03/03/2009

BRIAN CUSWORTH

O pívot norteamericano do Breogán Brian Cusworth vén de ser designado MVP da 22ª xornada da Liga LEB Ouro despois do seu partido contra o Melilla do venres pasado, no que malia a derrota dos lugueses (89-87), anotou 27 puntos, capturou 5 rebotes, recuperou 5 balóns e puxo tres tapóns. O xogador de Missouri, de 2,13, está a completar unha temporada espectacular e é a grande esperanza dos breoganistas para retornar á ACB. Anotador, reboteador, espectacular recuperador de balóns, e sobre todo moi intelixente á hora de interpretar o xogo, Cusworth, formado na Universidade de Harvard e procedente do Tartu Ullikool estonio co que se proclamou campión de Liga e MVP, parece sumarse á lista de grandes americanos que deixaron a súa pegada na cidade galega que máis ama o baloncesto, xunto con Charlie Bell ou Pete Mickeal. Esperemos que o seu paso por Lugo non sexa efémero e que poida liderar o equipo galego na máxima categoría, entrementres agardamos que o Obradoiro anuncie definitivamente que fai coa praza que lle corresponde para a vindeira temporada. Supostamente a directiva anunciara que darían noticias, seica boas, despois das eleccións. Estamos agardando. Sería, francamente, un puntazo térmonos dúas equipas galegas na ACB. (Foto da web oficial do Breogán)

Nenhum comentário:

Postar um comentário