05/03/2009

TEMPOS DE JAZZ

No partido máis atractivo da madrugada de onte na NBA, o que enfrontaba aos Rockets -que sumaban oito vitorias nos dez últimos partidos- contra os Jazz-nove vitorias nos últimos dez partidos-, impuxéronse os de Jerry Sloan por 94-101 despois dun xogo que chegou igualado ata o final e no que salientaron as actuacións individuais do gran Deron Williams con 26 puntos -10 deles no último cuarto- e 14 asistencias, e Carlos Boozer, o pívot de Alaska que asinou a súa mellor actuación dende o seu retorno tras lesión con 20 puntos e 17 rebotes. Nos Rockets foi Ron Artest, quen anda especialmente fino, o que deu a cara na faceta anotadora no seu equipo con 25 puntos -con cinco triples de oito intentos-. Con esta vitoria, os Jazz demostran que con todos os seus efectivos- ademais da lesión de longa duración de Boozer tamén perderan partidos ao comezo da temporada outros xogadores como Kirilenko ou Deron Williams- son un equipo temible. De estar fóra dos postos de play off durante boa parte da Liga Regular, aspiran agora ao terceiro posto, en loita cos Nuggets e cos Hornets, ou mesmo ao segundo visto o baixón nos últimos partidos dos desconcertantes Spurs. Deron Williams é un base único, capaz de dirixir o xogo mellor que ninguén e incisivo na anotación cando lle cómpre ao equipo, Paul Millsap, Okur e Boozer son un potencial anotador e reboteador no xogo interior, o polivalente Kirilenko segue sendo un dos mellores sextos homes da liga, e secundarios como Korver, Miles, Harpring ou Ronnie Brewer completan un plantel hipercompetitivo que da man do veterano Jerry Sloan poden aspirar a chegar ao máis lonxe, cando menos máis aló das semifinais de conferencia nas que caeron a pasada temporada cos Lakers a seis partidos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário