18/04/2009

A DEFENSA DO CELTA É UN ESPERPENTO

Non andabamos errados os que pensabamos que a vitoria do Celta ante o Córdoba a pasada semana era un espellismo que non demostraba en absoluto unha mellora notable no xogo dos vigueses. Non tardou o Rayo Vallecano en demostralo. En trece minutos xa gañaba por 3-0 e retrataba a penosa defensa do Celta. Un non entende como Rubén, un auéntico desastre durante todo o ano, alén de ser un xogador que nunca demostrou esas condicións tan boas que se lle supuñan, é o home que máis minutos disputa no equipo vigués. Cada partido comete media ducia de erros gravísimos que abondaría para retirarlle a confianza e apostar por algún outro home. Porén, os acompañantes do santiagué van rotando na zaga céltica e Rubén permanece. Tampouco sería xusto dicir que todos os erros defensivos do Celta son culpa de Rubén, e moito menos, pero si que é o principal expoñente da desastrosa intensidade e orde defensiva dos celestes.Co 3-0 pouco máis podía facero Celta que asentarse cando menos no partido para non levar unha malleira escandalosa, e procurar devagar a bola ante a lóxica relaxación dos vallecanos, para intentar reparar un pouquiño a súa imaxe. Pero poucas novas positivas se poden rescatar do Celta de onte, agás, se cadra, o bo partido unha semana máis de Ghilas que foi o principal argumento en ataque do Celta, se ben desaproveitou no primeiro tempo unha boa asietncia de David Rodríguez. Trashorras, capaz coma sempre do mellor e do peor, dispuxo tamén dunha clara oportunidade cun duro trallazo dende fóra da área que petou no pao. Mais o dominio seguía sendo do Rayo, eufórico pois está en postos de ascenso. Tocaban na frontal con facilidade inusitada e practicamente cada vez que se achegaban á area cheirábase o gol. O cuarto chegou aos dez minutos do segundo tempo, despois duno novo erro defensivo esperpéntico, neste caso de George Lucas, que mediu mal o bote do balón. Con 4-0 o Celta reaxiu e marcou o seu pouco despois,: un auténtico golazo de Ghilas en xogada individual. Pero pouca máis chicha tivo o partido. O Celta agora terá que pensar na importancia de acadar a súa segunda vitoria consecutiva en Balaídos para afastar dunha vez por todas as pantasmas do descenso. Por certo, Falcón onte non estivo moi afortunado, cantou sobre todo no primeiro gol. A decisión de Eusebio de darlle a titularidade en detrimento de Notario, que estaba a ser o mellor xogador do Celta na temporada, é cando menos curiosa. Repetirá para a semana?. (Foto da web do Rayo)

Um comentário:

  1. Que vergoña!!!
    Eu recoñezo que Notario é un dos xogadores máis destacados do Celta durante toda a tempada -o cal amosa a situación do equipo, se Notario, que a min non me convence nada, e Rosada, son o único salvable do equipo se analizamos o rendemento xeral ao longo do ano, é que o resto...-, pero, como te dicía, é un porteiro que se mantén máis por experiencia que por cualidades; non é especialmente bo nas saídas, blocando balóns, non é un prodixio de habilidade... Entendo que queira ver a Falcón, o que non se sabe é se pasou algo máis ou para qué puxo entón Eusebio os partidos entre semana (ou amigables ou contra o filial) ou se, neses partidos, Falcón lle convenceu máis que Notario. Non o sei, o certo é que un cambio de porteiro a 10 xornadas para o final sorprende moito.
    Rubén é unha calamidade. Ten unhas condicións física extraordinarias, pero é unha mostra de como se engrandece a aquel que está fora ou que se forma nos equipos grandes porque é incapaz de conectar a cabeza co balón sen levar por diante a ninguén, torpe nas cobrerturas, porque semella unha locomotora sen freos, cunha cintura máis ou menos semellante á miña, tampouco é capaz de sacar o balón xogado e mestura darlle forte ao balón con facer pases en profundidade ben dirixidos. Inda por riba mestura liderazgo nas declaracións con tópicos e torpezas. Vamos, que se está cubrindo de gloria este ano. Para min que, no seu momento, pensei que era unha grande fichaxe, a maior decepción con moita diferencia do Celta.Unha mostra de como hai que ver moitos partidos dun xogador, e en condicións distintas, antes de xulgalo.

    Lembro unhas famosas declaracións de David Vidal a un brasileiro que tiña -un tal Adriano Luiz ou algo así-, no que dicía "Qué brasileño máis raro". Pois algo así temos nós cos nosos: A George Lucas non o salva nin o falcón milenario nin a forza jedi. Co asunto da lesión que tivo eu dubidaba se precisaba ritmo ou era así, agora xa sei que é así, que xa non hai remedio.
    A dúbida é como será Danilo? Se é o único tío ao que Eusebio nin sequera aliñou, debe ser algo inenarrable...
    Trashorras, ou espabila xa, ou será o próximo Rubén a vindeira tempada, porque está a facer exactamente o mesmo que o Santiagués.

    David Rodríguez é un pedazo de xogador, pero se metese unha de cada cinco oportunidades clamorosas sería internacional. Como falla absolutamente todo, non hai xeito.
    Ghilas xoga soiño, fora de posición e supoño que estará cagándose na persoa que lle aconsellou trocar Guimaraes e a Champions polo 300 mil euros de Vigo
    E xa para rematar, o coitado de Jordi debe estar desexando voltar ao Celta B porque todas as súas vergoñas están quedando ao descuberto cando no filial semellaba un central rochoso, contundente, seguro...
    En fin. Agardo que en Vitoria e Alacante xa o den todo por perdido porque, ou cambiamos o 90% do equipo, e non é broma, o 90% do equipo, ou seremos o primeiro caso no que o equipo filial adianta ao equipo A, e non é unha esaxeración nin un comentario debido a esta situación que máis que vergoña, xa da asco.

    ResponderExcluir