11/03/2009

BAÑO DE REALIDADE

Inda que pareza mentira era a primeira vez que o Real Madrid xogaba un partido de Copa de Europa en Anfield Road. E abofé que non a vai esquecer porque o baño foi histórico, dos que marcan unha época (4-0). O Madrid foi desbordado absolutamente por un equipo superior, rodeado dunha mística que xa fai tempo abandonou ao Real Madrid. Se algunha intención tiñan os brancos de poñerlle as cousas difíciles ao Liverpool, logo renunciaron acovardados ao ver a espectacular posta en escena dos de Benítez con dúas oportunidades clarísimas que só Casillas, o mellor con diferenza do seu equipo, impediu que se converteran en gol. A primeira unha xogada xenial de Fernando Torres, caneo de primeiras a Ramos co calcaño orientado para o disparo que o de Aranjuez desviou coa perna. A segunda despois do córner, zurdazo de volea espectacular dende fóra da área de Mascherano que salvou o porteiro cunha estirada espectacular. Esas dúas xogadas marcaron o devir do partido. O Liverpool foi un ciclón que a duras penas souberon conter os defensores madridistas. Pepe e Cannavaro parecían debutantes desbordados ante tanto traballo. E o centro do campo, vaites! Que dicir? Que parece obsceno que o madridismo nalgún momento da eliminatoria se pensase superior ao Liverpool. Só hai que pensar que ante Diarrá, Gago e Snejder estaban nada menos que Mascherano, Xabi Alonso e Gerrard. Mascherano: o mellor recuperador de balóns do mundo? Xabi Alonso: un dos tres mellores distribuidores de balón do mundo? Gerrard, o mellor centrocampista chegador do mundo e un dos futbolistas máis competitivos e gañadores do mundo? Penso que si e por iso non debe extrañar que o Liverpool fose tan superior. Por outro lado, Fernando Torres, hipermotivado, demostrouse dianteiro de primeiro nivel mentres que Robben, como na ida, pasou absolutamente inadvertido e Raúl, tan determinante outras veces, tampouco soubo contaxiar aos seus compañeiros do entusiasmo necesario para ameazar sequera un pouquiño a porta de Pepe Reina, e afaise dende xa fai un lustro a non pasar da eliminatoria de oitavos. En fin, baño de realidade para o Madrid e mesmo para a Liga española pois se algunha conclusión se pode tirar do partido de onte, inda podendo resultar ventaxista, é que o Liverpool, terceiro clasificado da Premier, é un equipo moi superior ao segundo clasificado da Liga española, e non só por xogo, orde, disciplina, paixón... mais tamén por talento. Canto o resto da xornada, a humillación do Madrid queda pequena ante a que recibiu o Sporting de Lisboa, que despois de levar cinco goles en Alvalade, onte encaixou nada menos que sete (7-1) ante o Bayern de Múnich de Jürgen Klinsmann, que malia a súa errática traxectoria na fascinante Bundesliga, camiña con paso firme por Europa. O novo Chelsea do gran Guus Hiddink, segundo na Premier, impúxose (2-2) á Juve, terceiro clasificado no Calcio, grazas a súa mellor pegada –unha vez máis apareceu Drogba para marcar un gol decisivo. Por último, o Vila Real gañou a domicilio (1-2) ao Panathinaikos cun gol tardío de Joseba Llorente e un maxistral Ibagaza e clasifícase brillantemente para cuartos, esquecendo deste xeito a súa crise no campeonato ligueiro. (Foto de Philip Gabrielsen)

Nenhum comentário:

Postar um comentário