14/03/2009

O ROSALÍA DÁ O SORPRESÓN

O Rosalía deu un sorpresón na cancha do líder: o Lucentum Alicante. O 77-79, despois dunha prórroga, é un resultado que fai soñar inda que a salvación siga estando a dous partidos despois de que o Gandía gañase o seu cuarto partido consecutivo. Cómpre salientar o partidazo do camerunés Nana Harding, tan irregular esta temporada, que hoxe en cambio asinou uns números excepcionais: 12 puntos e 18 rebotes. Quen mantivo o ton de cada xornada foi Kammron Taylor. O base estadounidense, con 22 puntos, foi o máximo anotador do seu equipo. Das dúas fichaxes que debutaron a pasada semana, hai que salientar a confirmación das boas impresións que deixou o pívot grego Giorgios Pavlidis, que hoxe anotou 11 puntos, con dous triples anotados en catro intentos, e oito rebotes. Destacaron os santiagueses especialmente no traballo defensivo. Deixaron o Lucentum nun pobre 36% de acerto en tiros de campo e unha vez máis impuxéronse claramente no apartado reboteador (34-41). Agora haberá que agardar o partido da vindeira semana no Multiusos contra o Melilla, terceiro na clasificación, para ver se a sorpresa non queda en mera anécdota. Pola súa banda o Breogán visitaba a cancha do segundo clasificado, o Valladolid, e saíu claramente derrotado (79-62) nun partido no que Brian Cusworth, MVP das dúas últimas semanas, saíu con valoración negativa (-4) e o italiano Andrea Pecile volveu ter unha actuación modesta con 7 puntos. (Foto de elcorreogallego)

Nenhum comentário:

Postar um comentário