15/03/2009

DÚAS CANTADAS CONDENAN UN BO DÉPOR

Foi unha mágoa, porque ata o comezo do primeiro tempo tanto Aranzubia como o árbitro, Rodríguez Santiago, levaban un partido impecable. Foi daquela cando cometeron cadansúa cantada e aí se fundiron as posibilidades do Dépor de gañar un partido que mereceu. O primeiro tempo fora disputado mais o Dépor dera unha sensación de superioridade tendo o balón con moita intención e sendo moi superior ao rival nas xogadas a balón parado, nas que estivo cerca de marcar nun par de ocasións. A piques de chegar ao descanso, o Dépor disfrutou dunha contra clara que desperdiciou Lassad enviando ás nubes un bo centro de Lafita. O aragonés foi, sen dúbida o xogador máis destacado do Dépor nos primeiros corenta e cinco minutos, aparecendo por todas partes e demostrando unha velocidade e potencia incribles. Mágoa que hoxe Lassad non tivese o seu mellor día. Estivo algo lento cada vez que lle chegou o balón e só salientou nalgunha ocasión na que chegándolle o balón de costas tocou de primeiras para armar a contra. Neses primeiros corenta e cinco minutos, apenas sufriu o Dépor en defensa, e iso que o Sporting e o típico equipo que se lle atragoa a Lotina, con homes rápidos e habilidosos por toda a fronte de ataque. Mais unha semana máis Juan Rodríguez estivo poderoso no centro do campo e Colotto fixo un gran partido en defensa. Estaba ser o típico partido serio do Dépor a domicilio, deses nos que habitualmente acaba sacando rendimento, mais no comezo do segundo tempo foi cando Aranzubia, incomprensiblemente, fixo unha cantada que lle puxo en bandexa o primeiro gol ao Sporting. Foi un erro gravísimo se ben non parece xusto condenar por un erro a un porteiro que está a facer unha excelente campaña. Co 1-0, o equipo de Preciado atopouse no seu estado prefereido, o da loucura, e aos dous minutos, nunha excelente combinación dispuxeron dunha ocasión clara que acabou fóra. Mágoa que Rodríguez Santiago, que polo demais fixo un bo partido, apreciara penalti onde non o había. Marcou Barral e con 2-0 en contra parecía todo sentenciado. Pero o Dépor deu unha moi boa imaxe no día en que estreaba patrocinador. En ningún momento renunciou ao partido e procurou insistentemente o empate, sempre mediante o fútbol combinativo, sen se pór nervioso. Atopou premio nunha fermosa parede entre Filipe e Verdú. Neru derrubou ao catalán cando lle devolvía a pelota ao brasileiro. O penalti marcouno, como sempre con paradinha, Sergio. O Molinón encolleuse. O Dépor estaba sendo mellor e parecía cerca do empate, pero foi daquela cando se reivindicou a canteira do Mareo. Nunha falta moi afastada, José Ángel meteu pegado o poste un espectacular trallazo raso coa súa zurda. Un gol incontestable. O Dépor, a falta de vinte minutos, tampouco renunciou ao empate e seguiu ao seu, agora con Valerón no campo. E xogando, xogando, volveu bater co gol, outra vez de penalti claro que transformou Riki. Quedaban uns sete minutos e o Dépor intentouno pero o Sporting soubo contemporizar ben no treito final. O Dépor perdeu un partido, mais non perdeu a boa imaxe das últimas semanas. Se contra o Betis, o domingo en Riazor, se conseguen os tres puntos, o partido de hoxe ficara en anécdota. Un fermoso espectáculo que é unha magoa que non acabara doutro xeito para os 3.000 coruñeses que se desprazaron ata Xixón.

Nenhum comentário:

Postar um comentário