21/03/2009

O FULHAM PONLLE EMOCIÓN Á PREMIER

O Fulham que dirixe o suízo Roy Hodgson está a facer unha espléndida campaña e hoxe coroouna cunha vitoria (2-0) moi merecida ante o Manchester United, que por vez primeira en tres anos perde por dúas xornadas consecutivas. O partido marcouno a acción do minuto 13 na que Paul Scholes tivo que evitar coas mans un gol de Bobby Zamora. Foi expulsado, marcou o penalti Murphy e o partido púxoselle moi costa arriba aos de Ferguson, que durante o primeiro tempo demostraron un enorme desconcerto. O Fulham non renunciou nunca a ter o balón e xerou infinidade de ocasións grazas á loita constante dos seus dous puntas Zamora e Andy Johnson, e á constante mobilidade pola segunda liña dos interiores Dempsey e Davies. O United, en cambio, apenas conseguía dominar o xogo e Berbatov non cheirou un balón. Ronaldo, ao que lle apupan en todos os campos, tampouco destacou especialmente e evidenciou que esta temporada é un futbolista moito máis normal que a pasada. No segundo tempo mudou a película. Entrou Rooney e deulle moitísima agresividade e dinamismo ao seu equipo. Fletcher colleu o temón no medio do campo e os xogadores de ataque do United comezaron a atopar o seu fútbol. Por momentos parecía que a remontada non só era posible, senón que mesmo parecía inevitable. O australiano Schwarzer, nun par de actuacións memorables, evitou o empate dos encarnados. Ferguson puxo no campo todo canto de ataque tiña no banco e non tivo medo en despoboar a defensa. Finalmente pagouno nunha contra que rematou maxistralmente o húngaro Zoltan Gera. Ao final, salientar a expulsión de Rooney, ao que lle deu unha arroutada polo xenio e tiroulle un balón con moita forza ao árbitro Phil Dowd. O United perdeu e, sobre todo, deu unha mala imaxe por segundo partido consecutivo. Porén, mantén a vantaxe sobre o Chelsea, que tropezou por primeira vez dende que senta Hiddink no banco. Tiña un partido difícil ante o Tottenham e perdeuno por un gol de Luka Modric. Ao Liverpool de Benítez ábreselle unha porta inmensa para loitar polo título con moito máis fundamento que fai unha semana. Terao difícil ante o Aston Villa. (A foto de Carven Cottage, campo do Fulham, de treevis)

Nenhum comentário:

Postar um comentário