16/03/2009

OS NÚMEROS DE DIEGO FORLÁN

No partido máis importante do Atlético na súa historia recente, o mércores no Porto, Abel Resino optou por deixar no banco a Diego Forlán. Unha decisión controvertida tendo en conta que os colchoeiros para pasar necesitaban marcar alomenos un gol. É de imaxinar que Abel, razoando que quería xogar cun só dianteiro, decidira sentar a Forlán e non a Agüero, pois o arxentino é un crack e xenro de Maradona. Pero, é que o uruguaio non é un crack? Ás veces abonda reparar un anaco nos números de cadaquén. Se o valor dun dianteiro mídese en goles, Forlán é sen dúbida un dos mellores do continente. Dende que chegou a Liga española, fai cinco anos, para enrolarse no Vilarreal, leva nada menos que 85 goles. Só dous xogadores superan estes números: Eto' o suma 101 e Villa 92. Dos que non xogaron as últimas cinco temporadas na Liga española, apenas Van Nistelrooy parece quen de establecer unha marca semellante. Forlán é un goleador nato, capaz de inventar un gol na xogada máis anodina, sexa polo seu olfato sexa polo seu espléndido disparo con calquera das dúas pernas. Pero ademais é xeneroso no traballo de equipo, sempre xogando con criterio cando toca de costas, intenso na presión, abrindo espazos para os seus compañeiros... Agüero, sen dúbida, é moito mellor grazas a el. Mais algo lle falta a Forlán que non se lle recoñece o seu verdadeiro valor. Talvez que sempre houbo nos seus equipos algunha estrela que brillase máis ca el: Riquelme, Agüero... talvez que chegara coa sona de eterno suplente do United. (Foto de Johann Cárdenas)

Nenhum comentário:

Postar um comentário