19/03/2009

OS 'MINEIROS' DE DONETSK A CUARTOS

O Shakhtar Donetsk clasificouse brillantemente para os cuartos de final da UEFA despois de superar a un rival moi complicado, o CSKA de Moscova, que se impuxera na ida 1-0 con gol de penalti marcado por Vágner Love. Os rusos, dirixidos por Zico, saíron moi ordenados ao Oliympiskiy de Donetsk, mais sen renunciar a achegarse de cando en vez ás inmediacións da área contraria. Nos dez primeiros minutos, de feito, o norosetio de 18 anos Dzagoev dispuxo dun par de boas ocasións a partir de disparos dende fóra da área. Un deles foi desviado con apuros a córner por Pyatov. O Shakhtar, despois de certo desconcerto no inicio do partido, asumiu a iniciativa do xogo, grazas sobre todo ao polaco Lewandowski, que reaparecía na medular tras sanción e estivo perfecto na cobertura e na distribución do xogo,  e a Jadson, o brasileiro que se move na mediapunta, e que foi o xenerador das principais ocasións do equipo de Mircea Lucescu na primeira metade cando conseguía combinar con Fernandinho nalgunha das bandas. Neste primeira metade, o dianteiro do Shakhtar, Luis Adriano estivo fallón edesperdiciou dúas ocasións claras de marcar. En todo caso, a sensación era que o partido había costarlle moito esforzo aos ucranianos e que a medida que pasaran os minutos os rusos habían sentirse cada vez máis a gusto. Por iso á volta do descanso o Shakhtar puxo un punto máis de agresividade no seu xogo, sobre todo á hora de presionar a defensa do rival. O público meteuse moito máis no partido e axiña tivo premio. Fernandinho recolle un rexeite morto na área e o central ruso Ignashevitch faille inocentemente penalti. O propio Fernandinho marca e empata a eliminatoria (min.54). Co empate, Zico foi ousado e meteu no campo dous homes de calidade: Aldonin e Daniel Carvalho, o que fora protagonista da final da UEFA que gañou o CSKA en 2005 (3-1) ao Sporting de Lisboa. Con estes dous xogadores o equipo ruso quixo ter o balón e por momentos conseguiuno, inda que deixando espazos preocupantes para a contra dos rivais, moi ben pechados atrás e con tres homes presionando sempre ao ruso  que tiña a pelota. Mais non creou grandes ocasións de gol o CSKA. O 2-0 (min.70) non chegou, como era de prever, á contra, senón grazas a un agasallo do porteiro da selección rusa: Akinfeev. Non atallou un balón manso e sen dificuldade que lle caeu a Luis Adriano que non tivo máis que empurrala. O estadio olímpico de Donetsk viuse abaixo. O máis difícil estaba conseguido. Só quedaba defender ben, inda que a medida que chegaba o desconto algún debeu lembrar o gol de Palop fai dous anos. Finalmente o Shakhtar, o equipo da rexión mineira do Donbass ucraniano -a palabra Shakhtar signfica exactamente iso: mineiro-, pasa a cuartos e non debe temerlle a ninguén pois é equipo con xente veterana e curtida en moitas batallas, como o lateral dereito e capitán Srna, un dos destacados ao meu entender desta eliminatoria. Un grande éxito para un clube que nunca pasara de dezaseisavos en competicións europeas.
Non serán os do Shakhtar os únicos ucranianos en cuartos. Outro máis estaba asegurado pois xogábase a eliminatoria entre o Metalist de Kharkiv e o Dinamo de Kiev. Na ida fai unha semana, en Kiev, gañara o Dinamo por 1-0. Na volta, o modesto Metalist a piques estivo de amargarlle a vida ao grande do seu país. Dominou o partido e buscou con insistencia o gol que atopou no min. 26 por medio de Sliusar. Seguiu envorcado o Metalist e ao pouco de comezar o segundo tempo (min.56), o brasileiro Jaja marcaba de sensacional libre directo o 2-0. A vida complicábaselle ao Dinamo, que apelou ao orgullo e acabou atopando premio no min.68 por medio de Sabljic. Xerro de auga fría para o seareiros de Kharkiv que, en cambio, virou en euforia co gol do arxentino Acevedo apenas dous minutos máis tarde. Mais ao Metalist entroulle a angustia dos pequenos e cebouse con eles a mala sorte. No min.78, Berezovchuk, xogador do Metalist que levaba apenas seis minutos no campo marcaba na súa propia portería e acababa co soño dos seus. Dende o 3-2 o Metalist non atopou folgos para unha nova remontada.
Tampouco puido consumar a remontada o actual campión, o Zénit, que perdera 2-0 na ida de Udine. E iso que o capitán Tymoschuk marcou aínda no minuto 34 do primeiro tempo. Mais foi insuficiente. Os rusos dispuxeron de incontables ocasións no primeiro tempo mais no segundo, a medida que pasaba o tempo, o Udinese de Pasquale Marino facíase dono da situación e cunha chea de contras deixaron tocado a un Zénit que pouco máis ameazou a porta de Handanovic. 
 

Nenhum comentário:

Postar um comentário