15/03/2009

DESÍNFLASE O ASTON VILLA

O equipo de Birmingham só suma un dos doce últimos puntos en xogo e volve ao quinto posto despois da vitoria do Arsenal na casa contra o Blackburn. Ao equipo de O´Neill estaselle a facer longa de máis a temporada e acusa a falta de profundidade do plantel e a súa pouca eficacia na casa. Mentres que a domicilio é un equipo temible (10 partidos gañados, catro empatados e ningunha derrota), na casa sofre moito máis pois os equipo péchanselle atrás e non teñen espazo para correr nin un xogador desequilibrante para dar o último pase entre liñas. En Villa Park o Aston Villa suma seis derrotas, a última a desta tarde (1-2) ante un Tottenham Hotspur ao que se lle puxo de cara o partido dende o inicio grazas a un gol de Jenas no minuto cinco despois dunha xogada por banda dereita de Lennon, sen dúbida o mellor xogador dos spurs no que vai de temporada. O gol tan temperán abocou o partido a un guión tipicamente inglés, co Aston villa envorcado na porta contraria e o Tottenham procurando a contra a cada oportunidade. O centro do campo era apenas un lugar de paso. O Aston Villa fiouno todo ao talento do seu mellor xogador, seguramente un dos mellores da Premier este ano, o Ashley Young. Intentou desbordar de todos os xeitos posibles e volveu tolo a Zokora, lateral dereito hoxe dos spurs que foi o banco antes do descanso despois de que Young lle fixera un cano e lle rompera a cintura un par de veces. Mais o gol non chegaba e a volta do descanso, novamente nunha xogada iniciada por Lennon, o tottenham marcaba o segundo, por medio de Bent. O partido xa facía tempo que andaba desbocado, así que O´Neill só podía meter máis traca arriba. Probou con Carew, para acompañar a Heskey e un apagado Agbonlahor, que se non ten banda para correr convértese nun xogador máis ben normaliña. Carew axudou peiteando moitos balóns e cara o minuto corenta marcou o 1-2 cun testarazo contundente tras un centro magnífico de Milner. Non lle deu tempo ao Aston Villa de forzar o empate e afúndese un pouco máis na tabela clasificatoria. O Aston Villa, que fai un par de meses parecía mesmo optar a meterse na loita polo título, ten que conformarse agora por pelear pola cuarta praza que dá acceso a Champions contra un Arsenal que, con Arshavin de líder, hoxe marcou dous dos catro goles do seu equipo, está saíndo da crise na que andaba metido no último mes e medio. (A foto de Agbonlahor de John Dobson)

Nenhum comentário:

Postar um comentário