04/04/2009

A VITORIA DO BREO, CONSOLO DO ROSA

O Rosalía a piques estivo de consumar unha remontada memorable ante o líder da Liga, o CB Valladolid, mais non chegou por moi pouco (76-79). Non se lle pode negar a casta ao equipo de César Iglesias, que puxo toda a carne no asador para salvar un partido que moitos outros darían por perdido. Lástima que esa mentalidade non aflorase xa dende o inicio do partido. Os santiagueses encaixaron un parcial de 5-15 nos primeiros minutos e cando se lles concede unha vantaxe semellante no marcador aos grandes equipos é moi difícil darlle a volta. Mais os colexiais intentárono con meritorio esforzo. Taylor, xogando de escolta, asumiu o protagonismo . Foise reducindo devagar a desvantaxe, mais cando parecía que os pucelanos estaban a tiro, os triples de Hernández e Van Lacke volvían abrir a fenda. Chegouse ao descanso cun duro 32-47 que pouco partido presaxiaba para a reanudación, mais non foi tal e o Rosa foi pola vitoria. Montañana e Pavlidis, que se enfrontaba ao seu ex-equipo, fixéronse donos da zona, Taylor e Dedas anotaban e pouco a pouco o pabillón de Santa Isabel comezaba a crer na posibilidade da remontada.No treito final Taylor anotaba dúas triples que poñían o 76-78 a falta de 49 segundos. O xogador do Valladolid Batlle fallou o seu tiro e o equipo santiagués tivo posesión para empatar ou poñerse por diante. Asumiu a responsabilidade Kamrrom Taylor mais errou dende 6,25. Xa non houbo tempo para máis que un tiro libre dos pucelanos que puxeron o 76-79 definitivo. Taylor con 25 puntos e Pavlidis con 13 e 12 rebotes foron os máis destacados. O Rosalía demostrou máis unha vez que malia as súas moitas carencias ten calidade e orgullo abondo para ficar na LEB Ouro, mais a realidade é que avanza a temporada e cada vez vese máis afundido na táboa. Onte, cando menos, os seus dous principais rivais na loita pola permanencia perderon. O Illescas caeu en Lleida e o Gandía en Lugo ante o Breogán (78-67), comandado máis unha vez por un  gran Brian Cusworth, con 29 puntos, 13 rebotes e 30 de valoración. Os lugueses comandaron o marcador dende o inicio pero nunca chegaron a establecer unha distancia suficiente como para estaren tranquilos. Ademais de Cusworth,  destacou o partido do salmantino Dani López que anotou 16 puntos. O Breogán respira despois da preocupante derrota da anterior xornada en Burgos (90-61). O equipo de Valdeolmillos é cuarto na táboa. (A foto de Cusworth de J. Vázquez no Progreso)

Nenhum comentário:

Postar um comentário