04/05/2009

SISKAUSKAS ACABA CO BARÇA

A espectacular exhibición do lituano Ramunas Siskauskas frustrou os soños europeos do Barcelona. Anotou 29 puntos, deles 18 no último cuarto no que lle entrou todo canto practicamente intentou. Foi, abofé, unha desas actuacións individuais que deciden un partido (78-82). No Barça, en cambio, fallou Juan Carlos Navarro, quen no segundo cuarto sumara xa tres faltas que condicionaron a súa presenza no resto do xogo. Con todo, David Andersen, despois dunha temporada algo irregular, reivindicouse por fin o día necesario e ante o seu ex-equipo. Especialmente no primeiro tempo liderou o xogo dos seus que gozaron dunha cómoda vantaxe no marcador. Fixo 24 puntos cunhas excelentes porcentaxes de acerto. Os cataláns foron mellores durante os tres primeiros cuartos, contendo en defensa o talento moscovita e con notable acerto no tiro. Mais o CSKA é un equipo especialmente competitivo. Ettore Messina gañou as nove últimas semifinais que disputou de Euroliga. O seu aliado desta volta foi Siskauskas, grandísimo xogador, deses que sen atraer en exceso os focos cara el, fanno todo ben. Ante a inoperancia ofensiva dos seus compañeiros decidiu tirar do carro e foi determinante. Os cataláns non souberon frealo e acabaron vendo como un ano máis van morrer na beira sen consumar o soño europeo que este ano vían moi cerca.
O rival do CSKA na Final será o Panathinaikos, que gañou (82-84) o seu derbi ante Olympyacos. Foi un partido brillante que non se decidiu ata a última xogada. O Panathinaikos apostou de inicio por un xenial Pekovic para facer dano na pintura. Inchouse a anotar e, do mesmo xeito, forzou varias persoais dos homes altos do Olympiacos, no que foi unha clave do partido, pois no segundo tempo foi Batiste que aproveitou os apuros defensivos dos homes altos do rival. Pekovic anotou 20 puntos e Batiste 19. Canda eles destacaron Spanoulis e Jasikevicius, se ben é certo que todo o xogo dos verdes limitouse a estes catro homes, mentres que Olympiakos acertaba máis nas rotaciós. Baixo o ruxibao de dúas afeccións enfervorizadas, os dous equipos competiron apaixanodamente ata o final. Bourousis puido empatar o partido mais errou na última xogada. Reedítase a final de 2007. Zeljko Obradovic aspira ao seu sétimo título. Messina ao seu quinto. (Foto da web da Euroliga)

Nenhum comentário:

Postar um comentário