17/03/2009

OS ROCKETS GAÑAN EN NOVA ORLEANS

Os Rockets, que viñan de perder (88-85) un emocionante partido contra os Spurs no que Artest mesmo tivo a oportunidade de forzar a prórroga, deron esta noite unha mostra de autoridade impoñéndose 95-84 en Nova Orleans. Adelman deixou fóra do partido a Yao Ming, con gripe, e deulle a titularidade ao veterano Dikembe Mutombo, que xogou o seu quinto partido e disputou case 25 minutos. O de Kinshasha, de 42 anos, apenas anotou un tiro libre, pero achegou seis rebotes e sobre todo tres tapóns a un pobre sophomore, Julian Wright, que tivo que saír escocido do partido. Luis Scola e Carl Landry apoiárono perfectamente no xogo interior. O arxentino, un dos xogadores máis regulares da Liga anotou 14 puntos e apañou 12 rebotes (leva 26 dobles-dobles esta temporada, os mesmos que Gasol ou Paul Millsap). Partido curioso o de Ron Artest, que rexistrou unha pésima porcentaxe de 0 de 11 en tiros de campo nos dous primeiros cuartos. Non se arredou e despois de cravar catro seguidas acabou sendo un dos artífices da vitoria do seu equipo con 18 puntos. Esta racha coincidiu cun parcial de 16-2 que serviu para darlle a volta a un partido que os Hornets gañaban por 11 (55-44). Chris Paul (29 puntos, 11 asistencias) e David West (16 puntos, 13 rebotes), foron como sempre os mellores do seu equipo.
Resultado curioso o de Oklahoma, onde os Thunder se impuxeron aos Spurs con exiguo marcador (76-78). Durant anotou 25 puntos pero a clave do partido estivo na superioridade dos homes do banco dos Thunder sobre a segunda unidade de Oklahoma. De feito, nos dez primeiros minutos San Antonio ía gañando de 17 puntos. A derrota empañou o partido 1.000 de Gregg Popovich como adestrador da NBA.
No resto de partidos malleira dos Nuggets aos Nets (96-121) e dos Bobcats a uns lastimeiros Raptors (86-112) e vitoria cómoda dos Blazers na cancha dos Grizzlies (103-92). (Foto de Mutombo da web da NBA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário