04/03/2009

CO UNITED TODO PARECE FÁCIL

O Manchester suma nada menos que once vitorias consecutivas no campionato ligueiro e vendo calquera partido do United parece que poderían seguir gañando ducia tras ducia mentres lles pete porque fano cunha facilidade pasmosa. Tanto ten que o contrario se lles encerre atrás ou que lles plante cara e se lles adiante no marcador. O United como se nada, como os galáns das películas vellas, logo che parte a queixada sen engurrar o smoking. Onte co Newcastle, en Saint James´foi algo polo estilo. O Newcastle marcou cedo, por medio do dinamarqués Lovenkrands, quen aproveitou un erro impropio dun porteiro que estaba a establecer unha impresionante marca de imbatibilidade, Van der Sar, que non soubo atallar un disparo sen demasiado perigo de Jonás. Os urracas aínda dispuxeron dalgunha outra ocasión clara para marcar o segundo, sobre todo nos pés dun bulideiro Oba Martins. Pero o Manchester nunca ten présa, sabe que cando a necesite será cuestión apenas de cambiar de marcha. Fíxoo Rooney convertendo un inofensivo balón na área, nun espléndido zurdazo que deixou a Harper, o gardarredes do Newcastle, estantío. Co empate, ao Manchester abondoulle co seguir co seu xogo de presión defensiva arriba e completa mobilidade dos homes de diante. Sen necesidade de crear grandes ocasións, é tal a sensación de achuche que os defensas acaban errando, como Stephen Taylor, o lateral dereito, que quixo pasarlle co peito o balón ao seu porteiro dentro da área. Fíxoo tan mal que lle deu tempo a Park de tocar o balón para que Berbatov marcara. O Manchester non fixera tampouco gran cousa pero xa tiña o partido no peto, merecidamente e sen ter pasado grandes apuros. Coa vitoria de hoxe, o United mantén os sete puntos de vantaxe sobre Chelsea e Liverpool e inda cun partido menos-o aprazado por mor da final da Carling-. No resto da xornada cómpre salientar a contundente vitoria do Tottenham por 4-0 ante o Middlesborough que viña de gañarlle ao Liverpool. Marcaron para os Spurs Robbie Keane, Pavlyuchenko e por dúas veces Aaron Lennon, que está nun espléndido momento de forma. O Aston Villa confirmou que non está ben. Perdeu por 2-0 no campo do Manchester City, no que marcaron Elano de penalti e Shau Wright Phillips. Tampouco acaba de arincar o Everton, condenado pola súa falta de pegada malia a chegada de Jô Alves. Onte asinou o seu enésimo empate a ceros da temporada, desta volta no campo do Blackburn. (Foto de Rooney de Gordonflood)

Nenhum comentário:

Postar um comentário