15/03/2009

O MADRID RECUPERA A VERSIÓN LIGUEIRA

O Real Madrid esqueceu axiña a pobre imaxe europea e recuperou a ligueira, moito máis apañada dende a chegada de Juande Ramos (11 vitorias, un empate e unha derrota). E iso que en frente tiña un equipo que apela á mesma mística do Liverpool: o Athletic, exultante despois da súa clasificación para a final da Copa que recibiu os brancos con San Mamés cheo e entregado. Pero o Madrid non parecía disposto a caer nos mesmos erros e axiña se viu como Lassana Diarra, excepcional dende a súa chegada ao Madrid, se reivindicaba onte cun partido simplemente espectacular, tanto na recuperación como na condución e no pase. O francés foi o xefe absoluto do medio campo e asociouse correctamente con Snejder, xogador irregular pero de moito máis peso que Guti, para facer xogar ao seu equipo. Nunha boa combinación Snejder meteu un pase medido ás costas da defensa do Athletic. Apareceu Robben por detrás de Koikili e marcou un golazo dos que só se ven nos videoxogos. O Athletic reaxiu con máis coraxe que calidade e nin sequera se viu abaixo tras o 2-0, un cabezazo do cuestionado Heinze tras un magnífico lanzamento de falta de Snejder. Parecía que o Madrid fixera o seu traballo, mais o Athetic de Caparrós é todo corazón e acabou atopando o 2-1 nunha xogada que finalmente lle saíu cara. Yeste dispara dende fóra da área, Casillas non bloca ben e o rexeite acaba nunha xogada embarullada que acaba con gol de Heinza na propia portería. Casillas vaille recriminar a Yeste que non botara o balón fóra pois había un xogador do Madrid mancado. Yeste respóndelle co típico empurrón de tangana e Casillas fai un teatro impropio de quen é considerado un dos xogadores máis elegantes e deportivos da competición. Simulou unha agresión na cabeza, o árbitro picou e expulsou a Yeste. Cun menos o partido púñaselle máis costa arriba aos leóns que, inda así bateron co empate antes do descanso nun cabezazo de Llorente que se comeu Casillas e convertía San Mamés nunha caldeira. No segundo tempo todo mudou. O athletic perdu a épica axiña, así que Raul, ao minuto da reanudación, lle entregara o balón a Huntelaar e este rematara coa sabedoría dun dianteiro innato, ao Van Nistelrooy, axustando ao primeiro pao. O Madrid dende entón foi moi superior e atopou o o cuarto novamente por medio de Huntelaar, que acredita con números a súa sona de goleador (xa leva seis). O Athletic déixouse ir apenas pola carraxe. O árbitro inchouse a amosarlles cartóns amarelos aos homes de Caparrós que protestaban cada acción. O 5-2 marcouno de penalti Higuaín tras penalti sobre Marcelo. O Real Madrid ponse a tres do Barça. No caso de que os cataláns erren hoxe, o madridismo esquecerá axiña o chorreo da Champions. Entrementres, o Athletic, fascinado pola Copa, é o peor equipo da segunda volta e logo se achega perigosamente os postos de descenso. (Foto de Darz Mol)

Nenhum comentário:

Postar um comentário