, que gañou todo o xogo aéreo. Os últimos quince minutos foron un recital do Valladolid ante un Dépor canso e tácticamente roto. Ata cinco ocasións moi claras tiveron para empatar os branquivioletas. Aranzubia unhas veces e a fotuna outras permitiron que o Dépor amarrase finalmente os tres puntos que, vistos os resultados da xornada, poñen ao equipo nunha situación inmellorable para loitar pola UEFA e mesmo pola Champions League. Os dous obxectivos a día de hoxe están a apenas dous puntos.

O NACIONAL AMEAZA AO BENFICA

Nunha xornada na que o Porto deu un paso máis cara o título despois de gañarlle brillantemente ao Maritimo de Funchal con goles de Meireles- quen se lesionou nun xeonllo-, Rolando -outro máis deste central que se está inchando a marcar nas xogadas a balón parado-, e Tomás Costa, e despois de que o Sporting non conseguise pasar do empate sen goles en Coimbra ante a Acadêmica, prestaba ver o partido que enfrontaba na Choupana ao Nacional de Madeira e ao Benfica. O equipo de Quique Sánchez Flores, que xa está descartado para o título, sente agora na súa caluga o bafo dos madeirenses, que despois de vencer por 3-1, están a apenas dous puntos dos lisboetas. O equipo que dirixe o técnico de Gimarães Manuel Machado está a ser, con diferencia, o mellor, se obviamos os tres grandes. A diferencia doutros clubes como o Sporting de Braga ou o Vitória de Guimaraes, con planteis moi compensados e adestradores que gostan do fútbol vistoso, o Nacional distínguese por unha cousa: a pegada. Mentres que bracarenses e vimaranenses están a pagar a súa falta de gol, Nacional anda sobrado. Ten no seu plantel o máximo goleador do campionato, o brasileiro Nené, e dispón doutros xogadores coa pegada abonda para anotar. Conformado na súa maioría por xogadores brasileiros novos, Manuel Machado dispón un equipo con tres centrais e dous carrileiros que se incorporan seguido ao ataque. Pola dereita, o veterano Bruno Patacas, capitán e imprescindible xogador do equipo, é perfectamente coñecedor das súas limitacións, polo que sen destacar, fai sempre o máis acaído. Sube menos, en todo caso, que Alonso, o brasileiro que ocupa o carril esquerdo, rápido e técnicamente moi dotado, e que é un dos principais argumentos ofensivos do equipo. No centro do campo, dous mediocentros brasilieiros: Leandro Salino e Luis Alberto, danlle moita consistencia ao colectivo. Moi resistentes fisicamente, teñen criterio suficiente para sacar xogado o balón. Adiante deles atopamos a Rúben Micael, pretendido polo Dépor e outros grandes do fútbol europeo coma Arsenal, Porto ou Benfica. Está a ser unha das grandes sensacións do campionato. De apenas 22 anos e internacional con Portugal nas categorías inferiores chegou ao Nacional procedente doutro clásico do fútbol de Madeira, a União. É un mediapunta de calidade, cunha gran visión de xogo e moita chegada, que inda por riba fai un traballo incansable de apoio e recuperación no centro do campo. Contra o Benfica estivo inmenso e marcou o segundo nun espléndido disparo dende fóra da área axustado ao pao. Micael é a gran perla do Nacional xunto con Nenê, alcumado o Tigre da Choupana, que está liderando en solitario a clasificación de máximos goleadores do fútbol portugués con 17 goles en 23 partidos. Alto e forte, ten moito instinto para o desmarque e domina todo tipo de remates posibles, ademais de lucir a súa pólvora tamén nas xogadas a balón parado. O sábado marcou un espléndido gol, que abría o marcador, ao rematar de cabeza en prancha un bo centro do lateral Alonso. O angolano Mateus e João Aurélio complementan ben ao avanzado brasileiro. O Nacional é cuarto, distánciase do Sporting de Braga que está a pagar moi cara a súa falta de gol- volveu empatar, desta volta co Rio Ave-, e achégase en cambio ao Benfica, que está a completa unha triste temporada. A Quique fáltalle un dianteiro de referencia, o seu trío de mediapuntas: Aimar, Di Maria e Reyes están a confirmar a súa irregularidade, ao equipo no seu conxunto fáltalle espírito competitivo. O sábado, sen dúbida, o seu mellor xogador foi o lateral esquerdo David Luis, con certas semellanzas no seu xogo ao deportivista Filipe. Moi dotado tecnicamente incorpórase ao ataque como un centrocampista máis e dispuxo de tres ocasións claras de disparos dende fóra da área. Canto á parte baixa da táboa ocúpana actualmente o Trofense e os Belenenses. Rio Ave e Vitória de Setubal ocupan os postos de perigo xusto por diante. Mentres, na chamada Liga Vitalis, o Olhanense, equipo da vila de Olhão no Algarve que adestra un clásico: Jorge Costa, ex-defensa central do Porto e da selección portuguesa, o Santa Clara e o Leiria loitan polos dous postos de ascenso. (Foto da web do Nacional)

XORNADA NEFASTA

Non puido ser peor para os intereses galegos a penúltima xornada da 2ªB. O principal candidato para o ascenso, o Racing de Ferrol, caeu con claridade en Abegondo, ante un Fabril que demostrou unha contundencia inexistente no resto da temporada. Sobre todo na segunda metade, o equipo de Tito Ramallo machacou á contra a un Racing de Ferrol demasiado timorato nun día no que estaba obrigado a ir con todo polos tres puntos. Iván Pérez, Chirri e Guille marcaron os tres goles coruñeses. O Fabril, con todo, malia esta vitoria, non puido evitar o seu descenso á Terceira División. Necesitaba que o Ciudad de Santiago sacase algún punto da súa visita ao filial do Racing de Santander, mais o equipo de Luisito caeu por 1-0 no Sardinero. O Fabril pode, con todo, axudar ao Racing na última xornada. Todas as opcións de que o Racing acabe entre os catro primeiros pasan por gañar o seu partido na casa ante, precisamente, o Racing B, e que os coruñeses saquen alomenos un empate na súa visita ao Zamora, actualmente cuarto clasificado. Entre os catro primeiros, porén, tamén podería estar o Celta B, quinto  cun punto máis co Racing e que pecha a temporada xogando nas Llanas ante o Sestao River. Onte acadou no Barreiro unha meritoria vitoria ante o Lemona (2-1). Triste foi o adeus do Pontevedra á temporada en Pasarón ante o Zamora. Yuri marcou e mandou calar aos seareiros cun feo xesto. Porén, os granates baixaron o pistón tras o descanso e sumaron unha nova e vergonzante derrota. Por último, o Lugo perdeu en Xixón ante o Sporting B por 1-2. (Foto da web do Racing de Ferrol)

DESASTROSO NEWCASTLE

O Newcastle ten tres xornadas para intentar eludir o descenso. Obxectivo realmente complicado visto o nivel de desconcerto ao que chegou o equipo tras a chegada ao banco de Alan Shearer. O mítico goleador non tiña experiencia algunha como técnico e a súa xeira de resultados está sendo desoladora. Suma apenas dous puntos en cinco partidos e un único gol. Alén dos marcadores, o verdadeiramente triste é comprobar ata que punto o fútbol do Newcastle, con grandes xogadores, é un auténtico desastre. Non hai sistema. Apenas unha chea de dianteiros agardando inmóbiles por un balón que nunca chega pois non existe centro do campo, malia o encomiable esforzo de Nicky Butt por poñer algo de criterio nun polo agónico e descabezado. Non é de estrañar, pois, que a defensa, con Bassong e Coloccini, e Duff de lateral esquerdo! sexa un auténtico flan. Faltan tres xornadas e a salvación márcaa o Hull City, que está a facer un último treito do campionato penoso, a tres puntos. O Newcastle está obrigado a gañar cando menos un partido –o próximo ante o Middlesborough, outro clásico en apuros, antóllase crucial- e agardar porque tropece o conxunto de Phil Brown. Non poderá queixarse o equipo de Shearer da falta de apoio, co terceiro estadio da premier en aforo cheo cada domingo, e cun público sorprendentemente fiel malia a desastrosa temporada. Pero os xogadores andan coas pernas encollidas e a cabeza quente, como Joey Barton, que foi expulsado o domingo ante o Liverpool despois dunha arrepiante entrada a Xabi Alonso, e Alan Shearer demostra cada domingo que o cargo de adestrador venlle grande aínda. Sería inxusto acusar a Shearer do descenso, se se produce, do equipo, despois dunha temporada que se iniciou xa co pé cambiado, cunha gravísima crise institucional que pouco a pouco foi minando o rendemento deportivo. Mike Ashley, o dono do club, un dos poucos do fútbol europeo que achegou ultimamente algo de líquido ás arcas deportivistas despois de levar a Coloccini e Xisco, semella un capitán chiflado á fronte dun trastlántico que logo afunde. Desbordado, deixouse levar polo instinto populista, culminando coa fichaxe sorprendente de Shearer. Mais as miragres no fútbol, polo xeral, non existen. Canto a loita polo título as cousas seguen igual. Por segunda xornada consecutiva os catro de arriba gañaron os seus partidos. E iso que Chelsea, Arsenal e United reservaron as súas pezas máis prezadas de cara á xornada de Champions. (Foto collida en The Independent)

CELTICS E HAWKS COMPLETAN O CADRO

Finalmente pasaron os Celtics. Rematou unha serie histórica que acumulou ata sete prórrogas. O campión accede a semifinais despois dun sétimo partido máis plácido (99-109)que os precedentes no que o escaso acerto no tiro dos Bulls foi decisivo. Ben Gordon foi o máximo anotador do seu equipo con 33 puntos, inda que apenas un 7 de 23 en tiros de campo que compensou cun espectacular 15 de 15 en tiros libres. Nos Celtics, pola contra, todos os xogadores imprtantes estiveron no seu nivel, inda que sen destacar especialmente e funcionou, sobre todo, a segunda unidade, que foi fundamental no 11-29 de parcial no segundo cuarto. Eddie House fixo un pleno (4 de 4) en tiros de tres. En Chicago botouse en falta a anotación dos homes altos. Miller e Noah apenas sumaron entre os dous 16 puntos e a diferencia de anotación na pintura foi determinante (18 para Chicago, 44 para Boston). Os actuais campións chegan finalmente as semifinais de conferencia, onde se cruzarán con Orlando nunha serie de prognóstico incerto. Haberá que ver, ante todo, como resisten físicamente os veteranos Celtics a acumulación de minutos nesta serie, que coas súas sete prórrogas é a de máis minutos xogados na Historia. Chicago, pola súa banda, volve a casa coa satisfacción do traballo ben feito e o soño de volver á carga o próximo ano quen sabe se con Dwyane Wade no plantel. (Xogador do partido: Ray Allen)
Os Hawks acceden ás semis. Finalmente Atlanta será o rival de Cleveland nas semifinais de Conferencia. Venceron (78-91) no sétimo partido aos Miami Heat. O escolta Joe Johnson, moi discreto durante toda a serie, erixiuse por fin líder do seu equipo e con 27 puntos (6 triples de 8 intentos incluídos) foi a peza fundamental para derrotar aos de Florida, cuxa resposta limitábase apenas a Dwyane Wade, insuficiente para opoñerse a uns Hawks superiores fisicamente e nos que alén de Johnson, tiveron unha actuación destacada Josh Smith ou Flip Murray, sempre importante na súa achega dende o banco. Dende 1999 que a franquía de Atlanta non superaba a primeira rolada dos playoffs. Non parece que poida ir moito máis aló pois agarda Cleveland Cavalies, insaciables durante toda a temporada e descansados despois de botar aos Pistons en catro partidos. (Xogador do partido: Joe Johnson)
(Foto da web da NBA)

UNHA EXHIBICIÓN PARA A HISTORIA

Debo recoñecer que até pensei que o Real Madrid, que viña dunha xeira tan espectacular de resultados, demostrando un espírito gañador tan encomiable, podía gañar o partido. O Barça chegaba coas dúbidas do partido da Champions ante o Chelsea, a primeira vez que un rival soubera anular o seu espectacular xogo ofensivo. E o partido do Bernabeu chegaba no peor momento. Perder significaría ter comprometido en apenas catro días o éxito en dúas competicións e iso é algo, que por outros lares, axuda a encoller as pernas mesmo dos máis grandes. Pero non foi tal! O Barça fixo a maior exhibición futbolística que se recorda no fútbol europeo, posiblemente, nos últimos vintecinco anos. Foi un espectáculo inesquecible, que xa está gardado na retina dos afeccionados de por vida. Un partido que engrandece a futbolistas como Messi, Iniesta e Xavi á altura dos máis grandes da historia deste deporte e ao Barça, como colectivo, como o equipo máis brillante que un atopa pescudado nunha memoria futbolística que xa comeza a ser extensa por mor da idade. Entre o Barça e o Madrid houbo un abismo inmenso. Parecían profesionais xogando contra un equipo de instituto. E non porque o Madrid resultase cativo de máis, senón porque a excelencia culé non é deste mundo. Xavi, Iniesta e Messi decidiron que xuntos polo medio podían facer estragos cantas veces quixesen, e así foi. E iso que o Madrid marcou primeiro e se encheu de ilusión. Podemos obviar a crónica estrita do xogo. Sería un relatorio inabarcable de ocasións de gol de toda caste, rematadas en gol ou en intervencións miragreiras de Casillas, que si., foi con moitísima diferencia o mellor do seu equipo. Pero o realmente importante é que o xogo foi de tal nivel que merece estar nun museo sobre o fútbol na vitrina da obra máis prezada. Alén do excelentísimo estado de forma de Henry, do espléndido partido de Piqué na defensa e, en xeral, do impecable engrenaxe colectivo dos cataláns, tres xogadores relocen especialmente. Leo Messi está chamado a ser un dos cinco grandes do fútbol, como Maradona, Cruyff, Pelé ou Di Stéfano e Xavi e Iniesta, brillantes no individual e no colectivo, merecen moito máis recoñecemento aínda do que devagar foron adquirindo no fútbol mundial. Cando se xuntan os tres, o fútbol alcanza un grao tal de beleza e plasticidade que é imposible non converterse. Un agradece todos os Hércules Casttellón que viu na súa vida só por un día poder presenzar un espectáculo das características do do sábado. Pouco máis se pode dicir. Énchéseme a boca de palabras demasiado rimbombantes e nunca foi cousa da que gustase. Apenas dicir que o Real Madrid saiu evidentemente retratado. Logo baixou os brazos ante unha superioridade tan grande. Alén de Casillas, o seu mellor xogador foi o árbitro que cortou, supoñemos que de xeito involuntario, até tres contras claras do Barcelona. Pero inxusto sería que alguén saque conclusións precipitadas despois do partido. Hai días nas que certos debates resultan impertinentes. O Barça vai gañar a Liga. Será o campión máis merecido da Historia. Será lemrado sempre. Queda por ver, porén se esta brillantez será cousa dun ano ou se os cataláns conseguirán iniciar unha hexemonía de cando menos un lustro. Oxalá, en todo caso, que este equipo dure por moito tempo. (Foto da web da UEFA)

DESTA VEZ FOI O ÁRBITRO

Poderiamos excusar escribir sobre o Celta pois talvez o que pasa arredor deste equipo non sexa tanto cousa de futboleiros como de expertos no paranormal tipo Íker Jiménez. Xa no anterior artigo falamos do incomprensible que é ver como unha semana si e outra tamén os de Eusebio botan a perder partidos que aparentemente tiñan dominados, con amplas vantaxes no marcador. Falabamos de tendenzas autodestrutivas, dun problema de cariz psicolóxico, depresivo, patolóxico... Pois ben, o que lle faltaba ao Celta agora é que o día en que as cousas parecen endereitarse un bocado, no que o equipo dá mostras de bo xogo e seriedade táctica, no que parece andar sobrado de actitude e de confianza, sexa o árbitro o que se encarga de botalo todo abaixo. A visita a Anoeta era un partido complicado, ante un auténtico clásico que decidiu renunciar a toda opción de retornar a primeira dende que confiou en Lillo, ese personaxe verdadeiramente esperpéntico que logo de sorprender cunha magnífica temporada no Salamanca creuse tanto o personaxe que arredor del crearon os medios de comunicación que nunca máis deu pé con bola, obsesionado coas súas teorías que querían converter este xogo centenario nunha sorte de pseudociencia, ou de recital poético. Repetindo co esquema dos cinco defensas, con Jonathan Vila no mediocentro -un xogador que parece imprescindible neste Celta con tan pouco criterio-, con Trashorras no banco e con Dinei, Ghilas e Dani Abalo na punta, o equipo deu unha grande imaxe. Foi moi superior á Real e no descanso xa levaba un 0-2 de vantaxe que se antollaba curto vistos os méritos duns e doutros. Quedaba por ver se no segundo tempo o Celta era capaz de manter o tipo ou se como era habitual, agromarían os medos e as dúbidas habituais. Mais non. O Celta seguiu xogando igual, mesmo o controvertido Rubén fixo un partido moi serio, e non cometeu ningún dos seus habituais erros defensivos. Mais apareceu un personaxe inesperado: o árbitro. O colexiado Ceballos Silva foi o elemento que estragou desta vez todo o esforzo colectivo dos celestes. No minuto 58 pitou penalti por man de Peña na área. O boliviano tíñaas pegadas ao corpo. o problema é que non só pitou o árbitro a pena fatídica senón que deixou ao Celta con dez. Abreu marcou o penalti. O Celta non se viu abaixo ata que no minuto 70 o árbitro expulsa a Dani Ábalo por un cobadazo nun salto sobre Aranburu. Demasiado castigo para unha acción das que se ven unha chea nun partido. Con dous menos o Celta aínda resistiu dignamente, mais a Real achuchou e o turco Necati acabou marcando o empate e confirmando que tanto ten o que aconteza no partido que o Celta, por unhas razóns ou por outras, acabará sempre perdendo os tres puntos. (Foto da web do Celta)

A IRRUPCIÓN DE ANDREA PECILE

O Breogán acadou unha vitoria importantísima en Tenerife na cancha do Ciudad de La Laguna. Pódense salientar tres aspectos fundamentais da vitoria. O primeiro foi a capacidade de sufrimento do equipo, que remontou un marcador de nove puntos en contra no remate do terceiro cuarto. A segunda é que unha vez máis Brian Cusworth estivo inmenso, demostrando porque é o xogador que acumula maior valoración na competición. Fixo 25 puntos e 10 rebotes. A terceira é que por fin irrumpiu o gran baloncesto do italiano Andrea Pecile, que fixo o seu primeiro gran partido coa camisola breoganista e tras recuperarse dunha lesión. Anotou 19 puntos cun decisivo 11 de 11 dende a liña de tiros libres. É fantástico saber co italiano estará a ton para as eliminatorias polo ascenso. Como contrapartida, alén de Cusworth e de Pecile actuación discreta do resto do equipo que sufriu demasiado (os canarios erraron un triple sobre a buguina no ultimo suspiro) para superar a un equipo inferior. Os lugueses practicamente confirmaron o cuarto posto no remate da Liga Regular.
Pola súa banda, o Rosa segue a súa particular loita por non rematar no último posto. Volveu dar a cara (88-84) nunha cancha complicada, en Málaga, ante o Clínicas Rincón, nun partido no que Taylor monopolizou o xogo ofensivo dos santiagueses. Insuficiente, en todo caso, para superar un rival no que estivo inmenso o pívot brasileiro Paulo Prestes, con 28 puntos e 11 rebotes. (Foto de Pecile da web do Breogán)

VANTAXE PARA SHAKHTAR E HAMBURGO

O Shakhtar Donetsk toma vantaxe na semifinal ucraniana da UEFA despois do empate a uns no estadio olímpico de Kiev. Tanto o Dinamo de Yuri Semin como o Shakhtar de Mircea Lucescu, demostraron que se chegaron tan lonxe na competición non foi tanto por unha cuestión de sorte, como de auténtico merecemento. Trátase de dous equipos moi ben traballados no colectivo e con grandes individualidades. No Dinamo destaca especialmente Milevskiy, un mediapunta de inmensa calidade e carácter gañador. Por el pasan practicamente todos os balóns de ataque do seu equipo. Ten unha capacidade innata de conservar o balón de costas e agardar polo pase máis intelixente a un compañeiro, ademais de instinto de cara a porta. Nunha ocasión inventou un pase xenial en apenas unha baldosa da área que non aproveitou o seu compañeiro Aliev de miragre. Da man pois de Milevski, o Dinamo dominou o primeiro tempo. Dispuxo de varias ocasións, grazas tamén a loita incansable de Bangura arriba e ao excenlete disparo dende fóra da área de Aliev. Precisamente, un destes disparos desviouno o xusto o central Chiginsky para confundir o seu gardarredes Pyatov. Pero o Shakhtar é un equipo con xogadores coa veteranía suficiente como para non se achicaren por mor dun gol do contrario. Unha vez foron capaces de conter o agresivo xogo inicial dos da capital, logo se activaron os brasileiros para ter o balón e comezar a chegar mediante o fútbol combinativo á porta de Bogush. Lucescu atopou no banco o gran revulsivo: o brasileiro William que así que entrou no campo destrozou coa súa velocidade a banda esquerda do Dinamo. Nun pase en profundidade de Srna, William aproveitou para gañar a liña de fondo e darlle un pase da morte a Fernandinho para que marcase o empate. O Shakhtar seguiu sendo mellor ata o remate do partido, se ben o equipo de Semin seguía ameazando de cando en vez, grazas sobre todo á calidade do xa citado Milevsky. Finalmente o Shakhtar afrontará a volta cun resultado positivo e coa posibilidade de aproveitar a súa velocidade á contra. No Dinamo, en cambio, confían en demostrar a súa hexemonía no seu país e Milevsky mediante, darlle a volta a eliminatoria para volver xogar unha final europea.
Na outra semifinal entre equipos alemáns, o Hamburgo puxo de cara a eliminatoria ao gañar 0-1 no campo do Werder Bremen. Os hanseáticos están a completar unha magnífica temporada. Da man de Martin Jol converteuse nun equipo rochoso con pólvora no contraataque. Foi así que nos primeiros minutos, malia o aparente dominio do Werder, o Hamburgo xa dispuxo de varias ocasións, grazas a velocidade de Guerrero, Trochowski, Pitroipa ou o infatigable Ivica Olic. Nunha destas Trochowski (min.27) marcou o gol da vitoria. O polaco xa fora protagonista na ida dos cuartos ante o Manchester City. O Werder intentouno a partir de aí, pero o Hamburgo estivo moi serio atrás e demostroulle ao rival que non debía descoidar a retagarda pois inda houbo moitas outras ocasións ao contragolpe. E máis que poderá ter na volta, na que haberá que ver a capacidade do Werder para demostrar a súa calidade e veteranía. (Foto da web da UEFA)