18/03/2009

IGUODALA FAI CALAR O STAPLES

O partido desta madrugada foi particularmente emocionante para os adeptos dos Sixers por dúas razóns. A primeira porque lle gañamos (94-93) a un grande, ao máis grande, na súa cancha. E a segunda porque o xogador que ten que ser o faro deste equipo comportouse como tal. Andre Iguodala é un superdotado para  o baloncesto mais sempre adoeceu dunha extrema irregularidade. Capaz do mellor e do peor, o seu rendemento é o termómetro do rendemento dos Sixers. Esta temporada, coa presenza de Elton Brand sentiuse marxinado como líder e a súa participación minguou. Cando Elton Brand desapareceu do equipo polos seus problemas físicos, erixiuse por fin como o home franquía do equipo. Mais faltaba isto. Despois dunha temporada na que o equipo de Pennsylvania perdera ata catro partidos por canastras sobre a buguina, cumpría darlle a volta a tortilla. O partido chegaba igualado á recta final e Kobe, coma sempre, anotaba para deixar o marcador a favor dos Lakers (91- 93). Faltaban seis segundos e Iguodala asumiu a responsabilidade no último ataque dos Sixers. O seu triple no último suspiro non só foi a alegría puntual de gañar un partido ante un grande, senón a alegria de confirmar a grandeza duns Sixers que suman a súa cuarta vitoria e demostran que son un proxecto moi consistente a medio e longo prazo. Iguodala non só destacou hoxe pola súa canastra decisiva senón tamén porque foi quen de facer un partido defensivamente perfecto. Deixou a Kobe Bryant en apenas 11 puntos. Á marxe de Iguodala hai que destacar máis unha vez a achega decisiva do veterano Donyell Marshall, quen entrou no último cuarto e mantivo o equipo na loita grazas a tres triples de tres intentos. A estas horas, os Sixers buscan a súa quinta vitoria consecutiva na cancha dos Suns. Informaremos. (Foto de Iguodala da web dos Sixers)

Nenhum comentário:

Postar um comentário