12/03/2009

HEXEMONÍA INGLESA

No resto da xornada de Champions destaca a eliminatoria entre a Roma e o Arsenal, dous equipos que nos últimos tempos non se acaban de sentir a gusto de todo con eles mesmos. E onte demostrárono. A Roma atopou axiña, no minuto 9, o gol que procuraba, grazas ao alento que lle chegaba dende as ateigadas bancadas do Olímpico romano. Marcaba o central Juan despois dun centro de Totti. Mais coa eliminatoria igualada os dous equipos, precisamente por andaren baixos de autoestima, preferiron non arriscar demasiado para non cometer erros fatais. Deixaron pasar os minutos, así que o partido foi aburrido e carente de ocasións de perigo, mesmo na prórroga, absolutamente prescindible pois estaba claro que os dous equipos preferían xogalo todo aos penaltis. Na tanda de penaltis acertaron os especialistas e chegouse ao oitavo lanzamento da Roma. Tocáballe a Tonetto, veterano (34 anos) lateral esquerdo de escasas condicións técnicas, un trotamundos do Calcio pois xogou en dez equipos en 14 anos. Dende que comezou a carreiriña cara o balón ben se vía que a ía mandar ao segundo anfiteatro. Día triste para o de Trieste cando encara o final da súa carreira. O Arsenal consegue un pase que sabe a gloria tendo en conta a errática traxectoria e o pobre rendemeto do equipo esta temporada. Xunto co Manchester United, demmostrou unha vez máis a hexemonía do fútbol inglés na máxima competición continental. Por segundo ano consecutivo a Premier fixo pleno e meteu os seus catro equipos entre os oito mellores. O Manchester tíñao difícl pois recibía no seu campo ao Inter de Mourinho, mais desta volta o de Setúbal non puido xogarlla a Ferguson. Axudou que os ingleses logo marcaran aos tres minutos nun cabezazo de Vidic despois dun corner. O inter intentouno mais non lle saíron as cousas a Ibrahimovic nin a Balotelli. Os defensores do United aturaban ben as acometidas dos neroazzurri e á volta do descanso Ronaldo marcaba o 2-0 definitivo que sentenciaba a eliminatoria. Pola súa banda, en Barcelona, o equipo de Guardiola sacou a versión esmagante que en 45 minutos xa puxera o 4-0 no marcador con dous goles de Henry, outro de Eto´o e outro de Messi, despois dunha nova exhibición de xogo ante un Olympique de Lyon que nada puido facer mais que tirar de orgullo ao comezo do segundo tempo para poñer un 4-2 (goles de Juninho e Makoun) que puxo un chisco do incertidume no marcador que anulou o Barça unha vez máis a base de xogo e un 5-2 definitivo de Keita. ( A foto do gardarredes da Roma Doni é de Roberto Vicario)

Nenhum comentário:

Postar um comentário