04/04/2009

HUMILLADOS EN ORLANDO

Os Cleveland Cavaliers levaron hoxe a maior malleira (87-116) que lembran en moito tempo e ante un rival directo na loita polo título de Conferencia, os Orlando Magic. Os dous equipos chegaban ao partido con propósito de enmenda despois das súas respectivas derrotas ante equipos frouxos (os Cavs en Washington e Orlando ante Toronto) e o partido comezou con igualdade. Ilgauskas e Lebron anotaban nun lado mentres que na cancha contraria os Magic repartíanse as canastras procurando sempre o mellor tiro. Foi no segundo cuarto cando a segunda unidade de Orlando comezou a romper o partido. Cunha magnífica defensa, os de Florida chegaban axiña a canastra contraria e anotaban con facilidade por medio de Anthony Johnson, Battie e Haedo Turkoglu. Aos Cavs, en cambio, costáballes un mundo atopar canastras fáciles. Lebron emperrábase en asumir o liderado do equipo en ataque pero as súas porcentaxe de tiro eran arrepiantes. Chegouse ao descanso con 55-38 e despois do traballo de minado da seguna unidade de Van Gundy, na reanudación a primeira fixo un estrago. Rashard Lewis anotou catro triples en cinco minutos e os Magic marcaron un parcial de 24-4. O marcador (81-42) era xa humillante e os de Mike Brown non tiñan resposta. Ata de 41 chegaron a ir perdendo, algo insólito en toda a carreira de Lebron James. O partido xa non tivo historia e o último cuarto disputárono os xogadores de fondo de armario. A derrota é moi dolorosa para os Cavs que fai tres días andaban co orgullo moi subido. Haberá que ver que efecto teñen as derrotas ante Wizards e Orlando de aquí en diante, se xeneran dúbidas sobre as posibilidades do equipo ou se, pola contra, resultan un revulsivo para que o equipo non volva decaer. Para Orlando, pola contra, é unha grande inxección de moral, mentres perseveran na súa loita polo segundo posto da Conferencia cos Boston Celtics, que non perdoaron no Garden ante os Atlanta Hawks (92-104) nun novo partido sen Kevin Garnett. Kendrick Perkins, sen embargo, estivo xenial achegando 12 puntos, 10 rebotes e sete tapóns. No Leste, Carlotte Bobcats perdeu unha nova opción para asaltar os play offs. Perdeu (97-92), non sen loita, na súa cancha ante Miami Heat, que se recupera na súa loita cos Sixers polo quinto posto. Dwyane wade anotou 27 puntos e deu asistencias. No Oeste, os Spurs e os Blazers foron os grandes beneficiados da xornada. San Antonio impúxose (126-121) no Conseco Fieldhouse de Indiana cun gan partido, coma sempre, de Tony Parker (31 puntos e 10 asistencias) e Duncan (22 puntos e 11 rebotes). Manu Ginóbili vaise tamén reincorporando pouco a pouco a dinámica do equipo e hoxe ofreceu moi bos números (16 puntos, 7 rebotes e 7 asistencias). Portland, pola súa banda, arrasou sen contemplacións Oklahoma (107-72), nun partidazo de Lamarcus Aldridge (35 puntos e 18 rebotes). Portland ponse cuarta superando aos Rockets, que perderon no Staples Center ante os Lakers (81-93). Tamén perderon os Jaz e os Hornets, que están a facer un patético treito final da Liga Regular. Os Jazz mesmo perdena fiabilidade na súa cancha. Perderon (103-102) ante os Timberwolves desaproveitando máis unha vez a vantaxe de dez puntos no descanso e os 34 puntos e 11 asistencias de Deron Williams. Os Hornets, pola súa banda demostraron unha vez máis que non poden aspirar a gran cousa mentres o equipo empece e acabe en Chris Paul e David West, que hoxe anotaron 74 dos 103 puntos do seu equipo. (43 Paul e 31 West). Foi insuficiente para superar os Warriors (103-111), nos que Jamal Crawford anotou 39 puntos. Tampouco os Dallas Mavericks conseguiron a vitoria hoxe anto so Memphis Grizzlies (102-107).  Fóra da loita polos postos de play off, os Suns arrasaron ás "dúas bandas" dos Kings (111-139), con oito xogadores en dobles díxitos de anotación. (A foto de Rashard Lewis da web da NBA).

Nenhum comentário:

Postar um comentário