25/03/2009

E XA VAN SETE

O TAU levaba 6 partidos gañándolle ao Barcelona, o último nas semifinais da Copa. Os de Xavi Pascual confiaban en rematar onte con esta xeira tan negativa, para non desperdiciar a vantaxe de cancha coa que contan nestes cuartos da Euroliga (ao mellor de 5 partidos). Pero o Tau, a imaxe e semellanza do seu técnico Dusko Ivanovic, é insaciable e deixou claro xa no primeiro cuarto, que está disposto a humillar máis unha vez ao único equipo que, por potencial, parece poder facerlle algo de sombra aos baskonistas. O TAU saiu arrollador e marcou un parcial de 11-24, con tres triples dun maxistral Prigioni (o mellor do partido con 17 puntos, 8 rebotes e 5 asistencias). Basile interviu para maquillar o resultado e chegouse ao final dos primeiros dez minutos con 18-24. Na continuación, os vitorianos seguiron coa súa dinámica, Rakocevic e Prigioni continuaban anotando e McDonald (12 puntos) e Pete Mickeal (8 rebotes) faxábanse cos homes altos do Barcelona para paliar a actuación máis ben discreta de Tiago Splitter. No Barcelona, apenas os refachos de calidade de Navarro (17 puntos) ou Vázquez (12 puntos e 7 rebotes) e un grandioso Ersan Ilyasova (14 puntos e 13 rebotes) mantiñan o seu equipo na loita. O TAU chegou a ter a súa máxima vantaxe en 17 puntos (40-57). Os cataláns loitaron bravamente pero así que se achegaban a unha marxe prudencial (8-10 puntos) aparecían Prigioni ou Rakocevic par volver marcar as diferencias e asegurar sen excesivo sufrimento a vitoria do seu equipo. O Barcelona rexistrou un triste 4 de 22 en triples. É a primeira derrota do Barça no Palau no que vai de Euroliga.
En Moscova, o actual campión, o CSKA impúxose ao Partizan de Belgrado nun partido de marcador exiguo (56-47). O primeiro cuarto rexistrou unha actuación ridícula dos serbios, capaces de anotar apenas 3 puntos en 10 minutos. Os rusos tampouco é que se luciran (13), mais fixeron o suficiente para marcar unhas distancias definitivas no marcador. O esloveno Erazem Lorbek anotou dez destes primeiros 13 puntos do CSKA, pero o gran protagonista do partido foi Viktor Krhyapa con 8 puntos, 10 rebotes e 4 asistencias. Os serbios, un equipo algo verde para estas alturas da competición, terá que buscar a vitoria no segundo partido en Rusia, se quere aproveitar o efecto da súa cancha, na que se agardan máis de 20.000 seareiros.
Ao Olympiakos abondoulle a espectcular actuación de Nikola Vujcic (19 puntos) e sobre todo o gran Papaloukas (13 puntos e 13 asistencias) para derrotar a un Madrid loitador mais falto de talento nos momentos decisivos.
No partido máis igualado, o Panathinaikos sen Diamantidis, baixa por lesión, impúxose ao Montepaschi Siena. O xogo colectivo dos gregos impúxose aos italianos, onde dous homes sobresaíron sobre o resto: o centroafricano Romain Sato (29 puntos, 9 asistencias e 40 de valoración) e o veterano Terrell McIntire (27 puntos, 6 rebotes, 6 asistencias e 36 de valoración). O banco dos gregos anotou por apenas 7 da segunda unidade italiana. (A foto da web da Euroliga)

2 comentários:

  1. Non tes a sensación de que esta euroliga está un pouco descafeinada?
    O CSKA non ten o superequipo de anos anteriores. Maccabi foi unha decepción. O Olympiakos, para min favorito xunto co Tau, non acaba de romper,seguro que ao final estará aí, pero incluso o Madrid tivo moitas opcións de sacar algo da paz e da amizade. Panathinaikos fai pouco ruido, o cal non sei se é porque non dan para moito máis ou é perigoso, Partizán xa cumpliu estando aí e Siena penso que non vai poder dar a sorpresa. O Barça tampouco acaba de romper para o gran equipo que ten, para min un das tres mellores planteis.
    Lamentablemente non puiden seguir todo o que quixera a euroliga, porque teledeporte continúa na liña de non respetar ao espectador, ou partidos de Unicaja, ou nada, ou de súpeto atopabas un partido da Cibona en Tel Aviv e cousas así.

    ResponderExcluir
  2. Eu teño a impresión de que o TAU, este ano, é o gran favorito. O CSKA é o outro pero acusa as baixas de Papaloukas e Andersen. O Olympiakos apostou por dous NBA: Childress e Janero Pargo, pero non están a rendir como se esperaba. O Barça ten un equipazo pero tivo a mala sorte de bater co TAU nos cuartos. Non sería prudente, en todo caso, descartar o Panathinaikos, que ten tamén un equipazo con Diamantidis, Jasikevicius, Spanoulis ou Pekovic, aínda que o lituano non está facendo unha boa temporada. Vendo os cruces, apostaría por unha final entre o TAU e o Panathinaikos. UNHA APERTA

    ResponderExcluir