01/03/2009

CO MADRID NOS CALCAÑARES

O Madrid esqueceu axiña a derrota do mércores na Champions, e sumou con merecemento ante o Espanyol a súa décima vitoria consecutiva na Liga, que o sitúa a catro puntos dun Barcelona que teima en darlle emoción á Liga. Hoxe sucumbíu á épica do Atlético de Madrid que conseguíu unha remontada histórica no seu campo (4-3) nun dos partidos máis vibrantes do que vai de Liga. O Madrid saíu ao Olímpic de Montjuic cunha aliñación algo diferente á dos últimos partidos, con Robben pegado á banda e Snejder na mediapunta para lles dar balóns aos dianteiros. Mais o papel determinante foi o de Raúl, quen baixou ata o centro do campo para apoiar a Lassana Diarra na circulación do balón. Foi a partir dese momento que os de Juande se sacudiron da presión inicial do Espanyol e comezaron a sentirse a gusto no campo, inda que as ocasións non fosen claras de todo. Ao descanso semellaba que a vitoria resultaría cara para un Madrid ao que lle faltaba un pouco máis de chispa. Juande procurouna unha vez máis coa entrada no campo de Guti e Marcelo. O brasileiro, fixado á banda esquerda, axudou a artellar un debuxo máis clásico e eficaz no mediocampo, mentres que Guti non acababa de cumprir coa principal función que tiña asignada: liberar a Raúl do seu traballo e asumir el a fluidez no xogo da pelota. Tanto tivo. Nunha falta dende a frontal, marcou un tremendo golazo pola escadra co que se puido reivindicar ante a súa afición. Co gol a favor, as cousas foron máis fáciles para o Madrid, pois o Espanyol apenas foi capaz de volver incomodar a área de Casillas. O segundo gol, de Raúl, nun espléndido lanzamento de primeiras dende a frontal a pase de Marcelo pechou o partido e confirmou a solidez da versión ligueira do equipo madrileño, que contrasta cos síntomas de esgotamento do brillante modelo barcelonista, que comeza a parecerse preocupantemente ao Arsenal da pasada temporada. Hai que salientar o partidazo de Lassana Diarra, espectacular na recuperación e sempre intelixente e prudente na saída da bola. No terceiro posto da taboa afiánzase o Sevilla, despois da súa vitoria por 1-2 en San Mamés, nun partido que anticipa o vibrante duelo da volta da Copa do vindeiro mércores. O Sevilla gañou grazas á actuación dun xogador simplemente xenial: Frederic Kanouté, que marcou dous golazos froito da súa clase, demostrando que é posiblemnte un dos tres mellores xogadores do mundo baixando o balón. Mención aparte merecen o enésimo empate do Vila Real, que segue sen saír da súa crise de resultados e o Valencia, que se mete nunha lameira despois da súa eliminación na casa ante o Dinamo de Kiev na UEFA e da derrota de hoxe, tamén no seu campo contra o Valladolid (1-2). Nestas circunstancias, a vitoria do Dépor ten unha importancia maiúscula pois permítelle asentarse na loita por un posto Champions e polos dous da UEFA. (Foto de Guti de ytoyoda)

Nenhum comentário:

Postar um comentário