05/03/2009

EMOCIONANTE ATHLETIC

Que grande o Athletic! Hai que ser moi duro para non compartir a emoción que se vivíu onte en San Mamés. Ledicia inmensa de toda unha cidade por algo que para outros non pasa de pequena satisfacción. Se nos últimos anos moita xente cuestionaba a pertinencia de continuar co peculiar modelo do Athletic de aposta decidida por xogadores da casa contra vento e maré, inda arriscando enormemente no deportivo pois o fútbol virou un inmenso negocio global e despiadado, onte houberon que calar e sumarse á emoción que transmitía o estadio de San Mamés cheo de seareiros enfardados de roxibranco, cantando os 90 minutos; ás colas á intemperie dende dúas noites antes para conseguir unha entrada; á celebración do segundo gol de Llorente que parecía o gol decisivo na Final do Mundial; á invasión do campo ao remate do partido que lembraba emocións xa case esquecidas como o ascenso do Dépor fai case 20 anos. O fútbol virou por fin emoción real, compartida e compartible polos que independentemente das nosas cores valoramos no fútbol algo máis que ten que ver coa emoción e co sentimento que fai que as vitorias haxa que valoralas non tanto pola súa cantidade como pola súa calidade. O Athletic, o segundo equip que máis Copas ten no seu palmarés, volve a unha final 24 anos despois! E a final será grande pois enfrente estará o Barcelona, o equipo con máis títulos e o mellor rival posible para unha xornada mítica. E falando de todo isto hai que reivindicar a figura de Joaquín Caparrós, ao que alén das filias e das fobias que poida despertar, demostrou unha vez máis que é capaz de extraer o máximo rendemento dun plantel modesto e inexperto, e de aproveitar todas as circunstancias extradeportivas ao seu favor. Onte a eliminatoria había que gañala no plano emocional e por esa vía apostou o Athletic dende o comezo do partido. E atopou o primeiro gol axiña, nunha xogada que transmite a esencia dun estilo de xogo xa centenario. Balón á área, dianteiro que a gaña por riba e centrocampista, Javi Martínez, que aparece dende atrás para rematar de cabeza, rexeite do porteiro e gol e un estadio cheo e entregado a ruxir canda os seus leóns. O Athletic non se arredou e perseverou no seu estilo, ante un Sevilla noqueado, pois se ben tamén lle concedera importancia á eliminatoria, tivo que recoñecer que nunca poderían competir en emoción e ambición cos que tiñan enfrente. Por iso chegaron o 2-0, Llorente de cabeza, e o 3-0 nunha fermosa contra con xenial pase de Llorente e definición do racial Toquero, para practicamente dar por rematado o traballo. O Sevilla procurou a reacción no segundo tempo pero nunca puido cun equipo ao que lle ía a vida en cada balón aéreo ou en cada balón cruzado. A final será ante o mellor dos rivais posibles, o Barcelona, que porén volveu demostrar que está nun preocupante estado de esgotamento físico e mental. Onte estiveron a piques de deixar ir unha eliminatoria que tiñan encarreirada ante un rival que no plano emotivo debemos situar nos antípodas do Athletic, o frío Mallorca que, en cambio, sen facer moito, conseguiu o 1-0 antes do descanso con golazo de Castro e a piques estivo de empatar a eliminatoria ao pitar o árbitro penalti e expulsión de Martín Cáceres (m.50). Nuns tempos nos que se cuestiona tanto a Víctor Valdés, erixiuse Pinto en heroe ao deter o lanzamento de Martí. Daquela Guardiola decidíu darlle entrada a Leo Messi e o partido rematou. O arxentino demostroulle ao Mallorca que el só era quen de mudar o sentido da eliminatoria e os baleares baixaron os brazos. O 1-1 de Messi no m.80 deixaba a eliminatoria sentenciada e confirmaba a final soñada por moitos: Athletic-Barça, 25 anos despois daquela outra final mítica no Bernabeu, no último partido de Maradona coa camiseta blaugrana, que gañou o Athletic con gol de Endika Guarrotxena e que acabou nunha lea inesquecible ao remate do partido impulsada por Maradona, quen aquela mesma temporada sufrira a grave lesión pola entrada de Goikoetxea, e lembrada especialmente pola criminal patada polas costas de Paco Clos a Miguel Ángel Sola. (Foto collida no blog Kirolez Blai dos blogs da Eitb)

Nenhum comentário:

Postar um comentário