03/03/2009

A QUENDA DE EUSEBIO

O Celta de Vigo decidíu por fin destituír a Pepe Murcia despois da humillación no Heliodro Rodríguez López, colofón dunha penosa temporada que a día de hoxe ten aos vigueses cinco puntos apenas por riba do descenso. Para substituílo, a directiva viguesa teima en apostar por un técnico sen experiencia, mais que foi xogador do mítico dream team, do mesmo xeito que Stoichkov. O de La Seca coñece ademais Balaídos pois formou parte do Celta como xogador entre 1995 e 1997. Nos últimos anos témolo visto a carón de Frank Rijkaard, do que foi estreito colaborador, polo que imaxinamos que no ánimo de Eusebio estará o gusto polo bo fútbol que o caracterizou tamén nos seus tempos de futbolista. O Celta, porén, non parece precisar tanto o bo fútbol como recuperar o carácter e o compromiso dos futbolistas. Apostar por un debutante é meritorio, mais non creo que para coller un equipo en crise a metade de temporada. Un tería apostado para iso por alguén máis curtido en cuestións de supervivencia. Por dicilo dalgún xeito, un da escola do bigote: David Vidal, Kresic, Mané... Porén, a afección viguesa respira pois vaise o que consideran o culpable de case todos os seus males. Non sería aconsellable que agarden agora que Eusebio sexa o responsable de todos os seus remedios. (Foto de Mutari)

Nenhum comentário:

Postar um comentário