13/04/2009

O ROSALÍA GAÑA PERO NON AVANZA

Non se lle pode negar bravura ao Beirasar Rosalía, que malia o negro horizonte que enxerga, segue a loitar cada partido como unha final na procura dunha salvación que toma trazas épicas. O venres impúxose (76-80) nun meritorio partido a un Grupo Bégar León que non atravesa o seu mellor momento. César Iglesias apenas dispuxo de sete homes nos corenta minutos pero todos eles renderon a un bo nível. Por riba de todos, unha nova semana, o grego Georgios Pavlidis, líder indiscutible xa do conxunto colexial. Nun equipo cos apuros do Rosa dá gusto ter un xogador coma el, pívot alto poderoso no xogo interior e con luva de seda para os lanzamentos de tres. Anotou 15 puntos e colleu 9 rebotes. Canda el, Miguel Montañana faxouse coma sempre bravamente na zona. O dominio do xogo interior foi unha das chaves da vitoria. Unha boa nova foi ver ao esloveno Sandi Cebular recuperando a súa mellor versión, anotando case todo o que intentou, a diferencia de Taylor, quen a pesar de contribuír á vitoria, presentou unhas pobres porcentaxes de acerto. Por desgraza, a vitoria en León non foi suficiente para avanzar na loita pola salvación pois os dous equipos implicados nesa loita gañaron tamén os seus partidos. O Gandía, que marca a salvación con dúas vitorias máis, gañou na súa cancha ao Vic (70-58), mentres que a gran sorpresa deuna o Illescas que gañou (80-69) 13 semanas despois e nunha situacíon económica e institucional insostible ao Breogán, cuxa regularidade é certamente preocupante e non mellora dende a chegada ao banco de Sergio Valdeolmillos no lugar de Paco García.  Como sempre, a derrota dos lugueses tivo que ver coa boa defensa do equipo contrario á estrela Brian Cusworth, que tivo un partido modesto con 13 puntos e 5 rebotes. Só Alberto Corbacho (17 puntos) e o ferrolán Lucho Fernández (13 puntos e 8 rebotes) deron a cara polos lugueses que encaixaron un vergoñento parcial de 26-10 no segundo cuarto. (Foto de Fernando Blanco en El Correo Gallego)

Nenhum comentário:

Postar um comentário