05/02/2009

O EVERTON SUPERA O LIVERPOOL NA COPA

O Liverpool e o Everton enfrontáronse onte no partido de desempate da cuarta tirada da Copa Inglesa. O Everton impúxose na prórroga cun gol dun rapaz de 19 anos, Ryan Gosling. O Liverpool, pola súa banda, acabou o partido cun home menos por expulsión de Lucas Leiva, e perdeu por lesión ao cuarto de hora o seu home máis importante, Steve Gerrard, o alcance de cuxa lesión aínda se descoñece, polo que podería ser un grave contratempo para o equipo de Benítez de cara ao futuro, no que agarda entre outros moitos partidos a eliminatoria de oitavos da Champions contra o Real Madrid. O Everton demostrou unha vez máis que é un dos equipos máis consistentes da Premier. Ao igual co Aston Villa, do que xa falamos noutra ocasión, é un proxecto moi sólido que da man do técnico David Moyes medra devagar ano tras ano, polo que só lle falta un pequeno salto de calidade para meterse entre os catro grandes da Premier. Este ano, de feito, de non ter perdido os tres primeiros partidos disputados en Goodison Park, estaría na táboa, ao igual co Aston Villa, en postos de Champions. O Everton é un equipo defensivamente inexpugnábel e o seu principal déficit é a dificuldade para meter goles, no que dependen en boa medida do seu punta principal Yakubu, actualmente mancado, do oportunismo do australiano Chaill, da inspiración do guipuscoano Arteta ou da achega goleadora dos seus defensas, sobre todo o gran Joleon Lescott.

Nenhum comentário:

Postar um comentário