08/03/2009

VITORIA REPARADORA DOS SIXERS

Esta madrugada os Sixers conseguiron unha importante vitoria (110-105) sobre os Memphis Grizzlies nun partido tolo no que os ataques primaron sobre as defensas, con continuas alternativas no marcador e no que os xogadores de Tony DiLeo anotaron ata 30 puntos ao contrataque. Viñan os Sixers dun descanso de catro días dende a súa última derrota ante os Hornets, e despois da perrencha do sempre conflictivo Samuel Dalembert, quen tivo unha actuación máis ben modesta. Destacou, porén, o grande Andre Miller que a piques estivo de asinar un triple doble con 20 puntos, 10 rebotes e 8 asistencias. Malia xogar andando é o principal responsable de que os seus compañeiros corran tanto. A principal eiva dos de Philadelphia no día de onte estivo no xogo interior, pois Dalembert, Speights, Ratliff e Evans foron incapaces de impoñerse a un soberbio Marc Gasol que fixo o seu mellor partido esta temporada con 30 puntos 13 rebotes, 2 asistencias e 2 tapóns. Para Thaddeus Young era onte un día especial pois é natural de Memphis e quixo lucirse na súa casa se ben non tivo o mellor día (14 puntos cunha baixa porcentaxe de acerto), mentres que salientou dende o banco Louis Williams con 18. Importante vitoria dos Sixers, que alén de reencontrarse co triunfo despois dunha xeira negativa, recuperou nestes catro días de descanso os principais sinais de identidade no seu xogo. Noutro partido destacado da xornada, os Heat visitaban Cleveland ofrecéndonos un interesante duelo entre Wade e Lebron despois de que a véspera os Celtics anularan completamente á estrela de Ohio. James estivo outravolta pobre na anotación (14 puntos), mais foi determinante na vitoria (89-99) do seu equipo cun triple doble (12 asistencias e 10 rebotes). Como outras veces, o liderado anotador do equipo asumiuno o base Mo Williams, quen está nun momento excepcional e onte anotou seis triples de sete intentos para un total de 29 puntos. Foi o máximo anotador do partido pois do outro lado Wade quedou en 25 e a dous rebotes do triple doble. Nouto partido destacado, os Pistons perderon (83-87) en Atlanta o seu primeiro partido dende a lesión de Allen Iverson. Na xornada da véspera, os Utah Jazz, liderados por un soberbio Deron Williams (25 puntos e 11 asistencias), sumaron a súa décima vitoria (91-97) consecutiva ante uns Denver Nuggets que chegaron a liderar o partido por 19 puntos no segundo cuarto.

Nenhum comentário:

Postar um comentário