13/04/2009

HIDDINK SORPRENDE A BENÍTEZ

Cando o bombo decidiu que Liverpool e Chelsea se cruzaran nos cuartos de contado viu á cabeza da maioría dos afeccionados o fermoso duelo entre dous dos mellores técnicos europeos dos últimos anos. Por unha banda Benítez, exultante tras a lección táctica impartida nos oitavos ante o Real Madrid e co equipo embalado á procura do United na Liga. Do outro, lado, Guus Hiddink, que reparou a maltreita imaxe dos londinenses dende a súa chegada, na que apenas coñece unha derrota. Se non fose abondo, o partido era a reedición das semifinais do ano pasado, que gañaron os blues con Avram Grant no banco. E o partido, como era de agardar, comezou co Liverpool achuchando dende o inicio, con esa intensidade que só se entende nun estadio como Anfield. Axiña chegaron as ocasión e o Chelsea defendíase como ben podía. O Liverpool, no inicio dos partidos, é un trebón que logo dobra o paraugas máis recio. Kuyt puido marcar no primeiro minuto. Salvou o defensa serbio Ivanovic. Cinco minutos despois, en cambio, chegaba o gol de Fernando Torres despois dunha excelente combinación entre Kuyt e Arbeloa. Todo saía segundo o plano trazado por Benítez, que quería marcar o segundo canto antes procurando as costas dos defensores londinenses mediante a velocidade de Torres. O Chelsea, entrementres, unha vez recuperado da enxurrada inicial, logo se foi asentando con calma no partido, tendo cada vez máis o balón e creando superioridade na zona ancha onde Benítez botou en falta ao sancionado Mascherano. As cousas igualábanse e inda que o Liverpool seguía dispoñendo das oportunidades máis claras, o Chelsea ameazaba de cando en vez a porta de Pepe Reina. E Hiddink tirou de recursos. O empate chegou a balón parado, a cinco minutos do descanso, cando o serbio Ivanovic cabeceaba a gol adiántandose á despistada defensa do Liverpool. O partido estaba empatado e os dous equipos amosaran xa as súas armas. No segundo tempo, o Liverpool volveu procurar o gol cun novo arreón espectacular. O Chelsea resistiuno mellor desta vez. Amezaou á contra por medio de Drogba, que puido marcar de non salvar Carragher na liña de gol. O susto baixoulle os ánimos ao Liverpool e o partido volveu igualarse. O Chelsea, outravolta a balón parado, outravolta por medio de Ivanovic, marcaba o segundo. O lateral dereito serbio converteuse no protagonista inesperado da noite. Non é o Liverpool un equipo ao que intimide especialmente un gol en contra, pero dous son demasiados, e o Chelsea aos cinco minutos, marcaba o 1-3 despois dunha excelente xogada que culminou Drogba na liña de gol. A esas alturas do partido, estaba claro que Guus Hiddink lle gañara a partida a Benítez. Porén, malia a importante vantaxe do Chelsea para a volta, sería necio dar por pechada a eliminatoria sabendo do espírito competitivo dos de Liverpool. O peor, para uns e para outros, é que logo agarda o Barça. (Foto collida na web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário