12/03/2009

O OCTAVIO CHEGOU TARDE Á COPA

Para o Academia Octavio de Vigo chegar á Copa do Rei que se está a disputar en Granollers era o merecido premio a unha magnífica primeira volta da Liga Asobal. No cruce de cuartos enfrontábase ao CAI Aragón, un equipo de nivel parello que está por detrás dos vigueses na clasificación ligueira. Mais nun primeiro tempo nefasto, os de Quique Domínguez desaproveitaron a oportunidade de poder conseguir nesta competición un fito como o de 1995, en Ciudad Real, cando chegaron á final que perderon contra o Teka de Santander. Despois duns cinco primeiros minutos de igualdade, os vigueses comezaron a adoecer en defensa. O veterano Mariano Ortega destrozaba cos seus pases ao pivote Arrhenius ou ao extremo dereito Cartón, o 5-1 defensivo do Octavio, e o exipcio Hussein Ali Zaky ofrecía a súa mellor versión con goles para todos os gustos.. En ataque, pola súa banda, o xogo era un desastre. Ata 10 perdas sumaron os vigueses, que remataron noutras tantas contras dos aragoneses. Así o marcador chegou a ser de 7-17 no minuto 25, un resultado que parecía afastar ao Octavio de calquera posibilidade de gañar o partido. Máis un arreón nos cinco últimos minutos arranxou un bocado o desastre (13-20). No segundo tempo todo mudou e os vigueses saíron con moita máis convicción á cancha. Axustaron moito mellor a defensa e en ataque o balón circulaba con moita máis rapidez. Comezaron a chegar os goles, nomeadamente de Cerillo e Prce, e pouco a pouco rabuñábase a desvantaxe do marcador. O CAI Aragón comezou a poñerse nervioso e entrou na mesma dinámica do Octavio na primeira metade. No último minuto a remontada parecía posible pois os vigueses poñíanse a só un gol, mais Montávez mandou fóra o balón que podería supoñer a igualada e a Copa rematábase para os de Quique. Unha magoa! Os de Vigo perden a oportunidade de xogar as semifinais contra o Ciudad Real e volven a casa cun regusto amargo, se ben repararon na segunda parte do partido a pésima imaxe que deixaron no primeiro. (Foto recollida na web da Asobal)

Nenhum comentário:

Postar um comentário