19/03/2009

EDUARDO ACABA CO SOÑO DO BRAGA

Foi unha magoa. O Sporting Braga mereceu algo mellor nesta eliminatoria. Porque xogou ben, moi ben por momentos, como vén sendo habitual ao longo da temporada, co uruguaio Luis Aguiar de director de xogo nun equipo que non se aburre de tocar a bola, e na que todos os xogadores procuran o pase ao primeiro toque e o apoio constante ao compañeiro. Foi así como chegou a primeira ocasión clara do partido. Despois de pasar por medio equipo o balon cáelle a Paulo Cesar na frontal e manda un trallazo contra o traveseiro. Os dous avanzados do Sporting, Paulo Cesar e o colombiano Rentería fixeron un partido intelixente, asociándose moi ben entre eles e cos homes do medio campo, caendo a banda cando era preciso... Só faltou o gol. O Paris Saint Germain non tiña intención ningunha de ter o balón. Paul Le Guen, que está metido de cheo na loita pola Liga co Olympique Marsella e co Olympique de Lyon, reservou no banco os seus homes máis importantes: Rothen, Giuly, Hoarau e Makelele. Mais os franceses crearon algunha ocasión grazas a mobilidade do 10 Sessegnon e sobre todo de Luyindula que fixeron unha chea de kilómetros e evidenciaron os problemas da defensa portuguesa para coidar as súas costas. No minuto 28, Luyindula mandaba un balón por detrás de Leone que recollía Kezman para encarar só a porta de Eduardo. O defensor agarrouno, o árbitro pitou falta e o lanzamento de Chantôme sacudiu o pó do traveseiro. Foi a máis clara do PSG, mentres que o Sporting, que seguía ao seu, dispuxo doutras dúas moi claras: unha falta de Luis Aguiar que lambeu o poste, e unha volea do brasileiro Alan lixeiramente desviada. O balance do primeiro tempo di que o Braga foi moi superior e mereceu ir ao descanso con algún goliño no peto. Na reanudación o panorama mudou un anaco. Os franceses comezaban a sentirse cada vez máis cómodos, e ao Sporting costáballe cada vez máis crear espazos na mesta defensa contraria. O público que ateigaba as bancadas do Estádio Municipal, animando sempre e vivindo o partido como unha festa, tentaba empurrar aos seus mais cando se chegou ao último cuarto de hora, o nerviosismo do Jorge Jesus era ben evidente, talvez porque era o primeiro que sabía que cando un é modesto e non marca as ocasións que ten, acabao pagando. Así foi. Unha falta sen perigo ningún e o Eduardo, bo porteiro, vai por uvas ao Alentejo. Hoarau, que é un deses grandes goleadores que mesmo os marca sen pretendelos, sentenciaba a eliminatoria e sepultaba o soño dos bracarenses.
No resto dos partidos que se xogaban á mesma hora houbo emoción máxima. O Galatasaray  parecía que o tiña todo de cara co 2-0 ao comezo do segundo tempo (o resultado na ida en Hamburgo fora 1-1). Marcaran dous ex do Liverpool: Harry Kewell de penalti e Milan Baros. O Hamburgo nunca deixou e loitar pola vitoria e acabou achuchando aos turcos e dándolle a volta a eliminatoria novamente cara o seu lado grazas a dous goles do peruano Paolo Guerrero. Co resultado a favor, o croata Olic aproveitou para marcar o 2-3 definitivo. 
No outro partido, o  Aalborg a piques estivo de dar a gran sorpresa. Tiña que remontar o 2-0 de Manchester e parecía que desta volta non sería posible eliminar a un grande do fútbol europeo, mais o City é un equipo con tantos millóns como dúbidas e acabou complicándose a vida nos últimos cinco minutos. Shelton marcaba no 85 e Jakobssen no 91 de penalti. Os dinamarqueses foron superiores aos ingleses no tempo de prolongación mais na tanda de penaltis Shay Given erixiuse no protagonista ao parar dous lanzamentos e darlle o pase o seu equipo. (A foto de Luis Aguiar collida da web da UEFA).

Nenhum comentário:

Postar um comentário