13/04/2009

A UEFA MIRA PARA ALEMAÑA E UCRANIA

Ucranianos e alemáns dominan as súas eliminatorias de cuartos de final da UEFA despois dos partidos do xoves. O Shakhtar Donetsk visitará o Velodróme de Marseille cun excelente resultado ao seu favor (2-0). O marcador final é demasiado duro para os franceses, que en ningún momento especularon e buscaron o gol con decisión. Porén, o Shakhtar é un equipo sólido e veterano que se está a manexar con moito oficio na competición. Os seus seareiros, o seu técnico Mircea Lucescu e os propios xogadores saben que están nunha temporada histórica, na que se aventa a posibilidade de algo grande. Saíron os ucranianos dispostos a marcar cedo, dominando o xogo e gozando de claras ocasións. O gardarredes do Olympique, Mandanda, tivo varias intervencións de moito mérito e impediu o gol en varias ocasións, a máis clara un disparo de Fernandinho aos dous minutos de comezado o partido. Pouco a pouco os marselleses fóronse desfacendo da presión do Shakhtar e comezaron a chegar con perigo á area contraria, onde bateron con outro bo porteiro, Andriy Pyatov, que detivo un extraordinario disparo de 'Bolo' Zenden que cheiraba a gol. O pao tamén se aliou cos ucranianos ao repeler un disparo de Niang pouco despois. Cando mellor xogaban os de Erik Gerets, marcou o Shakhtar. O veterano checo Tomas Hubchsmann, central reconvertido en mediocentro, aproveitou un rexeite na área para marcar o gol que abría o marcador a falta de seis minutos para o descanso. O Olympique volveu procurar insistentemente o gol na reanudación. Novamente Pyatov erixiuse en heroe dos ´laranxas´ ao parar milagrosamente un cabezazo de Hilton e o rexeite posterior de Cana. Os franceses enxergaban o empate pero logo máis unha vez, cando mellor xogaban, encaixaron un novo gol. O talentoso mediapunta brasileiro Jadson culminaba unha contra e establecía o 2-0. Mandanda, nunha grande intervención impediu que Luis Adriano marcara o terceiro pouco despois, o que tería sido un duro mazazo para os franceses, que ata o remate seguiron intentado, mais sen éxito, marcar un gol que lle dese cando menos un novo cariz ao partido de volta. 
O outro equipo ucraniano en cuartos, o Dinamo de Kiev, acadou tamén un resultado positivo da súa visita ao Parque dos Príncipes de París. Empatou, inda que sen goles (0-0), ante o Paris Saint Germain nun partido no que, malia o dominio dos locais, dispuxeron tamén dalgunha ocasión para volver a Ucrania con maior renda. Paul Le Guen deixou de inicio no banco a dous dos seus xogadores emblemáticos: Makelele e Giuly, pero o PSG dominou claramente a posesión da bola no inicio, co Dinamo moi atrás. Porén, ao pouco, os de Yuri Semin comezaron a asomar con perigo pola área contraria grazas á calidade de Milevskiy e Aliyev. O PSG recuou un anaco e no resto do partido o temor a encaixar un gol foi maior có atrevemento para marcalo. Cara o treito final do xogo, o cansanzo fixo algo máis de mella nos dous bandos e sucedéronse ocasións nas dúas porterías mais o marcador permaneceu inamovible. O 0-0 favorécelle en principio aos ucranianos, pero os franceses xa veñen de superar unha eliminatoria co mesmo guión ante o Sporting de Braga. 
No Hamburg Arena, os seareiros alemáns quedaron fríos cando aos 35 segundos Stephen Ireland adiantaba ao Manchester City despois dun magnífico cambio de sentido de Robinho. O gol fíxolle máis mal que ben ao equipo de Mark Hughes pois axiña se encerraron na súa área a conservar o resultado. Os alemáns insistiron e acabaron derrubando a muralla despois de que o holandés Mathijsen cabeceara a gol un corner lanzado por Trochowski no min.9.  Despois de moitas máis ocasións a remontada culminábase no 63 cando  Micah Richards desviaba coa man un remate do propio Mathijsen. O penalti transformouno Trochowski. O acoso mingou un bocado pero o City apenas ameazaba á contra a porta de Frank Rost. Parecían contentarse co 2-1 e pagaron cara a súa falta de ousadía, pois máis unha vez Trochowski aparecía para enviar un centro á testa do peruano Guerrero que no 79 puña a eliminatoria moi de cara para o seu equipo (3-1). O City deberá facer unha proeza no seu estadio onde o seu rendemento mellora notablemente con respecto aos seus partidos a domicilio. Porén, o Hamburgo é o gran favorito pois conta cun equipo moi traballado e laborioso mais non exento de calidade dirixido con mestría por Martin Jol dende o banco. 
O outro equipo alemán, o Werder Bremen, superou no Weserstadion ao Udinese (3-1). O partido foi igualado e acabouno desequilibrando a inmensa calidade do brasileiro Diego cun gran gol dende a frontal aos 34 minutos de partido.Os do Friuli puideron empatar antes do descanso pero Quagliarella desperdiciou dúas boas ocasións. O segundo tempo tamén estivo marcado pola igualdade e novamente rompeuna o ex do Porto Diego cun gran gol. Sen tempo para reaxir, o portugués Helder Postiga marcaba o terceiro que puña moi costa arriba a eliminatoria para os de Pasquele Marino. Con todo, os branquinegros poden respirar grazas ao gol serodio do napolitano Quagliarella. (Foto da celebración de Hubschmann, do Shakhtar, na web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário