12/03/2009

O DÍA DE THADDEUS

A día de hoxe, a calquera equipo en crise o mellor que lle pode pasar é que o veñan visitar os Raptors. Os Sixers non é, exactamente, que estean en crise pero si que levan unha xeira errática dende o parón do All Star- veñen de perder en Oklahoma- e necesitaban unha vitoria que lles subira outravolta a moral. A desta madrugada (106-115) ten ese valor pois destacaron especialmente dous homes de traxectoria irregular. Por unha banda, Samuel Dalembert, home fundamental que levaba uns partidos horrorosos e unha falta de compromiso alarmante e que onte acadou a súa máxima anotación da temporada, 19 puntos, e 13 rebotes. Pola otra Thaddeus Young, catro titular dende a lesión de Elton Brand, xogador de segundo ano de inmenso talento que ten que adquirir a continuidade no seu rol protagonista pois condicións tenas de sobra. O de Memphis anotou onte 29 puntos –máximo da temporada- e foi a referencia en ataque dos Sixers que, desta volta, non tiveron que depender en exclusiva do talento de Miller e Iguodala. O crecemento de Young, o compromiso de Dalembert e a explosión definitiva do inmenso talento de Marreese Speights, son elementos decisivos se os Sixers queren aspirar de cara a vindeira temporada a dar un pasiño adiante e converterse nun dos equipos de referencia do Leste. Para iso, tamén é certo, deberíase asegurar a continuidade de Miller, esixirlle a Iguodala que demostre por fin que é o xogador franquía do equipo en todos e cada un dos partidos e que Brand, así que retorne da lesión, manteña sequera un anaco das súas condicións pasadas. Os Raptors pola súa banda seguen arrastrándose lasimeiramente de cancha en cancha (23-42) desexando que acabe canto antes esta temporada horrorosa. Colangelo meteuse nunha lameira e terá que repensar moito o equipo para recuperar alomenos a brillantez do ano pasado. Na procura de solucións para o xogo interior, no que Chris Bosh segue minando día a día o seu excelente cartel das temporadas anteriores, xogou onte o seu segundo partido co equipo canadense o británco Popps Mensah-Bonsu, que a principios da temporada xogou na ACB co DKV Joventut. (Foto de Thaddeus Young de rpscott123)

Nenhum comentário:

Postar um comentário