15/03/2009

APENAS DAVID RODRÍGUEZ

Segundo partido con Eusebio no banco e enésimo partido sen gañar. Desta volta tocaba o Elxe de Claudio Barragán. O partido comezou como o da semana pasada, co Celta aparentando que quería ter a posesión do balón, inda que fose apenas a base de tocala entre os homes da zaga. Só David Rodríguez, unha vez máis, esta semana caído a banda esquerda, poñía chispa en ataque. Cando lle chegaba o balón desbordaba seguido ao seu par. O de Talavera é, ata agora, a mellor noticia dos vigueses dende a chegada de Eusebio. A súa participación pegado a banda é o principal argumento ofensivo do Celta, sexa pola súa capacidade de desborde ou pola súa tendenza a ir rematar por sorpresa cando o balón procede da outra banda. Así foi como o Celta se adiantou. Centro de Abalo dende a dereita e David Rodríguez aparece sorprendendo ao seu defensor. Inda que coa man o gol subiu o marcador e puña de cara o partido para o Celta que, porén, segue sendo un equipo feble de máis como para saber ler os partidos con madurez. Co gol a favor quixo manter o sistema de xogo, pero Claudio Barragán puxo a andar aos seus e a defensa do Celta, na que se instalou o canteirán Jordi acompañando a Rubén, comezou o seu festival de erros. Os de Elxe abusaron do pase interior polo medio dos centrais e deste xeito incháronse a ter ocasións ata que Saul culminaba unha xogada en gol despois de maxistral pase de Miguel. O empate puña dos nervios aos poucos seareiros nas desertas bancadas de Balaídos e enchía de dúbidas tamén os propios xogadores. O Elxe fíxose dono do partido e nun novo erro defensivo atopaba unha falta preto da frontal que Zubiaurre transformaba nun espléndido gol, ante o que nada puido facer Notario. Chegábase ao descanso co marcador en contra. Eusebio desta volta non se atreveu a mandar ao banco a un inoperante Trashorras. Introduciu a Jonathan Vila e Oubiña por Michu e Rosada, outro por certo ao que lle sentou ben o cambio de sistema, e o Celta foi dono absoluto do partido. O Elxe, moi xunto e moi pechado atrás non volveu ameazar á contra. Ao Celta costáballe crear ocasións claras de gol, mais este chegou outravolta grazas a unha aparición sorpresiva de David Rodríguez no segundo pau despois de centro inofensivo de Roberto Lago. O empate era merecido premio para un Celta que, con todo, non mereceu moito máis. Os vigueses seguen vendo demasiado cerca os postos de descenso, e a pouca mellora que demostraron nos dous partidos con Eusebio, apenas David Rodríguez e un pouquiño máis de ilusión no colectivo, segue véndose contrapesada pola inconsistencia defensiva do equipo, que visita o campo do Alacante para a semana no que será un partido crucial para medir as posibilidades do Celta para asegurar canto antes a permanencia. (Foto da web oficial do Celta)

2 comentários:

  1. Coincido bastante contigo.O mellor do partido, ademais de que por fion deixamos de pasar frío en Balaídos, foi que se aprecia certo cambio no estilo de xogo. O equipo sabe que quere ter o balón -non temos moito nivel para facelo, pero é o que hai- e os xogadores amosan implicación.
    É evidente que a ansiedade é fatal compañeira, aínda por riba acompañada da mala sorte.
    O positivo: Jordi -tendo a Rubén ao seu carón e na situación do equipo, apunta boas maneiras-, Rosada -moi por riba do seu nivel- Dani Abalo e David.
    O malo: Rubén e Edu Moya (no seu paupérrimo nivel de toda a tempada), Trashorras (Vale que tiña a Wakaso de perro de presa, pero se agarda moitíííísimo máis del) e Dinei (que precisa un descansiño de quince días a ver se espabila e afina).
    Por certo, seis galegos no campo á vez, algo incrible.

    Quen nos ía dicir hai un mes que o partido co Alacante sería crucial para manterse en segunda?

    ResponderExcluir
  2. A min Dinei non me disgusta, pero non parece un goleador, Jordi apuntou efectivamente boas maneiras e coido que merece unha oportunidade tendo en conta o pésimo nivel de Peña, Noguerol ou o propio Rubén. Gustoume moito a mellor de Rosada. Fai ben o seu traballo e mesmo fixo algúns cambios de orientación moi interesantes. E o dos galegos é algo insólito e positivo, inda que é unha magoa que aparezan agora nunha situación tan crítica do equipo. Sen ser moi optimista, coido que o descenso é unha posibilidade demasiado difícil. UNHA APERTA

    ResponderExcluir