08/04/2009

O PORTO EXHÍBESE EN OLD TRAFFORD

É seguro que Jesualdo Ferreira viu o partido do domingo do Manchester contra o Aston Villa (curioso por certo que o United non adiantase ese partido tendo unha cita crucial en Champions dous días despois), porque o Porto é un equipo con moitas semellanzas co equipo de Birmingham que tanto dano lle fixo no primeiro tempo a un United sumido, por mor das baixas e dos resultados, nun estado de certa inseguridade. O Porto saíu a Old Trafford disposto a dominar dende o inicio, procurando seguido a velocidade polas bandas de Hulk e Cristian Rodríguez. No minuto tres xa estivo a piques de marcar Lisandro López cun disparo que desviou a córner Van der Sar cunha meritoria intervención. Dous minutos máis tarde, ‘Cebola’ Rodríguez aproveitaba un mal rexeite da defensa inglesa para adiantar aos seus despois dunha moi boa xogada, amagándolle ao defensor e axustando ao pao cun disparo raso coa perna esquerda. Old Trafford enmudeceu e puido ficar máis atordoado aínda se o Lisandro aproveitase unha nova ocasión clara de gol dous minutos despois. Pouco a pouco o Manchester decatouse de que tiña que reaxir e apelando apenas á calidade dos seus avanzados, meteulle un chisco máis de intensidade ao seu xogo. Foi, porén, un incomprensible agasallo do Bruno Alves o que permitiu o empate dos reds. O de Póvoa de Varzim deulle o balón a Wayne Rooney para que encarase a Helton nun doado 1 contra 1 e estragase a excelente posta en escena do seu equipo. Bruno Alves fixo un partido lamentable. Unha mágoa, porque a súa campaña está sendo extraordinaria. Haberá que ver a súa fortaleza para esquecer canto antes o partido de hoxe. Os seus compañeiros, non obstante, reaxiron ao mazazo con bravura e seguiron achuchando ao United, a base de agresividade no medio campo e velocidade arriba. Jesualdo Ferreira salientou na rolda de prensa posterior ao partido a dous xogadores novos que fan un traballo polo xeral escuro, o centrocampista Fernando e o lateral esquerdo Cissokho, incansables no esforzo. Lisandro, Raul Meireles e Hulk tiveron aínda unhas cantas ocasións para volver adiantar ao Porto. Non facelo deulle ás ao Manchester para se refacer máis unha vez e procurar un gol que amañase o resultado negativo. No segundo tempo o dominio dos locais foi claro inda que o Porto fixo moito dano nalgunha contra illada. Ferguson non recorreu desta volta ao heroe do domingo Federico Macheda, mais volveu atinar co revulsivo, Tévez, que entrou por Scholes mediada a reanudación. Cando o partido parecía abocado ao empate a uns, o Manchester atopaba o premio nun gol do arxentino despois dun excelente pase de calcaño de Rooney. O de Liverpool asumiu hoxe a súa condición de líder ante a gris actuación de Cristiano Ronaldo, que non é a primeira vez que desaparece nunha cita crucial. O 2-1 era moi inxusto visto o que acontecera no partido. Por fortuna, o Porto non renunciou a nada e contra o final Mariano González marcou o gol que puña o 2-2 no marcador, a eliminatoria a favor, e a xustiza no parecer dos afeccionados. O Porto, que xa contra o Atlético de Madrid demostráralle aos xornalistas e afeccionados españois o errados que estaban ao non contaren con eles para o título, onte en Old Trafford demostroullo a toda Europa cunha grande exhibición. A volta no Estadio do Dragão antóllase apaixonante. (A foto da celebración do gol de Mariano na web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário