05/02/2009

PARTIDAZO DE DUSCHER

O Sevilla gañoulle onte con apuros ao Athletic na ida das semifinais de Copa (2-1), cun gol de Lautaro Acosta no último minuto. O Athletic fora ao descanso con vantaxe no marcador grazas a un gol de Llorente de cabeza após un corner, e logo dun primeiro tempo marcado polo mal estado dun terreo de xogo enchoupado por mor da chuvia. Despois do descanso, e co campo en mellores condicións, apareceu o Sevilla en todo o seu esplendor. É o Sevilla un equipo que cando alcanza a plenitude no seu xogo é sencillamente imparable. Jesús Navas rompeu a Koikili cada vez que intentaba o desborde. Kanouté deu unha vez máis unha lección de xogo de costas á porta contraria, e co Athletic cada vez máis pechado na súa área, os sevillistas chegaban por todos lados. Neste senso hai que salientar o partidazo de Aldo Duscher. O ex do Deportivo, dende que deixou Riazor é un xogador con moitísima máis chegada. Demostrouna con case unha ducia de goles no Racing, e onte, por exemplo, cun soberbio partido no que chegou dende atrás para marcar, despois dun rexeite, o gol do empate do Sevilla, e máis cun par de sorprendentes pases ao oco para Kanouté. O resultado, a priori, tampouco é malo para o Athletic, que vivirá unha xornada de paixón ante a súa torcida en San Mamés, pero mal farían os de Caparrós en confiarse. De feito, non lles viría mal ver os vídeos dos tres partidos do Sevilla contra o Deportivo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário