02/04/2009

PROCURANDO O MELLOR CRUCE

A estas alturas da temporada, cos 16 equipos que participarán nos play offs practicamente decididos, queda a intriga por coñecer que posto ocuparan finalmente e polo tanto cales poderán ser os cruces. No Leste, Boston Celtics e Orlando Magic disputan o segundo posto. Os Celtics recuperárono hoxe despois de gañar nun intensísimo partido aos Bobcats que precisou de dúas prórrogas. Como tantas outras veces decidiu un triple de Ray Allen dende un recanto a dous segundos do final para poñer o 109-111 definitivo. Allen estaba so por un despiste defensivo de Gerald Wallace, un despiste que pode costarlle caro a Charlotte nas súas aspiracións por entrar nos play offs. Paul Pierce foi o máximo anotador do partido con 32 puntos. Kevin Garnett non xogou para darlle repouso ao seu xeonllo dereito. Nos Bobcats, malia o erro do final, o máis destacado foi, como contra os Lakers, Gerald Wallace, que anotou 20 puntos e apañou 10 rebotes. Destacable foi tamén a achega do rookie D.J. Augustine cun 4 de 4 en triples. Os Celtics recuperan o segundo posto porque Orlando Magic perdeu (99-95) por fin despois dunha xeira longa de vitorias. Fixérono ante os Toronto Raptors, que xa sen opción algunha de salvar a temporada están a facer estes días o mellor xogo do ano. Levan unha xeira de cinco vitorias seguidas e unha notable recuperación da súa imaxe, que estaba francamente polo chan. Chris Bosh (24 puntos e 12 rebotes), e Shaun Marion (17 puntos e 13 rebotes) foron os líderes do equipo canadense, mentres que polos de Florida Dwight Howard achegou 20 puntos e 11 rebotes. O principal pecado de orlando foi o desacerto nos tiros de tres (7 de 26). Outra loita fermosa é a que manteñen Miami e Philadelphia polo quinto posto de Conferencia, que se cruzaría nos cuartos cos Atlanta Hawks. Os Sixers teñen a oportunidade gañándolle hoxe aos Bucks de roubarlle esa posición a Miami que perdeu na cancha dos Dallas Mavericks (96-98). O base rookie dos Heat Mario Chalmers tivo a oportunidade de darlle a vitoria ao seu equipo pero pecou de novato e cometeu falta en ataque sobre Josh Howard, que levaba media hora agardando por el. Nowitzki con 30 puntos gañou o duelo entre a anotadores a Dwyane Wade que quedou en 23. Os Pistons, pola súa banda, desaproveitaron a oportunidade de afastar as pantasmas despois da derrota dos Bobcats e caeron claramente na cancha dos Nets (98-111). No Oeste todas as opcións son posibles agás o primeiro posto dos Lakers, que gañaron non sen problemas na visita a Milwaukee (104-98). Kobe Bryant anotou 30 puntos e o xogador dos Bucks Ramon Sessions asinou un espectacular triple doble (16 puntos, 16 asistencias e 10 rebotes). O resto das prazas, do segundo ao oitavo son unha incógnita e calquera cousa pode pasar polo que se agardan grandes partidos de aquí ao remate da Liga regular. Os Hornets, de traxectoria errática nas últimas semanas, gañaron na cancha dos Clippers 104-98 con 30 puntos, 14 asistecias e 6 roubos de balón de Chris Paul. Os Rockets perderon en Phoenix (109-114), debido en boa medida ao partidazo de Nash (25 puntos e 17 asistencias). No resto da xornada os Grizzlies gañáronlles aos Wizards (107-112) mentres que, en Oakland, no duelo californiano entre Sacramento e os Golden State Warriors viviuse unha auténtica loucura, 141-143 despois dunha prórroga. O base dos Warriors, Monta Ellis, anotou 42 puntos, colleu 9 rebotes e deu 9 asistencias mentres que para os Kings, Kevin Martin anotou nada menos que 50 puntazos (23 dende a liña dos tiros libres). (A foto de Kevin Martin, que hoxe anotou 50 puntos, da web da NBA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário