05/04/2009

O PORTO REMONTA EN GUIMARAES

O Porto afiánzase no liderato e mételle presión a Sporting e Benfica de cara aos seus partidos de hoxe, despois de gañar en Guimaraes superando unha situación complicada pois os vimaranenses chegaron con vantaxe ao descanso. Jesualdo Ferreira sacou un once inicial no que reservou os seus internacionais sudamericanos Lucho González e Cristian Rodríguez. Hulk, Mariano Gonzalez e Farías ocupaban a fronte de ataque. No centro do campo, coma sempre, a batuta era para o Raul Meireles escoltado por Fernando e Tomas Costa. E Raul Meireles dende o principio manexou o partido ao seu antollo, sendo xenerador dun par de ocasións claras dos portistas que salvou o gardarredes do Vitória Nilson con excelentes intervencións. Os de Manuel Cajuda tardaron alomenos un cuarto de hora en entrar no partido, o que tardou o media punta Nuno Assis en atopar o balón. O 10 do Vitória foi o xogador máis destacado do seu equipo, movéndose libremente entre liñas xerou moitas dúbidas na defensa do Porto. Nunha destas atopou a Milhazes, o lateral esquerdo, que se incoporaba por banda e deulle o balón para que este centrase e Roberto marcase o 1-0. O gol deixou un pouco atordoado ao Porto. Co Vitória máis repregado non había os mesmos espazos e Hulk e Mariano González facían a guerra pola súa conta. O Vitória ata o descanso deu sensación de dominio e mesmo dispuxo dalgunha ocasión máis para ampliar a vantaxe no marcador. O Jesualdo Ferreira agardou ao descanso para repensar o partido. No segundo tempo o Porto fíxose co balón outravolta, Raul Meireles ofrecíase seguido e facía sempre o máis sencillo. Mariano e Hulk desbordaban agora si con máis facilidade e o Vitória xa non amosaba os dentes. Nunha destas o Meireles puxo un centro xenial na cabeza de Farías e este rematou cun bo xiro de pescozo axustando ao pao. Era o empate, que chegara sen facer demasiado ruído. Con todo, parecía un resultado xusto. Demasiado cruel foi en cambio o segundo, pouco despois, nunha xogada na que se aliaron a fortuna e a pillería do Mariano González. Con 2-1 Manuel Cajuda queimou as súas naves e encheu o ataque de dianteiros. O Vitória botoulle casta inda que o Porto dominou a situación con certo acougo. Contra o final, dun corner chegou o 1-3 despois dun excelente remate de cabeza de Rolando. O Sporting xa está a sete puntos e o Benfica a oito e teñen hoxe complicados partidos a domicilio. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário