22/03/2009

O CELTA DE EUSEBIO SEGUE SEN GAÑAR

O Celta pode estar contento de saír de Alacante con, alomenos, un punto (2-2). O partido de onte evidenciou as mellores das virtudes e os peores dos defectos deste Celta de Eusebio que non acaba de arrincar. Onte desperidiciou un partido que se lle puxera especialmente de cara no primeiro tempo, cun marcador de 2-0, despois de xogar ben e anotar dous fermosos goles: Dani Abalo de precisa vaselina sen ángulo e o reaparecido Renan de falta directa. Con todo, o equipo vigués tiña que darlle as grazas máis unha vez a Notario, quen parou un penalti ao comezo do xogo que tería adiantado os alacantinos. Co marcador a favor segundo tempo volveu ser desesperante. O Celta desperdiciou clamorosas ocasións para dexar sentenciado o partido e logo comezou a entrar na dinámica de descontrol do xogo, produto dos nervios e da inconsistencia defensiva, que lle permitiron ao Alacante dispoñer das súas ocasións. Así chegou o 1-2 no 78 por medio de Azkoitia. Os de Eusebio sentían como perigaba outravolta un partido que pensaban gañado, e no canto de poñerlle o fecho ao xogo, as pernas treméronlles aínda máis e Notario volveuse erixir salvador con dúas magníficas intervencións que evitaron o empate. Non puido, porén, cun novo penalti que transformou Rafa Jordá no último minuto. Polo tanto, o balance do partido é enganoso para o Celta. Por unha banda acredita a mellora notable do xogo dende a chegada do novo adestrador, mais tamén a flagrante inconsistencia e falla de competitividade do equipo. A situación é aínda preocupante pero o punto de hoxe sabe a moitísimo pois deixa o descenso a un puntiño máis que a semana anterior: catro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário