04/05/2009

LASSAD, ARANZUBIA E OS TRES PUNTOS

O Dépor gañou un partido que o pon a dous puntos de UEFA e tamén da Champions. Foi, con todo, un partido moi diferente ao da pasada semana en Málaga. Se na Rosaleda o Dépor foi claramente superior e mereceu a vitoria, onte podemos darnos cun canto nos dentes de conseguir os tres puntos, pois os pucelanos dispuxeron, sobre todo no treito final do partido, dunha chea de ocasións para o empate que só frustraron a fortuna e un espléndido Dani Aranzubia. O partido comezou ben, marcando cedo. Unha vez máis funcionou a conexión entre os dous dianteiros. Nun centro a área Bodipo asistiu maxistralmente a Lassad, que controlou con frialdade no punto de penalti, dispuxo o balón para o remate e mandou un trallazo coa zurda imparable para Asenjo. Tendo en conta a importancia dos tres puntos as cousas non podían ir mellor, co marcador a favor ante un rival que non se xoga nada a estas alturas do campionato. Pero iso, precisamente, a falta de tensión, foi o principal argumento do equipo de Mendilibar que, con inusitada calma, decidiu ter o balón e non escatimar as oportunidades de chegar á area contraria. Na primeira media hora do xogo fóronse facendo devagar co control do balón e ante a falta de agresividade do Dépor, que apenas era capaz de facer unha falta e permitiu ata catro disparos claros dende a frontal da área. A mobilidade de Pedro León, Ogbeche ou Canobbio e o bo criterio na saída do balón dos mediocentros Borja e Álvaro Rubio, orixinaron moitas dúbidas nun Dépor que preferiu agardar por opcións para armar boas contras. Nunha puido sentenciar Bodipo despois dunha gran xogada en banda de Lassad. O marsellés mandou o centro que o sevillano perfilou de medo, pero Asenjo fixo unha excelente intervención e evitou o segundo. Coas mesmas dúbidas comezou o segundo tempo. O Valladolid puido marcar nun cabezazo de Ogbeche que Aranzubia enviou a córner na súa parada, talvez, máis espectacular da temporada. Ao cuarto de hora da reanudación o Dépor conseguiu conter durante un tempiño aos pucelanos. Inda que sen frescura nos homes de arriba, Lassad, coa súa calidade para xogar de costas e combinar cos compañeiros mellor desmarcados, abondou para xerar perigo na porta contraria. Faltou pegada e Mendilibar restruturou as súas pezas. Decatouse de que a banda dereita era un coladeiro ante a falta de axudas a Manuel Pablo e meteu a un atacante, Óscar Sánchez, por ese carril. Do mesmo xeito, puxo no campo o gra verdugo do Dépor nos últimos anos, Víctor. Só escoitar o seu nome por megafonía produciu arrepío en Riazor. Na punta de ataque sitouse un tipo de case dous metros: Pedro Oldoni, que gañou todo o xogo aéreo. Os últimos quince minutos foron un recital do Valladolid ante un Dépor canso e tácticamente roto. Ata cinco ocasións moi claras tiveron para empatar os branquivioletas. Aranzubia unhas veces e a fotuna outras permitiron que o Dépor amarrase finalmente os tres puntos que, vistos os resultados da xornada, poñen ao equipo nunha situación inmellorable para loitar pola UEFA e mesmo pola Champions League. Os dous obxectivos a día de hoxe están a apenas dous puntos.

2 comentários:

  1. Saúdos Merk. Estes días non te puiden ler porque estiven liado co novo deseño do meu blog. Xa estás de novo enlazado, levabas unha semana sen estalo, perdoa.
    Segue así co blog, un sitio imprescindible para saber e atopar boa información deportiva, e en galego ademáis, que iso sempre está moi ben.
    Que saibas que te sigo lendo con moito gusto.
    Saudos de Lemos 1923

    ResponderExcluir
  2. Moitas gracias, señor. Agradécese o comentario. A verdade é que eu ando moi liado ultimamente e non podo actualizar o blog tanto como quixera. Tampouco teño moito tempo para entrar nos outros blogs. En todo caso, logo virá o acougo. E que saibas que tamén eu che leo con gusto inmenso. Por certo, espero que eses rumores que se escoitan sobre o futuro de clube tan senlleiro como o Lemos non sexan máis ca iso, rumores. UNHA APERTOLA.

    ResponderExcluir